Partido Liberal Demócrata
O Partido Liberal Demócrata, en realidade Partido Republicano Liberal Demócrata, foi un partido político español creado ao instaurarse a Segunda República en 1931, como continuación do Partido Reformista previamente existente desde 1912.
Esta formación minoritaria, fundada e liderada por Melquíades Álvarez, situouse no centro-dereita do espectro político da Segunda República, e participou nos gobernos republicanos desta tendencia do período 1933-1935. Un dos seus máis significados militantes, o médico ovetense Alfredo Martínez García-Arguëlles, Ministro de Traballo en 1935, foi asasinado á porta da súa casa en marzo de 1936.
Melquíades Álvarez, na súa calidade de Decano do Colexio de Avogados de Madrid, exerceu como letrado defensor de José Antonio Primo de Rivera, tamén avogado, cando este foi encarcerado na primavera de 1936 polo Goberno da Fronte Popular; o que quizais influíu no seu propio encarceramento en agosto do mesmo ano no Cárcere Modelo de Madrid, e no seu posterior asasinato, xunto con outros presos considerados de dereitas, por milicianos esquerdistas.
O Partido Liberal Demócrata extinguiuse tras a guerra civil española.