Mary Pickford
Gladys Louise Smith, nada en Toronto (Canadá) o 8 de abril de 1892 e finada en Santa Monica (California) o 29 de maio de 1979, foi unha actriz, produtora e empresaria canadense máis coñecida como Mary Pickford. Traballou en Hollywood, gañadora do Óscar á mellor actriz en 1929 polo filme Coquette e foi unha das fundadoras de United Artists, con David Wark Griffith, Charlie Chaplin e Douglas Fairbanks.
Foi unha das máximas figuras do cine mudo durante o período 1915-1925 como intérprete dun tipo popular de inxenua romántica e así chegou a ser a actriz máis poderosa e mellor paga nesa época. Entre o público estadounidense coñecérona como 'pequena Mary', 'a moza do cabelo dourado' e a orixinal 'noiva de América'.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Chamada en realidade Gladys Marie Smith, naceu en Toronto, Canadá, era filla de Charlotte e John Charles Smith, o seu pai sufría de alcoholismo e faleceu cando Gladys contaba apenas seis anos, deixando á familia, na cal se incluían dous fillos máis, Lottie e Jack (irmáns máis novos de Gladys) nunha situación precaria que fixo á súa nai, por consello dunha compañeira de traballo, introducilos no mundo do teatro. Pronto, a pequena Gladys converteuse en todo un éxito, baixo o nome de Baby Gladys.
Mary Pickford desenvolveu de xeito temperán unha personalidade bipolar, arriscada e depresiva obsesionada pola morte do seu pai. Isto afectaríalle toda a vida.
Aos quince anos, a moza viaxou soa a Nova York para pedir traballo a David Belasco, produtor de exitosas obras en Broadway, e conseguiuno. Era o verán de 1907 cando, xunto con Belasco, decidiu cambiar o seu nome ao de Mary Pickford para o seu traballo teatral, pero pronto descubriu o cine. Curiosa pola nova arte, foi contratada polos Estudos Biograph, o estudo de David Wark Griffith, e debutó na película de 1909 The Violin Maker of Cremona.
Adicionalmente fixo diversos curtos, en moitos dos cales compartía protagonismo con Owen Moore. Foi este o seu primeiro marido, en 1911, cando casaron en segredo.
Ambiciosa, pronto empezou a gañar fama e a esixir que o seu nome aparecese en pantalla. Xa en 1914 cobraba máis de 100,000 dólares anuais, e en 1915 tiña a súa propia produtora a Mary Pickford Famous Players Company.
O inicial coqueteo co cine mentres traballaba con Belasco foi investíndose, e en poucos anos Mary converteuse na noiva de América, e na primeira actriz con fans ao longo de todo o mundo, grazas aos seus papeis como pícara pobre de graciosos rizos -aparentaba menos idade da que en realidade tiña-.
A pobre pícara rica (The Poor Little Rich Girl) e Rebecca a da granxa do sol (Rebecca of Sunnybrook Farm) foron os seus primeiros éxitos como longametraxes, en 1917.
O 17 de abril de 1919, Mary Pickford, xunto con Charles Chaplin, D.W. Griffith e a súa futura parella Douglas Fairbanks, fundaban a United Artists, asociación de artistas que perdura hoxe en día.
Foi por esta época cando se namorou de Douglas Fairbanks, exitoso actor famoso polos seus papeis de galán exótico, casado e cunha filla, causando a súa relación verdadeiro impacto na opinión pública, e casaron o 28 de marzo de 1920 tras conseguir respectivos divorcios.
Os seus éxitos máis clamorosos foron Daddy Long Legs ("Papaiño Pernas Longas") e Heart Ou'the Hills ("Almas do Cume"), en 1919, Suds, en 1920, Through the Back Door ("Pola Porta de Servizo") e Little Lord Fauntleroy ("O Pequeno Lord Fauntleroy"), en 1921, e Tess of the Storm Country "Tess no País das Tempestades", en 1922.
O tipo de personaxe que creou, firmemente ancorado no melodrama vitoriano, resulta totalmente alleo á sensibilidade do espectador actual, pero no seu momento gañou o favor dun público neófito e basicamente rural ao combinar a identificación das mulleres cun personaxe en que o idealismo se aliaba co valor e o atractivo dos homes cara a esa rexión intermedia entre a infancia asexuada e a rolliza feminidade que constituíu un prototipo erótico de principios de século.
En 1923 os seus ingresos elevábanse por encima do millón de dólares anuais, que para a época era unha cifra sideral. O seu poder era absoluto, controlando ata o último detalle das súas películas concibidos como vehículos para ela e contratando ao máis soado director alemán, Ernst Lubitsch, para que a dirixise na película "Rosita" en 1923.
Mary Pickford e Douglas Faibanks formaron a parella máis famosa do seu tempo, aínda que só apareceron xuntos nunha película: The Taming of the Shrew, en 1929.
A carreira de ambos seguiu sendo meteórica, aínda que os problemas mentais de Mary empezaban a ser coñecidos por todo Hollywood, sobre todo cando en 1928 morreu Charlotte, a nai da actriz, que a sumiu nun estado de depresión.
Logo da morte da nai desta, Mary decidiu abandonar os seus papeis de orfa pobre, cortou os seus rizos e estivo un ano sen traballar, o primeiro de toda a súa carreira. A súa seguinte película, Coquette en 1929, foi a primeira película sonora e un cambio radical no seu traballo. Grazas a ela, conseguiu o segundo Premio Óscar desde a súa fundación, outorgado na historia das películas sonoras á Mellor Actriz.
Con esta película, paradoxalmente provocoulle un rápido descenso na súa popularidade ao revelar as súas limitacións como actriz e probar que os seus admiradores non estaban dispostos a aceptar unha evolución do seu personaxe de vítima inxenua cara a caracteres máis adultos.
Posteriormente só traballou noutras tres películas sonoras sendo a última Secrets en 1933.
O seu matrimonio con Douglas Fairbanks esborrallabase ata que finalmente se divorciaron no ano de 1936.
Foi ademais amante de Ernst Udet, famoso piloto alemán, as da primeira guerra mundial e deseñador de avións.
Debido á morte do seu irmán Jack Pickford e á da súa nai, crearan nela un estado de depresión absoluta, aumentada coa dramática morte da súa outra irmá en 1936.
Ela mesma foi perfectamente consciente da caducidade da súa imaxe e da súa posición única e irrepetible como pináculo de toda unha industria en consolidación, someténdose a un retiro só comparable co da actriz Greta Garbo.
Cada vez máis recluída na súa mansión, e tras de 200 películas, consagrouse á produción, primeiro como vicepresidenta da United Artists e logo como produtora independente ata 1956, pero xamais volveu actuar en ningunha outra.
O 24 de xuño de 1937 casou con Charles Rogers, doce anos menor e con quen adoptaría, en 1943, dous nenos: Ronald e Roxanne.
Desde 1965, tras asistir á homenaxe que lle tributou a Cinemateca Francesa viviu recluída co seu marido e fillos en Pickfair, a famosa mansión de Beverly Hills que debe o seu nome á contracción dos apelidos Pickford e Fairbanks, recibindo tan só moi contadas visitas dos seus amigos. Desta mansión apenas saíra nos últimos anos, recluíndose principalmente no seu dormitorio.
Ata chegou a pretender que se destruísen todas as súas películas.
Do anterior, ela mencionou o seguinte:
"Polo mesmo que deixei o cine, para que non me sucedese como a Chaplin, que ao prescindir do seu personaxe de vagabundo este volveuse contra el e matouno, quero agora desprenderme dunhas películas que xa cumpriron a súa función. O tempo pasa, e o público compararame coas actrices modernas, e quero evitar que isto ocorra".
Con todo, tal destrución non tivo lugar. A Mary Pickford Foundation investiu ao redor de 200,000 dólares en recuperar e restaurar negativos e efectuar copias de 29 longametraxes e 28 curtametraxes, mentres a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos recibía a doazón de 51 curtametraxes.
En 1976 outorgóuselle un Premio Óscar especial "pola súa contribución á industria do cine".
O 29 de maio de 1979 faleceu de hemorraxia cerebral nunha habitación do Hospital de Santa Monica, aos 87 anos, logo de caer no alcoholismo e vivir durante décadas en total reclusión.
Presenza en festivais de cine
[editar | editar a fonte]En marzo de 1954, Mary Pickford concorre ao primeiro Festival Internacional de Cine de Mar del Plata (realizado no impoñente "Hotel Provincial" - Mar del Plata, Arxentina), constituíndose nunha das figuras de maior popularidade e recibindo numerosas expresións de agarimo por parte do público e colegas.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mary Pickford |