Receptor de células B
O receptor de células B (BCR) é unha proteína receptora transmembrana situada na superficie dos linfocitos B (células inmunitarias produtoras de anticorpos). O linfocito B contacta co antíxeno estraño por medio do seu receptor, o que é necesario para a súa activación. O residuo do receptor que se une ao antíxeno é un anticorpo integrado na membrana, que expón ao exterior as súas rexións Fab, e que, como todos os anticorpos, ten un sitio de unión específico para un certo antíxeno, determinado aleatoriamente durante a maduración dos clons de linfocitos B (cada clon de células B ten unha especificidade distinta). Cando un linfocito B se une por primeira vez ao seu antíxeno específico, é activado, empeza a proliferar e a diferenciarse, xerando unha poboación de células plasmáticas B de grandes retículos endoplasmáticos rugosos produtoras e secretoras de anticorpos, e células B de memoria, que non actuarán ata que se produza unha resposta secundaria durante a segunda exposición a ese mesmo antíxeno.
O receptor da célula B ou BCR exerce dúas funcións esenciais na súa interacción cos antíxenos. Unha función é a transdución de sinais, que implican cambios na oligomerización do receptor. A segunda función é mediar na internalización e posterior procesamento do antíxeno, péptidos do cal serán despois presentados na superficie celular ás células T colaboradoras ou TH. As funcións do BCR son necesarias para unha produción normal de anticorpos, e os defectos na transdución de sinais desde o BCR poden orixinar inmunodeficiencia,[1] autoinmunidade [2], e tumores de células B [3].
Compoñentes do receptor de células B
[editar | editar a fonte]O receptor de células B está composto por dúas partes [4]:
- Residuo de unión ao ligando: É unha molécula de inmunoglobulina (anticorpo) ligada á membrana dun só isotipo (IgD, IgM, IgA ou IgE). É idéntica ás formas segregadas libres deses anticorpos coa excepción de que ten un dominio especial para integrarse na membrana.
- Residuo para a transdución de sinais: É un heterodímero chamado CD79 (ou tamén CD79A/CD79B, antes denominado Ig-α/Ig-β), que se mantén unido por pontes disulfuro. Cada membro deste dímero esténdese por todo o grosor da membrana e ten unha cola citoplasmátiica que leva un motivo de activación baseado na tirosina inmunorreceptor (ITAM).
Vías de sinalización do receptor de células B
[editar | editar a fonte]Hai varias vías de sinalización por medio das que o BCR pode transducir sinais. As que se coñecen poden transducir sinais intracelularmente a través da vía PLCy/calcio/NFAT, a vía PI3K, a vía IKK/NF-κB, e a vía ERK canónica. (ver imaxe) [5] Estas vías de sinalización finalmente orixinan a expresión inicial de certos xenes que posteriormente activan a outros implicados na proliferación das células B, diferenciación e produción de inmunoglobulinas e outros procesos.
No caso da vía do factor de transcrición IKK/NF-κB o funcionamento é o seguinte:
- O CD79 e outras proteínas, microsinalosomas, activan a PLCɣ despois de que o antíxeno foi recoñecido polo BCR e antes de que se asocie co c-SMAC (grupo ou cluster de activación supramolecular central).
- Despois o PIP2 (fosfatidilinositol bisfosfato) escíndese en IP3 (inositol trifosfato) e DAG (diacilglicerol). O IP3 actúa como un segundo mensaxeiro e fai incrementar moi substancialmente a cantidade de ións calcio no citosol (que son liberados do retículo endoplasmático ou entran desde o medio extracelular por canais iónicos). Isto orixina finalmente a activación de PKCβ polo calcio e o DAG.
- O PKCβ fosforila (directa ou indirectamente) ao complexo proteico de sinalización de NF-κB chamado CARMA1 (o complexo consta de CARMA1, Bcl10, e MALT1). Isto ten como resultado o recrutamento da IKK (IκB quinase), TAK1 por varios encimas que realizan ubiquitilacións tamén asociados co complexo CARMA1/Bcl10/MALT. O MALT1 é unha proteína similar a unha caspase que corta a A20, unha proteína inhibitoria da sinalización por NF-κB (a cal actúa desubiquitilando os substratos de ubiquitilacion de NF-κB, e ten un efecto inhibitorio). O TAK1 fosforila o trímero IKK despois de que este tamén foi recrutado no complexo de sinalización polos seus encimas de ubiquitilación asociados.
- O IKK despois fosforila a IκBα (que se une e inhibe a NF-κB), o cal induce a destrución de IκB ao marcalo para a degradación proteolítica, liberando NF-κB citosólico.
- O NF-κB migra agora ao núcleo celular onde se une a elementos de resposta específicos do ADN, causando o recrutamento de moléculas de transcrición e comezando o proceso de transcrición.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Conley, Mary Ellen; Dobbs, A. Kerry; Farmer, Dana M.; Kilic, Sebnem; Paris, Kenneth; Grigoriadou, Sofia; Coustan-Smith, Elaine; Howard, Vanessa; Campana, Dario (2009-04-01). "Primary B Cell Immunodeficiencies: Comparisons and Contrasts". Annual Review of Immunology (en inglés) 27 (1): 199–227. ISSN 0732-0582. doi:10.1146/annurev.immunol.021908.132649. Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2022. Consultado o 24 de febreiro de 2022.
- ↑ Goodnow, Christopher (2007). "Multistep pathogenesis of autoimmune disease". Cell 130 (1).
- ↑ Corcos, D; MJ Osborn, LS Matheson (2011). "B-cell receptors and heavy chain diseases: guilty by association?". Blood 117 (26). PMID 21508409. [1]
- ↑ Kindt, Thomas J.; Goldsby, Richard A.; Osborne, Barbara A.; Kuby, Janis (2007). W.H. Freeman - New York, ed. Kuby immunology. ISBN 1-4292-0211-4.[2]
- ↑ 5,0 5,1 Kurosaki, Tomohiro; Hisaaki Shinohara, Yoshihiro Baba (2008). "B Cell Signaling and Fate Decision". Annual Review of Immunology 28 (1). doi:10.1146/annurev.immunol.021908.132541. Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2020. Consultado o 13 de maio de 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- MeshName - B-Cell+Antigen+Receptors [3]