Saltar ao contido

Schnauzer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un schnauzer mediano pedrés
Schnauzer xigante negro nunha exposición

O schnauzer é un tipo de can de orixe alemá. A Federación Cinolóxica Internacional (FCI) encadrou todas as razas schnauzer no grupo 2, sección 1, subsección 2. Divídense en tres tamaños:

  • O schnauzer pequeno (oficialmente zwergschnauzer, número 183 para a FCI): entre 30 e 35 cm á cruz.[1]
  • O schnauzer mediano (oficialmente schnauzer, e ás veces mittelschnauzer, número 182 para a FCI): entre 45 e 50 cm á cruz.[2]
  • O schnauzer xigante (oficialmente riesenschnauzer, número 181 para a FCI): entre 60 e 65 cm á cruz para as femias, e de 65 a 70 para os machos.[3]

Nos tres talles preséntanse dúas cores: a negra, e a pedresa, que é característica deste tipo de cans. No schnauzer pequeno existen tamén a mestura de cor negra e prata, mentres que a FCI recoñece tamén a branca, que non é aceptada polo outro gran organismo internacional, o American Kennel Club. A clasificación da FCI establece as cores de cada tamaño como razas independentes, co que poden competir nos eventos caninos de forma separada as oito variedades recoñecidas baixo a denominación de schnauzer.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A palabra schnauzer ven da alemá schnauze, que significa fociño, debido ó característico cano nasal poboado dunhas espesas barbas que distingue a esta caste de cans.

O schnauzer e outras razas actuais, como algúns tipos de pinscher e os affenpinscher, comparten orixe común. No século XIX coñecíase este tipo de cans pois empregábanse como excelentes cans de garda nas cortes pola súa habelencia como cazadores de roedores.

No ano 1895 fúndase o Pinscher Klub, hoxe en día coñecido como Pinscher Schnauzer Klub (PSK), que comeza a clasificar e traballar pola cría e mellora destes cans. Os que deron lugar á raza schnauzer nomeáronse inicialmente como rauhhaarige pinscher, que serían os primeiros exemplares rexistrados nos libros de cría do PSK como schnauzers. Estes exemplares tiñan un tamaño algo menor cós medianos actuais, e coa selección de cruzamentos entre os cans deste tipo máis pequenos darían lugar ao schnauzer pequeno.[4]

  1. "Estándar FCI do schnauzer pequeno". Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2007. Consultado o 22 de outubro de 2007. 
  2. "Estándar FCI do schnauzer mediano". Arquivado dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2006. Consultado o 03 de xaneiro de 2006. 
  3. "Estándar FCI do schnauzer xigante". Arquivado dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2006. Consultado o 03 de xaneiro de 2006. 
  4. A grande historia do schnauzer