Pula (moeda)
- Para outros usos da palabra, véxase a páxina de homónimos Pula
Pula (moeda) | |
---|---|
Código: | BWP |
Ámbito: | Botswana (oficial). Cimbabue (non oficial). |
Símbolo: | P |
Fracción: | 100 thebe. |
Moedas: | 5, 10, 25 e 50 thebe. 1, 2 e 5 pula. |
Billetes: | 10, 20, 50, 100 e 200 pula. |
Emisor: | Bank of Botswana. |
Taxa de troco: 9-01-2021 | 1 EUR = 13,51 BWP 1 USD = 11,02 BWP[1] |
Pula é a unidade monetaria oficial da República de Botswana desde 1976, dividido en 100 thebe.
O seu código ISO 4217 é BWP e o seu símbolo monetario é P.[2][3]
Denominación
[editar | editar a fonte]"Pula" é unha palabra do idioma setswana que significa, literalmente, "choiva". O feito de recorrer a este termo para designar a moeda débese a que a choiva é un ben moi escaso en Botswana e, xa que logo, é moi valiosa.[4][5] A palabra "pula" é tamén o lema nacional do país.[6]
Tanto esta denominación como a da súa moeda divisionaria, o thebe (que significa "escudo"), foron escollidas mediante consulta popluar.[4]
Historia
[editar | editar a fonte]Cando Botswana acadou a súa independencia en 1966 adoptou como moeda o rand surafricano, dado que o novo Estado formaba parte da Área Monetaria Rand (RMA). No entanto, o 6 de setembro de 1974 adoptouse a decisión de abandonar a RMA, o que requiría a adopción dunha nova moeda, que entrou en circulación o 23 de agosto de 1976, que a partir de entón pasou a celebrarse como Pula Day ("día do pula" e "día da choiva").[4]
Os primeiros billetes foron impresos pola compañía británica Thomas de la Rue e as primeiras moedas foron cuñadas pola Royal Mint, de Londres. A nova moeda cambiábase á par co rand surafricano e inicialmente estableceuse un prazo de 100 días para completar o proceso de substitución.[4]
Moedas
[editar | editar a fonte]En 1976 puxéronse en circulación por primeira vez as moedas divisionarias cos valores de 1, 5, 10, 25 e 50 thebe,[4] así como a de 1 pula; a primeira delas de aluminio, a de 5 thebe de bronce e as restantes de cuproníquel. Todas elas eran de forma redonda, agás a de 1 pula, que era festonada con 12 lóbulos. En 1981 completouse a serie circulante cunha moeda de bronce de 2 thebe, de forma dodecagonal, conmemorativa do Día Mundial da Alimentación da FAO, emisión que se repetiu en 1985.[7]
En 1991 actualizouse o deseño das moedas de 5 thebe (aceiro bañado en bronce), das de 10, 25 e 50 thebe (agora de aceiro bañado en níquel), e tamén da de 1 pula, que pasou a ser máis pequena, de aliaxe de níquel-latón e de forma equilátera con sete caras curvadas. En 1994 engadíuselle a esta segunda serie o valor de 2 pula, de níquel-latón e cunha forma similar, e en 2004 cambiou a súa composición polo aceiro revestido de latón, e cun tamaño lixeiramente máis pequeno.[7]
Logo da retirada da circulación das moedas de 1 e de 2 thebe en 1991 e en 1998, respectivamente, introducíronse unhas moedas novas de 5, 10, 25 e 50 thebe: as de 5 e de 25 thebe con sete caras e as de 10 e 50 thebe de forma redonda. En 2000 engadiuse á serie unha moeda bimetálica de 5 pula, cun núcleo de cuproníquel e un aro exterior de aluminio-níquel-bronce.[7]
Finalmente, en 2013 entrou en circulación unha nova serie completa de moedas e todas as que ata ese momento estaban en circulación foron desmonetizadas o 28 de agosto de 2014, aínda que continuaron a poder cambiarse polas novas durante cinco anos, ata o 28 de agosto de 2019.[7][8]
Imaxe | Valor | Datas | Metal | Diámetro | Peso | Grosor | Canto | Anverso | Reverso |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
5 thebe | 2013 | Aceiro bañado en níquel. | 18 mm | 2,218 g | 1,3 mm | Liso | Escudo de Botswana | Bucerótido. | |
10 thebe | 2013 | Aceiro bañado en níquel. | 20 mm | 2,8 g | 1,4 mm | Estriado | Oryx gazella. | ||
25 thebe | 2013 | Aceiro bañado en níquel. | 22 mm
(heptagonal) |
4,2 g | 1,6 mm | Liso | Cebú. | ||
50 thebe | 2013 | Aceiro bañado en níquel. | 24 mm | 5,3 g | 1,8 mm | Estriado | Haliaeetus vocifer. | ||
1 pula | 2013
a 2016 |
Aceiro bañado en bronce. | 26 mm | 7,8 g | Liso | Cebra. | |||
2 pula | 2013
a 2016 |
Núcleo: aceiro bañado en bronce.
Aro: aceiro bañado en níquel. |
27 mm | 7,3 g | 2 mm | Estriado | Rinoceronte. | ||
5 pula | 2013
a 2016 |
Núcleo: cuproníquel.
Aro: latón. |
28 mm | 8,7 g | 2,2 mm | Segmentado | Gonimbrasia belina. |
Billetes
[editar | editar a fonte]O 23 de agosto de 1976, o Banco de Botswana puxo en circulación billetes cos valores de 1, 2, 5 e 10 pula,[4] e o 16 de febreiro de 1978 o de 20 pula. Os de 1 e de 2 pula foron substituídos por moedas en 1991 e en 1994. O 29 de maio de 1990 introduciuse o billete de 50 e o 23 de agosto de 1993 o de 100 pula. O de 5 pula foi substituído por unha moeda do mesmo valor en 2000. Os billetes de 1, 2 e 5 pula da primeira serie foron desmonetizados o 1 de xullo de 2011.[16]
A serie en circulación foi introducida o 23 de agosto de 2009 e inclúe por primeira vez un billete de 200 pula.[4][17][18] Do mesmo xeito que os billetes emitidos anteriormente, os billetes foron impresos no Reino Unido pola compañía Thomas de la Rue.[16]
Como consecuencia da deficiente calidade dos billetes de 10 pula, o Bank of Botswana anunciou en novembro de 2017 a creación dun novo billete feito en polímero, e este foi posto en circulación o 1 de febreiro de 2018.[19][20][21]
Imaxe | Valor | Tamaño (cm) | Anverso | Reverso | |
---|---|---|---|---|---|
Anverso | Reverso | ||||
10 pula | 132 x 66 | Presidente Ian Khama | Edificio do parlamento, Gaborone. | ||
20 pula | 138 x 69 | Kgalemang Tumediso Motsete | Equipamento mineiro. | ||
50 pula | 144 x 72 | Presidente Seretse Khama. | Pantanos do delta do Okavango. | ||
100 pula | 150 x 75 | Tres xefes (Sebele I, Bathoen I, Khama III) | Minaría do diamante. | ||
200 pula | 156 x 78 | Profesora e alumnos. | Cebras. |
Uso en Cimbabue
[editar | editar a fonte]Por mor da hiperinflación en Cimbabue a partir de 2006, o Goberno de Botswana permitiu a circulación de moeda estranxeira no seu territorio a partir de setembro de 2008. O dólar de Cimbabue declarouse obsoleto o 12 de abril de 2009 e varias divisas, entre elas o rand surafricano e o pula de Botswana, circularon en Cimbabue, xunto cos billetes e as moedas bono cimbabuenses.[27]
Porén, en setembro de 2019 o Goberno de Cimbabue anuncou que o pula de Botswana e o resto das divisas estranxeiras deixaban de ter curso legal no país, que adoptaba novamente o dólar cimbabuense como única moeda ofical, en forma de bonos, coñecido tamén como dólar RTGS.[28]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cambio entre pula, euro e dólar. Nataf.net
- ↑ "World Currency Symbols". Xe.com
- ↑ "Códigos de divisas por países". Iban.com
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 "History of Botswana Currency". Bank of Botswana.
- ↑ "Pula currency". FactRepublic.com
- ↑ "Botswana Flag". Know Botswana.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 "Botswana. Pula (1976-date)". Numista.com
- ↑ "New Family of Coin". Bank of Botswana.
- ↑ "5 Thebe". Numista.com
- ↑ "10 Thebe". Numista.com
- ↑ "25 Thebe". Numista.com
- ↑ "50 Thebe". Numista.com
- ↑ "1 Pula". Numista.com
- ↑ "2 Pula". Numista.com
- ↑ "5 pula". Numista.com
- ↑ 16,0 16,1 "Botswana". Banknote.ws
- ↑ "Botswana new note family (B124a – B128a) confirmed". BanknoteNews.com
- ↑ "Botswana new date (2014) 200-pula note (B128d) confirmed". BanknoteNews.com
- ↑ "Botswana new 10-pula polymer note (B129a) confirmed". BanknoteNews.com
- ↑ "Khama Launches New Bank Notes". MMegi Online.
- ↑ "10 Pula 2018". Banknote.ws
- ↑ "10 Pula". Banknote.ws
- ↑ "20 Pula". Banknote.ws
- ↑ "50 Pula". Banknote.ws
- ↑ "100 Pula". Banknote.ws
- ↑ "200 Pula". Banknote.ws
- ↑ Judias Peter Sai (2014). "The Benefits of the Multi-Currency System to Micro, Small and Medium Enterprises (MSMEs) in Zimbabwe". En International Journal of Management Sciences. Research Academy of Social Sciences. Vol. 4(5). Páxinas 231-240.
- ↑ "Zimbabwe declares interim RTGS dollar its sole legal currency". Reuters. 12 de setembro de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pula |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Krause, C. L.; Mishler, C. (1991). Standard Catalog of World Coins: 1801-1991. (18ª ed.). Krause Publications. ISBN 0-87341-150-1
- Pick, A. (1994). Standard Catalog of World Paper Money: General Issues. (7th ed.). Krause Publications. ISBN 0-87341-207-9