Pazo da Cultura de Pontevedra
Auditorio e Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra | |
---|---|
Fachada do Auditorio e dunha parte do pazo de Congresos | |
Edificio | |
Tipo | Pazo de Congresos e Auditorio |
Estilo | Arquitectura moderna |
Enderezo | Rúa Alexandre Bóveda s/n |
Localización | Pontevedra |
Coordenadas | 42°26′07″N 8°38′15″O / 42.435361111111, -8.6375833333333 |
Propietario | Concello de Pontevedra |
Uso(s) | Auditorio e Pazo de Congresos e Exposicións |
Construción | |
Inicio | 1993 |
Construción | 1997 |
Remate | 1997 |
Dimensións | |
Superficie | 10 000 m2 |
Plantas | 3 (planta baixa, 2 andares) |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Manuel de las Casas |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Auditorio e Pazo de Congresos de Pontevedra ou Pazo da Cultura é un edificio que acolle congresos, exposicións, concertos, obras de teatro e espectáculos de ballet e danza en Pontevedra.[1] Está situado na zona norte da cidade, á beira do río Lérez e á altura da ponte dos Tirantes e foi deseñado polo arquitecto Manuel de las Casas.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]A construción do Auditorio e Pazo de Congresos de Pontevedra planificouse a principios da década dos noventa como parte dun amplo proxecto urbanístico para o desenvolvemento da zona nordés da cidade, nos terreos desecados dunha antiga marisma.[1]
O proxecto incluía a construción dunha ponte atirantada, a ponte dos Tirantes, para dar servizo ao auditorio e como saída da cidade cara ao norte, un recinto feiral anexo ao Auditorio fronte ao Parque Rosalía de Castro, e a urbanización das ribeiras do río Lérez e o parque da Illa das Esculturas.[3]
O arquitecto Manuel de las Casas gañou o concurso de ideas para a construción do pazo de congresos, cuxa resolución se deu a coñecer o 2 de novembro de 1991.[4] Realizou o proxecto en 1992. A construción do pazo de congresos comezou en 1993 e o auditorio inaugurouse en 1997,[5] mentres que o recinto feiral inaugurouse en 1998.
O pazo inaugurouse o 20 de setembro de 1997, coa exposición A neutralidade da Orde de Manuel de las Casas e un concerto da mezzosoprano Teresa Berganza e a Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave.[6]
Xusto despois, o 24 e 25 de setembro desenvolveuse no pazo de congresos un congreso sobre Infraestruturas, Medio Ambiente e Desenvolvemento Rexional.[1]
Descrición
[editar | editar a fonte]Coa súa arquitectura contemporánea, o pazo comprende un complexo de edificios de 10.000 m², que inclúe unha zona de exposicións, salas de reunións, un auditorio e unha zona de restauración.[7] É un edificio polivalente que permite utilizar todos os seus espazos ao mesmo tempo.
O aspecto máis característico do exterior do pazo son as laxas de lousa verde, o aceiro corten, o cobre e o vidro que, xunto co conxunto harmónico dos volumes do edificio, como o cubo da sala de exposicións, favorecen a súa integración na paisaxe e a vexetación da contorna.[8] Manuel de las Casas organizou o terreo deseñando plataformas artificiais, prazas e terrazas de pedra que se asoman á ría, ao Lérez e á cidade.
O complexo componse de volumes puros cun cilindro para o Auditorio e dous prismas en diferentes plantas, que albergan unha gran sala de exposicións, o centro de congresos, un restaurante e unha cafetería. A sala de congresos e as salas de reunións atópanse no interior do prisma trapezoidal. No prisma de base cadrada, a entrada e a grande claraboia conducen á sala de exposicións no nivel inferior. Na beira do Lérez, accédese ao edificio por unha escaleira de pedra protexida por un muro de lousa verde.[9]
O Pazo de Congresos de Pontevedra foi deseñado para acoller diferentes tipos de eventos,[10] convencións, salóns, mostras, eventos corporativos, reunións de negocios, seminarios, simposios, conferencias, calquera que sexa o formato ou o ton que os organizadores queiran darlle. As súas vantaxes resúmense en dúas palabras: modularidade e funcionalidade.
Superficies e número de prazas
[editar | editar a fonte]O pazo de congresos ten:
- unha superficie neta total de 10.000 m²
- un auditorio principal con 772 asentos. Segundo o arquitecto Manuel de las Casas na sala de concertos ou auditorio principal buscáronse para unha adecuada sonorización as formas onduladas e mesmo caprichosas para evitar rebotes de son.[1]
- un auditorio ou sala de conferencias con 276 prazas
- unha sala de reunións con 100 prazas
- unha sala de exposicións diáfana e luminosa de 1.220 m²
- un restaurante panorámico con vistas ao río Lérez e á ponte dos Tirantes[11]
- 8 salas de seminarios
- unha sala de obradoiros para 40 persoas
- unha sala de prensa
- unha sala VIP
- unha sala de ensaios, unha sala de descanso, unha sala de vestiario e 10 camerinos
- un aparcadoiro público para 1300 vehículos
Eventos
[editar | editar a fonte]Ademais de concertos e espectáculos, o pazo de congresos acolle salóns e exposicións como Culturgal, a feira de actividades culturais e editoriais de Galicia,[12]Pont Up Store, Cantos na maré,[13] Etiqueta Negra, Edugal, Debut, etc.
Galería
[editar | editar a fonte]-
Parte superior
-
Fachada
-
Fachada integrada na paisaxe
-
Entrada inferior
-
Entrada superior
-
Auditorio no primeiro plano
-
Carril bici diante do pazo
-
Cubo de vidro da sala de exposicións
-
Plataformas e escaleiras do complexo
-
Centro de exposicións
-
Vista do pazo desde a ponte dos Tirantes
-
Auditorio
-
Interior da sala de entrada ao auditorio
-
Interior da sala de exposicións
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "La necesidad de una infraestructura". Diario de Pontevedra (en castelán). 27 de novembro de 2022.
- ↑ "Este domingo 'faiponting' en la Illa das Esculturas y en el Pazo da Cultura". Pontevedra Viva (en castelán). 28 de maio de 2013.
- ↑ "Prueba de resistencia y apertura del quinto puente". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de maio de 2017.
- ↑ "Manuel de las Casas gana el concurso del gran auditorio". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de novembro de 2018.
- ↑ "Manuel de las Casas Gómez" (PDF). Colegio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM) (en castelán). marzo de 2014.
- ↑ "El diseño del Pazo da Cultura atrajo a 180 arquitectos". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de maio de 2017.
- ↑ "Fallece Manuel de las Casas, arquitecto del Pazo da Cultura de Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 9 de febreiro de 2014.
- ↑ "El recinto ferial se integra en el conjunto del auditorio". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xuño de 2018.
- ↑ "Fallece Manuel de las Casas, arquitecto del Pazo da Cultura de Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 9 de febreiro de 2014.
- ↑ "En Imágenes. La necesidad de una infraestructura". Diario de Pontevedra (en castelán). 27 de novembro de 2022.
- ↑ "La cafetería del Pazo da Cultura reabrirá en octubre". Pontevedra Viva (en castelán). 30 de setembro de 2014.
- ↑ ""No hay pandemia que pueda con Culturgal"". Pontevedra Viva (en castelán). 20 de novembro de 2020.
- ↑ "Cantos na Maré conecta la galleguidad y la lusofonía". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de outubro de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pazo da Cultura de Pontevedra |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 106-107. ISBN 978-8403509344.
- Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 69. ISBN 9788482890852.