Prioritarismo
O prioritarismo ou a visión prioritaria é unha visión, dentro da ética e da filosofía política, que sostén que a bondade dun resultado mídese en función do benestar xeral de todos os individuos cun peso extra dado aos individuos máis desfavorecidos: é unha posición que defende que temos que minimizar o desvalor e maximizar o valor dando unha maior prioridade a quen se atopan nunha situación peor. O prioritarismo pode ser defendido dende posicións consecuencialistas ou dende posicións deontoloxistas. Dende posicións consecuencialistas deféndese sostendo que debemos actuar de xeito que a cantidade total de valor agregado sexa a máxima dando prioridade a aqueles que están peor. Dende posicións deontoloxistas considérase que debemos actuar para que a situación na que se atopan os distintos individuos sexa a mellor posíbel tendo prioridade aqueles que se encontran na peor situación. Ambas as posicións, consecuencialistas e deontoloxistas, son compatíbeis con calquera concepción do valor intrínseco.
O termo prioritarismo foi acuñado polo filósofo moral Larry Temkin nun esforzo por explicar a forma non igualitaria da teoría. Richard Arneson, un defensor desta concepción, ofrece a seguinte formulación: "o prioritarismo sostén que o valor de lograr un beneficio (ou evitar unha perda) para un individuo depende da magnitude do beneficio e do nivel de benestar da persoa ao longo da súa vida".
Distinción respecto o utilitarismo
[editar | editar a fonte]Igual que os utilitarios, os prioritarios cren na maximización do valor (ou da bondade, sempre que esta última consista en algo máis que no benestar xeral). O prioritarismo defende, a diferenza deles, que os beneficios para os máis desfavorecidos son máis importantes que os beneficios para os máis favorecidos. O prioritarismo aseméllase ao utilitarismo nunha forma de consecuencialismo agregado. Porén diferenciase deste en que non pondera o benestar de todos os individuos por igual, senón que dá prioridade aos individuos que están en peor situación económica. Para comprender a diferenza entre utilitarismo e prioritarismo, imaxine unha sociedade de dúas persoas: os seus únicos membros son Jim e Pam. Jim ten un nivel extremadamente alto de benestar, é rico e vive unha existencia feliz. Pam, pola contra, ten un nivel extremadamente baixo de benestar, está en extrema pobreza, vivindo unha existencia infernal. Agora imaxine que temos algúns recursos gratuítos (digamos, 10 000 dólares) que podemos distribuír aos membros desta sociedade como mellor nos pareza. Baixo circunstancias normais, debido á diminución da utilidade marxinal do diñeiro, os 10 000 dólares xerarán máis benestar para Pam que para Jim.
Polo tanto, baixo circunstancias normais, un utilitario recomendaría dar os recursos a Pam. Porén, imaxínese que Jim, pola razón que sexa, aínda que sexa moi rico, gañaría tanto benestar ao recibir os 10 000 dólares como o faría Pam. Agora ben, posto que non hai diferenza en termos de benestar xeral en canto a quen recibe os 10 000 dólares, os utilitarios dirían que non hai ningunha diferenza en absoluto en canto a quen recibe os 10 000 dólares. Os prioritarios, pola contra, dirían que é mellor beneficiar a Pam, o individuo en peor situación económica.
Prioritarismo, utilitarismo e igualitarismo
[editar | editar a fonte]Ás veces existe certa controversia ou confusión á hora de marcar claramente as diferenzas entre prioritarismo, utilitarismo e igualitarismo. Deste xeito, como se propoñía no apartado anterior, os utilitaristas defenderán axudar ás persoas sempre e cando iso sume sobre a situación que xa existía. Non obstante, os prioritaristas serán partidarios de axudar sempre a quen se atope en peor situación, aínda que iso non supoña un incremento ou sexa máis difícil executar dita axuda. Polo tanto, para os utilitaristas, a importancia moral do beneficio está determinada pola magnitude do beneficio en cuestión; mentres que os prioritaristas tamén teñen en conta o ben que estea a persoa que reciba ese beneficio, de forma que este terá máis peso canto peor estea o individuo.
Por outra banda, o punto de inflexión co igualitarismo sitúase en que, para os prioritarisas, o importante é que hai que axudar aos que peor están polo simple feito de que o están. É dicir, non axudan a uns individuos porque estean peor en comparación a outros individuos. Así pois, os beneficios serían igualmente importantes para esas persoas que están en peor situación, aínda que non existisen persoas en mellor situación ca eles.
En conclusión, o igualitarismo repara nas relatividades e importa cal é o nivel de benestar de alguén en comparación ao doutra persoa. Pola contra, o prioritarismo só se preocupa dos niveis absolutos dos individuos.[1]
Argumentos a favor do prioritarismo
[editar | editar a fonte]O prioritarismo non só serve como un “desempate”, senón que pode ir en contra da utilidade xeral.
Tamén é posibelmente máis coherente co sentido común que as formas radicais de igualitarismo que só valoran a igualdade. O prioritarismo non outorga ningún valor intrínseco á igualdade de benestar entre os individuos e non considera que un movemento cara a unha distribución máis equitativa do benestar sexa mellor se non se beneficia aos máis desfavorecidos.
Ademais de ter vantaxes potenciais sobre o utilitarismo e o igualitarismo radical, o prioritarismo tamén ten relación co principio minimax. O principio maximin clasifica os resultados unicamente en función do benestar dos membros máis desfavorecidos da sociedade.
Quen defenden o prioritarismo manifestan unha preocupación por aquelas persoas que se atopan nunha situación de clara desvantaxe respecto aos demais. Un dos argumentos que empregan contra o igualitarismo é a chamada obxección da igualación á baixa. Segundo esta última, o igualitarismo buscaría unha situación na cal o nivel de benestar dos individuos fose para todos o mesmo, independentemente de que iso supuxese baixar o nivel de todos para lograr esa equidade. Deste modo, os defensores do prioritarismo defenderán que a igualdade pasaría a ser algo desfavorable nese caso, tendo en conta que o nivel de benestar xeral dos individuos descendería.
Argumentos en contra do prioritarismo
[editar | editar a fonte]As críticas ao prioritarismo inclúen moitas das obxeccións estándar que se vinculan ao consecuencialismo agregado, por exemplo, a reprobable conclusión e aquelas que se basean na aparente inverosimilitude de certos equilibrios. Tamén hai obxeccións a cuantificar, medir ou facer comparacións interpersoais do benestar, que se opoñen á maioría, se non a todas as formas de consecuencialismo agregado, incluído o prioritarismo.
Outra crítica ao prioritarismo refírese á importancia que debe darse ao benestar dos máis desfavorecidos. Pode haber cuestións de arbitrariedade implicadas. Os prioritarios enfróntanse á tarefa potencialmente incómoda de equilibrar o benestar xeral coa prioridade. Calquera teoría que deixe espazo para o xuízo en casos particulares, tamén é susceptíbel a ese tipo de obxección sobre a neglixencia ou a arbitrariedade. Un prioritario podería afirmar que a cantidade de peso que se lle debe dar ao benestar dos máis desfavorecidos é algo que debe ser calculado en equilibrio reflexivo, ou que se os pesos non poden ser determinados con exactitude, existe un rango de pesos que é aceptábel ou xustificábel.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Parfit, Derek (2004). Personas, racionalidad y tiempo. Madrid: Síntesis.