Rough Trade Records
Rough Trade Records | |
---|---|
Tipo | selo discográfico |
Data de fundación | 1978 |
Fundador(es) | Geoff Travis |
Sede | Londres |
País | Reino Unido |
Na rede | |
http://www.roughtraderecords.com | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Rough Trade Records é un selo discográfico independente baseado en Londres. Foi fundado en 1978 por Geoff Travis, o cal abrira unha tenda de discos en Ladbroke Grove dous anos antes. Travis tivo éxito promocionando e vendendo discos de bandas de punk rock e post-punk, como Buzzcocks e Desperate Bicycles, e comezou a xestionar artistas e a distribuír bandas como Scritti Politti, e entón iniciou o selo, que se fixo independente da tenda en 1984. Pouco despois, Rough Trade tamén creou unha rama encargada da distribución que servía tendas independentes do Reino Unido, unha rede que se fixo coñecida co nome de "Cartel".
O selo quebrou en 1991, pero Travis resucitouno no ano 2000 conseguindo o éxito dende entón con artistas como The Libertines, The Strokes e Anthony and the Johnsons.
Historia
[editar | editar a fonte]Rough Trade comezou como unha tenda de discos, aberta por Geoff Travis en Kensington Park Road, Londres, en febreiro de 1976. A tenda estaba inspirada no que Travis describiu como a "contorna comunitaria" da City Lights Bookstore de San Francisco, e especializouse en garage rock e reggae. A Steve Montgomery, inicialmente un cliente da tenda, ofreceuselle un traballo pouco despois da súa apertura e converteuse no seu co-administrador. A Travis e Montgomery uníuselles un empregado máis, Richard Scott, en xuño de 1977.[1][2]
Rough Trade produciu o seu primeiro disco despois de que a banda francesa de punk rock Métal Urbain fose á tenda pedindo axuda para publicitar a súa música.[2] En 1978 a tenda comezou a organizar unha rede de distribución de discos, bautizada como "The Cartel", en colaboración con outras tendas de discos independentes do Reino Unido. Esta rede permitiu a pequenos selos como Factory Records e 2 Tone Records vender os seus lanzamentos a nivel nacional. A rede especializouse principalmente en post-punk europeo e outros xéneros do rock alternativo a finais dos 70 e comezos dos 90. Tamén se encargou de distribuír distintos fanzines británicos como No Cure.
O selo Rough Trade publicou posteriormente un sinxelo do cantante xamaicano de reggae Augustus Pablo, o EP de estrea da banda de Sheffield Cabaret Voltaire e o segundo sinxelo de Stiff Little Fingers, "Alternative Ulster". Durante 1978 a discográfica editou sinxelos de The Monochrome Set, Subway Sect, Swell Maps, Electric Eels, Spizzoil e Kleenex.[3] En 1979 o primeiro álbum de Rough Trade, o Inflammable Material de Stiff Little Fingers, acadou o número 14 das listas británicas e converteuse no primeiro álbum editado por un selo independente en vender máis de 100 000 copias no Reino Unido.[4] A importancia de Rough Trade nesa época era tanta que foi obxecto dun documental do prograna The South Bank Show.[5]
En 1982, os puntos de venda romperon coas divisións de A&R e de distribución, despois dunha decisión para permitir ao persoal da tenda mercar a súa parte.[6] A parte de distribución atopouse cun exceso de transaccións cara 1991 e a escaseza de cartos levouna a declarar a bancarrota. Toda a compañía acabaría quebrando.
Rough Trade Records foi relanzada no ano 2000 como unha entidade de propiedade independente, unha asociación entre Travis, Jeanette Lee (antiga membro de Public Image Ltd.), e socios minoritarios de Sanctuary Records, como unha parte do Zomba Group ata o 11 de xuño de 2002, cando BMG mercou ese negocio. En xullo de 2007 Sanctuary Records vendeu entón Rough Trade ao Beggars Group facendo á discográfica independente outra vez.[7]
Dende o seu renacemento e asociación co Beggars Group, Rough Trade volveu confirmar o seu lugar no mercado con artistas como Warpaint, Howler, Pantha Du Prince, Emiliana Torrini ou Dean Blunt.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Taylor, Neil (2010). Orion Books, ed. Document and Eyewitness: An Intimate History of Rough Trade. Londres. ISBN 978-0752853581.
- ↑ 2,0 2,1 The Guardian (ed.). "Johnny Marr interviews Rough Trade founder Geoff Travis". Consultado o 2 de maio de 2017.
- ↑ Young, Rob (2006). Black Dog Publishing, ed. Rough Trade. Londres. p. 178. ISBN 978-1904772477.
- ↑ Cranna, Ian (4-17 de outubro de 1979). "Rough Charm". Smash Hits: 6–7.
- ↑ BFI (ed.). "The Allen Jones Woman / Rough Trade". Consultado o 2 de maio de 2017.
- ↑ Spitalfields Life (ed.). "Pete Donne, Rough Trade". Consultado o 2 de maio de 2017.
- ↑ Billboard (ed.). "Beggars Group Buys Rough Trade". Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2016. Consultado o 2 de maio de 2017.