Saltar ao contido

Parresía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na retórica clásica, a parresía era unha maneira de «falar con franqueza ou de escusarse por falar así»[1]. O termo está tomado do grego παρρησία (πάν pán = todo + ῥῆσις / ῥῆμα rhēsis / rhēma = locución / discurso) que significa literalmente «dicilo todo» e, por extensión, «falar libremente», «falar atrevidamente» ou «atrevemento». Implica non só a liberdade de expresión senón a obrigación de falar coa verdade para o ben común, mesmo fronte ao perigo individual.

Na Antiga Grecia

[editar | editar a fonte]

A parresía ten as súas orixes na Antiga Grecia, sendo unha forma común de comunicación nalgunhas das escolas do século -IV, foi a forma de comunicación utilizada pola escola cínica, era parte do seu estilo de vida[2]. A parresía tamén foi o modo de expresión dos epicúreos[3].

Uso no novo Testamento

[editar | editar a fonte]

Michel Foucault (1983) resume o concepto de parresía do Antigo Testamento da seguinte maneira:

De maneira máis precisa, a parresia é unha actividade verbal na cal un falante expresa a súa relación persoal á verdade, e corre perigo porque recoñece que dicir a verdade é un deber para mellorar ou axudar a outras persoas (tanto como a si mesmo). En parresia, o falante usa a súa liberdade e elixe a franqueza en vez da persuasión, a verdade en vez da falsidade ou o silencio, o risco de morte en vez da vida e a seguridade, a crítica en vez da adulación e o deber moral en vez do auto-interese e a apatía moral.

Un uso relacionado de parresia atópase no Novo Testamento grego, no cal significa "discurso atrevido", a habilidade dos crentes de manter o seu propio discurso diante das autoridades políticas e relixiosas.

Significados contemporáneos

[editar | editar a fonte]

Michel Foucault desenvolveu o concepto de parresía como maneira de discurso no cal un fala aberta e sinceramente acerca de si mesmo ou as propias opinións sen recorrer á retórica, a manipulación ou a xeneralización. Pero segundo Foucault, o que practica a parresía (παρρησιαστής parrhēsiastés) «non é só sincero... senón que di tamén a verdade». A noción de parresía en sentido foucaultiano está afectada polo noso modelo cartesiano de experiencia do evidente (evidencial experience). A grandes liñas, para René Descartes a verdade é o (racionalmente) innegábel. No contexto dunha investigación filosófica, o que pode ser posto en dúbida debe ser posto en dúbida e, entón, o discurso que non é examinado ou criticado non necesariamente ten unha relación válida coa verdade. Segundo di Foucault (1983 §I), en cambio, o «parrhēsiastés di a verdade porque el sabe que se trata da verdade, e sabe que é verdade porque realmente é verdade».[nota 1]

Existen varias condicións que fundaban a noción tradicional de parresía do grego antigo. Quen recorre á parresía sostén unha relación críbel cara á verdade, a súa posesión da verdade está garantida por certas calidades morais; así mesmo, é un crítico de si mesmo, ou da opinión popular ou da cultura; revelar a verdade colócao nunha posición de perigo pero insiste en falar da verdade, pois considera que é a súa obrigación moral, social e/ou política. Máis aínda, quen practica a parresía debe estar nunha posición social máis débil que aqueles a quen llas revela. Por exemplo, un pupilo «cantándolle as verdades» ao seu mestre sería un exemplo preciso de parresía, mentres que un mestre que lle di a verdade á súa pupila ou pupilo, non.

Estrañamente, para Foucault, Sócrates é un caso modélico de parrhēsiastés. Isto non parece coherente coa súa afirmación de que entre os gregos, «o parrhēsiastés non parece abrigar ningunha dúbida sobre a súa propia posesión da verdade». En efecto, isto último non se condice coa confesión socrática da súa propia ignorancia (Apoloxía), coa petición de que o refuten en caso de merecelo (Gorxias), ou coa severa crítica á que o personaxe platónico Sócrates expón, sen podela rebater, ideas que antes sostivera (como ocorre coa teoría das Formas, no Parménides); tampouco, coa disposición de Sócrates a revisar, até o último momento da súa vida, as conclusións antes establecidas (Critón). Unha explicación desta suposta contradición en Foucault é que a parresía lle permitía ao mestre, ao filósofo ou ao médico relacionarse co discípulo ou co paciente de maneira que este se modificase en por si e se convertese nun suxeito de verdade. Así, nin o discípulo era controlado polo seu mestre, nin se vía impor a verdade; recibía, en cambio, a verdade subxectivada deste, como estímulo para alcanzar o coñecemento polos seus propios medios.

Comedia en vivo

[editar | editar a fonte]

A Parresía é a forma máis común de expresión nas comedias en vivo, onde se adoita falar e burlarse tanto de políticos corruptos (mesmo presidentes) como de personalidades famosas sen importar o seu status ou posición ou autoridade.

  1. "Parrhesia". Brigham Young University. Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2007. Consultado o 14 de xuño de 2018. 
  2. "The Power to Speak and not to listen in Ancient Athensnombre-editor1= Ineke". Free Speech in Classical Antiquity (en inglés). Brill. .
  3. Konstan D, Clay D and Glad CE: Philodemus: On frank criticism (Peri parrhesias). Society of Biblical Literature, Atlanta, USA, 2007.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

OUtros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • Discourse and Truth: the Problematization of Parrhesia. (Seis conferencias maxistrais dadas por Michel Foucault na Universidade de California en Berkeley, outubro-novembro de 1983)
  • Aphasia and Parrhesia: Code and Speech in the Neural Topographies of the Net. Christina McPhee (en inglés).[1]
  • The Double Criticism of parrhesia. Answering the Question "What is a Progressive (Art) Institution?". Gerald Raunig (en inglés).[2]