Límicos
Os límicos[1] (latín: Limici) eran un pobo galaico da Gallaecia, pertencente ao convento xurídico bracarense, que se situaban na actual comarca da Limia, na provincia de Ourense.
Fontes
[editar | editar a fonte]Os límicos son citados en Plinio, Naturalis Historia[2], que os menciona entre os equesios e os quarquernos. Tolomeo, Geographia, 6, 38 e 43[3], noméaos entre os calaicos brácaros, citándoos entre os bibalos e os grovios, e indica como capital súa o Forum Limicorum. Así mesmo os límicos están entre os grupos dedicantes indicados no Padrón dos Pobos (CIL, II, 2477).
Son numerosas as epígrafes nos que se citan individuos límicos.
En dúas lápidas honoríficas, conservadas no Museo Arqueolóxico de Ourense, datábeis no inicio do século II d. C., cítase a Civitas Limicorum (CIL, II, 2516 e 2517). Esta mesma civitas vén sendo identificada coa Lemica Civitate do Cronicón de Hidacio.
Localización xeográfica
[editar | editar a fonte]Aínda que polo seu nome os límicos foran, xa hai tempo adscritos ao curso do río Limia (en portugués Lima) na actualidade é comunmente aceptado que o territorio Limico corresponderíase coa actual comarca da Alta Limia, coincidindo cos actuais concellos de Xinzo de Limia, Sarreaus, Vilar de Barrio, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Porqueira, e parte de Trasmiras e de Balatar. Serían as dúas lápidas honoríficas arriba citadas, as que levarian a Marcelo Macías, a fins do século XIX, identificar a Civitas Limicorum, que iguala ao Forum Limicorum, co castro da Cidá ou Cibdá, sito no monte do Viso, preto de Nocelo da Pena, no concello de Sarreaus, Ourense. Porén, esta relación foi reconsiderada a partir dos achados das dúas estatuas sedentes en Xinzo de Limia documentadas por Xesús Ferro Couselo no ano 1972.
Na actualidade a maioría dos investigadores coinciden en que o Foro dos Límicos estivo na zona que ocupa o Barrio de Abaixo do actual Xinzo de Limia, como quedou de manifesto no curso de extensión universitaria de Xinzo de Limia "A Limia na época galaico romana", que deu pé ao proxecto arqueogenitio[4]. O argumento arqueolóxico semella quedar superado na actualidade, interpretándose o achado das lápidas e a súa lectura nun contexto xurisdicional do territorio Limiao, fronte o locacional de Marcelo Macias, como deixaron de manifesto Xusto Rodríguez Río ou Fermín Pérez Losada entre outros investigadores. Ha que engadir que Xinzo de Limia o Forum Limicorum, sitúase ó pé do río Limia, nun epicentro de camiños na época Romana, como o definiu X. C. Rivas Fernández.
O romanizado castro de Nocelo da Pena, afastado das vías de comunicación romanas coñecidas no territorio Limiao, tivo unha existencia parella ás explotacións mineiras do lugar. Segundo Rodríguez Colmenero, a propia localización do castro ocupa unha superficie de 3 ha, pero na ampliación da súa localización cara a planicie circundante, abranguiría unha área de 2 millas (romanas) de circunferencia. Este arqueólogo sostén que o lugar remonta até a Idade de Bronce, con continuidade da actividade mineira, con explotación de estaño, até época romana, segundo se deduce de achados da década de 1940.
Consonte o sinalado, os límicos situábanse no curso superior do río Limia e nos arredores da desecada lagoa de Antela, nunha ampla planicie - en realidade unha depresión tectónica -, coñecida popularmente como A Limia, e polos naturais dela denominada simplemente como a Veiga. Esta mesma localización é a admitida por Tranoy no seu mapa sobre a Gallaecia, a pesar de que a redución de Marcelo Macias levarao a colocar, a Civitas Limicorum en Nocelo da Pena.
Seguindo o curso do seu río epónimo, en dirección suroeste, encontraríanse cos quarquernos; cara ao leste os bibalos e os tamaganos.
Aspecto diferente presenta a mansión viaria nomeada Limia. En efecto no Itinerario de Antonino sinálanse, en orde e marcando as distancias entre elas, as estacións da Vía XIX, dita tamén "per loca maritima", é dicir polo litoral, entre Bracara Augusta (Braga) e Asturica Ausgusta (Astorga). As catro primeiras son as seguintes:
- Limia ........ milia passum XVIII.
- Tude ......... milia passum XXIII.
- Burbida ...... milia passum XVI.
- Turoqua ...... milia passum XVI.
Tanto Tude como Turoqua, están ben identificadas, correspondendo, respectivamente, hoxe ás cidades de Tui e Pontevedra; Burbida asígnase con certas dúbidas a Borbén (estas tres localidades da provincia de Pontevedra), e Limia acostuma identificarse coa actual Ponte de Lima, no Norte portugués, sen ningún problema. Mais debe indicarse, que non ten nada que ver coa Civitas Limicorum, como algúns autores aínda pretenden, é simplemente o nome dunha mansión sita nun paso do río Limia, identificándoa, e pertencería posibelmente ben ao pobo dos seurbos ou dos leunos, conforme á descrición da costa da Gallaecia que efectúa Plinio, IV, 111-112, de norte a sur: "Logo dos cilenos vén o convento bracarense cos helenos, os grovios e o seu oppidum Tyde, todos descendentes dos gregos (...) O río Miño cunha foz de 4.000 pasos de ancho, os leunos, os seurbos e Augusta, a cidade dos brácaros...".
Subdivisións
[editar | editar a fonte]Por fontes epigráficas coñecemos catro castros ou castella: Arcuce, Beri, Livai' e Talabrica.
- Fuscus • Se/veri • f(ilius) • Lim(icus) / I (castellum) • Arguce
- "Fusco, fillo de Severo, límico do Castro Arguce" (Sabugal, Guarda)
- Reburrus / Vacisi f(ilius) caste/llo Berensi / Limicus
- "Reburro, fillo de Vaciso, límico do Castro Berense" (Calañas, Huelva)
- Camalus / Mibois(?) Lim[icus |C Livai(rum) h(ic) s(itus) [e(st)] Iul(ius)
- "Camalo (?), límico do Castro Livai" (Valpaços, Vila Real)
- Anceitus Vaccei f(ilius) Limi/cus |(C) Talabriga
- "Anceito, fillo de Vacceo, límico do Castro Talabriga" (Luzón, Guadalajara)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definición de límicos no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ http://terra.antiqua.free.fr/PLine_Ancien3.html e http://books.google.fr/books?id=J1sQAAAAIAAJ&pg=PA50&lpg=PA50&dq=Limici&source=web&ots=ENrCIhf_XQ&sig=_vjzD8TFZxsRVbwlYYHczJnr838&hl=fr
- ↑ http://www.arbre-celtique.com/encyclopedie/hispanie-tarraconnaise-par-ptolemee-6280.htm
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 01 de setembro de 2007. Consultado o 05 de setembro de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Macías, Marcelo, Civitas Limicorum, in Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense (1898) t. I, nº 5.
- Rodríguez Colmenero, Antonio, Galicia meridional romana. Universidad de Deusto. 1977.
- XUSTO RODRIGUEZ,M.(1996) "O núcleo urbano de Xinzo de Limia" en RODRIGUEZ COLMENERO,A. coord.(1996) Los orígenes de la ciudad en el Noroeste Hispano. pp. 1291–1304. Lugo
- XUSTO RODRIGUEZ,M. "A igrexa vella de Xinzo de Limia.Da lenda ó patrimonio histórico". Auria, VII. La Region, pp. 25–27. Ourense
- XUSTO RODRIGUEZ,M.(1999) "Sta. mariña;un fito patrimonial no centro histórico de Xinzo". Lethes, II. Centro de Cultura Popular da Limia. pp. 74–93. Xinzo
- XUSTO RODRIGUEZ,M.(2000) "La iglesia vieja de Xinzo de Limia.intervención arqueológica y lectura histórica" Restauración, Rehabilitación. pp26–33. Madrid
- RIVAS FERNANDEZ,J.C.(2000) "O foro dos límicos, Xinzo, epicentro de camiños en época romana". Lethes, II. Centro de Cultura popular da Limia. pp. 62–73. Xinzo
- PEREZ LOSADA,F.(2002) "Xinzo de Limia. Entre a cidade e a aldea". Estudo arqueohistórico dos aglomerados secundarios romanos en Galicia. Brigantium, XIII, pp. 214–227. A Coruña
- FERRO COUSELO,X. "Estatuas sedentes y una columna miliaria de Xinzo de Limia". Boletín Auriense, II, pp. 329–335. Ourense.pdf
- FARIÑA BUSTO,F. e XUSTO RODRIGUEZ, M. (1995) "O ara de Xinzo de Limia e a sua contextualización arqueoloxica". Boletín Auriense, XXV, pp. 61–80. Ourense