Saltar ao contido

Lagarta galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Podarcis bocagei»)
Lagarta galega
Podarcis bocagei

Podarcis bocagei, femia, na Coruña
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Reptilia
Orde: Squamata
Suborde: Lacertilia
Infraorde: Scincomorpha
Familia: Lacertidae
Xénero: Podarcis
Especie: P. bocagei
Nome binomial
Podarcis bocagei
(Seoane, 1885)
Área de distribución de Podarcis bocagei
Área de distribución de Podarcis bocagei

Área de distribución de Podarcis bocagei

A lagarta galega (Podarcis bocagei) é unha especie de réptil escamoso da familia dos lacértidos, unha das numerosas integradas no xénero Podarcis.

É unha lagarta endémica do noroeste da Península Ibérica, abundante en Galicia e cunha distribución algo máis limitada nas outras partes da súa área de distribución,[2] o que xustifica plenamente o seu nome vulgar en galego. De tamaño mediano (uns 20 cm), silueta esvelta e cola mediana, os machos adultos teñen o dorso verde e os flancos pardos; as femias adultas e os inmaturos teñen o dorso e os flancos pardos. O ventre, en ambos os sexos, é abrancazado, analanxado ou amarelado.

Vive en zonas pedregosas e con matogueiras moi mestas. É activa ao serán e pola mañá. Caza coleópteros, bolboretas, isópodos e arañas.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1885 (como variedade) polo naturalista galego Víctor López Seoane,[3] no seu traballo Identidade de Lacerta Schreiberi (bedriaga) e Lacerta Vindis, var. Gadivii (Boulenger) e investigaciones espelológicas en Galicia Arquivado 14 de agosto de 2021 en Wayback Machine.. La Coruña: Real Academia Gallega.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O epíteto específico, bocagei, foi unha homenaxe de López Seoane ao seu contemporáneo, o zoólogo portugués José Vicente Barbosa du Bocage.[4]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[3]

  • Lacerta muralis var. bocagei Seoane, 1885 (protónimo)
  • Lacerta muralis bocagei Galán, 1931
  • Podarcis bocagei Engelmann et al., 1993.[3]

Nota taxonómica

[editar | editar a fonte]

Podarcis bocagei foi descrita en 1885 por Víctor López Seoane como unha variedade de Podarcis muralis a partir de individuos recolectados por el na provincia da Coruña. Porén, a complexidade taxonómica dos pequenos lacértidos europeos non comezaría a aclarse até despois da morte de Seoane (ocorrida en 1900), ao longo do século XX, continuando até os nosos días, no século XXI, cando aínda quedan varias formas de status incerto e probábelmente especies aínda por describir na Península Ibérica.[5][6]. Por iso é especialmente meritorio que este investigador galego recoñecera hai máis de 130 anos a esta lagarta como unha forma ben diferenciada, denominándoa Lacerta muralis var. Bocagei (López Seoane, 1884). Seoane recoñeceu os caracteres diferenciais, neste caso referidos á pigmentación dos machos adultos, con respecto a Lacerta muralis fusca (= Podarcis muralis) e L. pityusensis (= Podarcis pityusensis). Até 1978 esta lagarta non foi recoñecida como unha especie diferenciada, comezando o seu estudo como tal a partir de 1981. Tras a súa elevación ao rango de especie, diferenciáronse dúas subespecies, P. b. carbonelli, do Sistema Central occidental, e P. b. berlengensis, da illa Berlenga, en Portugal. Porén, recentemente, estas formas foron asignadas á nova especie Podarcis carbonelli, á que tamén se adscribiron a maioría das poboacións portuguesas existentes ao sur do río Douro, anteriormente consideradas como pertencentes á forma nominal.[5][6] Polo tanto, Podarcis bocagei considérase agora monotípica.[5]

Características

[editar | editar a fonte]

De tamaño mediano (mide de 45 a 70 mm de lonxitude da cabeza e tronco, cunha cola de entre 1,5 e 2 veces esta lonxitude ) e aspecto robusto nos machos (as femias son algo máis pequenas). A cabeza é alta, co fociño arredondado, e non achatado, separada do tronco por un colar liso de 7 a 14 escamas.[7] O deseño e a cor da súa pel son moi variábeis, aínda que son caraterísticas as liñas dorsolaterais claras e continuas. A especie, en Galicia, carece das manchas azuis que poden aparecer noutras do xénero Podarcis, polo menos en case todas as poboacións galegas, a diferenza das portuguesas que, en xeal, as teñen.[8]

Dimorfismo sexual

[editar | editar a fonte]

Os machos son máis grandes, máis robustos e pesados que as femias. Estas teñen a cabeza e as extremidades proporcionalmente máis pequenas. Os machos posúen entre 25 e 28 fileiras transversais de escamas ventrais, mentres que as femias teñen máis, entre 28 e 33.[9]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

A lagarta galega é moi ubicua, ocupando diversos hábitats, como zonas abertas de bosques caducifolios, matogueiras atlánticas (Taxus sp., Erica sp., Calluna sp., Ulex sp.), bodos de camiños, valados, sebes, zonas pedregosas, areais, dunas costeiras, cantís costeiros, e en zonas rurais, incluíndo aldeas.[1][7] Encóntrase a altitudes desde o nivel do mar até os 1 900 m.[1]

En canto aos seus requirimentos climáticos, pódense considerar intermedios entre os de Iberolacerta monticola e Podarcis hispanica, o que explicaría a súa dispersión por todo o territorio galego, se ben a súa dispersión é menos continua nas rexiónms meridionais de clima con influencia mediterránea, máis secas e abruptas, onde predomina P. hispanica.[8]

Distribución

[editar | editar a fonte]

É unha especie endémica do noroeste da Península Ibérica, limitándose a súa área de distribución a toda Galicia, Asturias, noroeste de Castela e León e o norte de Portugal,[7] onde chega até a antiga provincia da Estremadura.[3] En Galicia está amplamente espallada e homoxeneamente distribuída por todo o país, aínda que non en grandes densidades, excepto nas zonas meridionais, de clima de influenciaa mediterránea, onde escasea máis.[8]

O seu carácter termófilo reflíctese en certa medida na súa distribución, e aínda que o seu rango altitudinal é amplo, desde o nivel do mar até os 1 900 m, como quedou dito, en Galicia encóntrase desde o nivel do mar (foi atopara por Galán nas Sisargas, onde acada maior tamaño nos illotes litorais) até a pena Trevinca,[10]

Nutrición

[editar | editar a fonte]

A súa alimentación baséase sobre todo en arácnidos e insectos, predominando entre estes últimos os coleópteros, dípteros, formícidos, homópteros e larvas.[7]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

A lagarta galega adoita alcanzar a súa madurez sexual aos dous anos de vida. O período de celo desta lagarta en Galicia vai desde marzo até xuño (datos tomados por Galán en zonas litorais da Coruña).[11] En Galicia realiza tres postas anuais, e entre 2 e 9 ovos cada unha, depoendedo do tamaño da femia. Os ovos son de cor branca e moi alongados, cun diámetro maior de entre os 14 e os 18 mm, e un diámetro menor de entre os 8 aos 10 mm.[7] Estes tardan de 40 a 60 días en eclosionaren.[12]. Os xuvenís miden de 22 a 26 mm de lonxitude de cabeza e tronco, chegando até os 73 mm contando a cola. A súa coloración é verdosa viva nas partes superiores (que desaparece ao medraren), e o resto do corpo é apardazada.[7]

Aínda que a especie non está ameazada significativamente en xeral, algunhas poboacións poden estaren ameazadas por incendios forestais nos bosques de coníferas, a degradación dos hábitats dunares costeiros e o desenvolvemento de instalacións turísticas.[1]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o status da especie como LC (pouco preocupante) debido á súa distribución relativamente ampla, a tolerancia a un grao de modificación do seu hábitat, a presunta poboación numerosa, e porque é improbábel que estea a diminuír o suficientemente rápido como para cualificala nunha categoría ameazada.[1]

Especies afíns

[editar | editar a fonte]

Pola gran variabilidade de deseño e coloración, nalgús casos pode confundirse coa lagarta dos penedos (Podarcis hispanica), así mesmo moi variábel. Dorsalmente, os machos desta non adoitan seren verdes e, cando o son, as súas manchas negras non forman liñas tan delimitadas, chegando a formaren superficies reticuladas; o ventre de P. hipanica é branco ou de cor crema, e non alaranxado ou vermello, como P. bocagei. A lagarta dos muros (Podarcis muralis) diferénciase en que esta ten unha liña dorsal definida, a cor do dorso é sempre parda en amos os sexos, e a do ventre dunha forte cor alaranxada, on moitos puntos negros e manchas azuis axilares nos machos.[7]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Paulo Sá-Sousa, Valentin Pérez-Mellado e Iñigo Martínez-Solano (2009): Podarcis bocagei na Lista vermella da IUCN. Versión 2021-1. Consultada o 14 de agosto de 2021.
  2. Galán Regalado & Fernández Arias 1994, p. 318.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Podarcis bocagei (López Seoane, 1885) en The Reptile Database.
  4. Gamito-Marques, Daniel (2017): "A Space of One’s Own: Barbosa du Bocage, the Foundation of the National Museum of Lisbon, and the Construction of a Career in Zoology (1851–1907)". Journal of the History of Biology 51: 223–257.
  5. 5,0 5,1 5,2 Galán 2015.
  6. 6,0 6,1 Harris & Sá-Sousa 2001.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Asensi 2006, p. 114.
  8. 8,0 8,1 8,2 VV. AA. 1995, p. 139.
  9. Galán Regalado & Fernández Arias 1994, p. 319.
  10. VV. AA. 1995, pp. 139-140.
  11. VV. AA. 1995, p. 140.
  12. Galán 1986.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]