Isabel Perón
Nome orixinal | (es) María Estela Martínez de Perón |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (es) María Estela Martínez Cartas 4 de febreiro de 1931 (93 anos) A Rioxa, Arxentina |
Presidency of the Argentine Nation (en) | |
1 de xullo de 1974 – 24 de marzo de 1976 ← Juan Domingo Perón – Jorge Rafael Videla → | |
First Lady of Argentina (en) | |
12 de outubro de 1973 – 1 de xullo de 1974 | |
Vice-presidente da Argentina (pt) | |
12 de outubro de 1973 – 1 de xullo de 1974 ← Vicente Solano Lima (pt) – Víctor Hipólito Martínez (mul) → | |
Datos persoais | |
Residencia | Madrid |
Relixión | Catolicismo |
Actividade | |
Lugar de traballo | Buenos Aires |
Ocupación | política, bailarina |
Partido político | Partido Justicialista (pt) |
Familia | |
Cónxuxe | Juan Domingo Perón |
Cronoloxía | |
5 de febreiro de 1975 | Operativo Independencia |
Premios | |
María Estela Martínez de Perón, de solteira María Estela Martínez Cartas, tamén coñecida como Isabel Martínez de Perón, Isabel Perón e Isabelita Perón, nada na Rioxa o 4 de febreiro de 1931, é unha ex-bailarina e expolítica arxentina, presidenta da república entre o 1 de xullo de 1974 e o 24 de marzo de 1976, cando foi derrubada por un golpe de estado. Dende 2000 ten a nacionalidade española.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]É a filla máis nova de Carmelo Martínez, un empregado de banca porteño e de María Josefa Cartas, e viviu os seus primeiros anos na Rioja, onde nacera, ata que se trasladou sendo moi nova aínda a Buenos Aires, onde cursou os estudos primarios e logo estudos de danza. Morreulle o pai cando tiña sete anos e na mocidade distanciouse da súa familia e adoptou o nome artístico de Isabel cando se incorporou a unha compañía de danza de xira por Latinoamérica. A fins de 1955, mentres traballaba como bailarina nun cabaret de Panamá (onde era coñecida polo nome artístico «Isabel Gómez»), comezou unha relación sentimental co político arxentino Juan Domingo Perón, daquela expresidente no exilio logo de ser derrocado o seu goberno, e viúvo. Viviron xuntos desde entón, en distintos países: Panamá, Venezuela, República Dominicana e finalmente España, onde casaron en 1961.
En 1965 viaxou a Arxentina, como delegada persoal de Perón, para facer fronte ao fenómeno do neoperonismo, pero retornou a España. Durante o goberno de Héctor José Cámpora, o 20 de xuño de 1973, Perón regresou definitivamente á Arxentina. Pouco despois Cámpora renunciou ao goberno para permitir eleccións libres. O seu sucesor Raúl Lastiri convocou a eleccións de presidente e vicepresidente da Nación, celebradas o 23 de setembro de 1973. Nelas venceu a parella encabezada por Juan Perón, con Isabel Perón como candidata á vicepresidencia, co 62% dos votos. Perón faleceu apenas un ano máis tarde, o 1 de xullo de 1974, e Isabel Perón asumiu a presidencia ese mesmo día.
No goberno
[editar | editar a fonte]O seu goberno desenvolveuse no marco internacional da chamada crise do petróleo e dunha extrema violencia política interna, con actuación de varios grupos armados.
Ignorou o achegamento que fixera Juan Domingo Perón ao líder da oposición, o 'radical' Ricardo Balbín, e Isabel Perón apoiouse principalmente no seu ministro de Benestar Social, o exsecretario persoal de Perón, José López Rega, coñecido como Daniel polos seus achegados e o Bruxo polos seus adversarios políticos. López Rega exerceu unha importante influencia sobre Martínez, fortalecendo a presenza no goberno dos sectores de dereita sobre outros grupos, e organizou desde o goberno unha forza parapolicial coñecida como Alianza Anticomunista Arxentina ou Triplo A que emprendeu accións de fustrigación a figuras destacadas da esquerda que acabarían en secuestros, torturas e asasinatos.
Desde o goberno a actitude de control foi tamén rigorosa: interveu en varias provincias disidentes, controlou as universidades, os sindicatos, as cadeas privadas de televisión, e reforzou a censura contra libros[1], xornais e revistas. O goberno exhibiu unha marcada inoperancia administrativa en distintas áreas.
A economía arxentina sufriu danos graves, cunha inflación galopante, a paralización dos investimentos de capital, a suspensión das exportacións de carne a Europa e o inicio do crecemento incontrolable da débeda externa. Unha solución de corte monetarista tentada polo ministro Alfredo Gómez Morales, un histórico do peronismo, non tivo éxito, e provocou unha forte retracción da liquidez, co que se iniciou un complicado proceso de estanflación. A suspensión das compras de carne arxentina polo Mercado Común Europeo empeorou a situación.
En xuño de 1975, o novo ministro de Economía, Celestino Rodrigo, auspiciado por López Rega, aplicou unha violenta desvalorización da moeda acompañada de aumentos de tarifas. O Rodrigazo, parte do plan de López Rega para debilitar as presións sindicais a través do desprestixio dos seus principais operadores, provocou a primeira folga xeral contra un goberno peronista. En xullo de 1975, ante a folga xeral e a presión da CGT e, en especial da Unión Obrera Metalúrgica de Lorenzo Miguel, López Rega viuse obrigado a renunciar ao seu cargo no goberno e abandonar o país.
Ante a crecente actividade dos grupos armados de esquerda (tanto os que actuaban dentro do peronismo, ou Montoneros, como outros de corte marxista, coma o Ejército Revolucionario del Pueblo) e de extrema dereita, Isabel Perón decidiu fortalecer a acción de goberno. Renovou a cúpula militar, designou a Jorge Rafael Videla á fronte do exército, pechou publicacións opositoras e mesmo recorreu ao uso da forza militar contra a poboación civil, cando asina en 1975 o decreto que dá inicio ao chamado Operativo Independencia, a intervención militar na provincia de Tucumán, o Tucumanazo, que se sinala como o inicio do terrorismo de Estado.
Ao agravarse a crise política e económica, en setembro de 1975 Martínez pediu licenza do cargo por razóns de saúde; as súas funcións foron exercidas polo presidente provisional do Senado Ítalo Lúder entre o 13 de setembro e o 16 de outubro de 1975. Nun momento de especial tensión, ameazou nun discurso pronunciado desde o balcón da Casa Rosada con converterse na muller do látigo.
Golpe de estado
[editar | editar a fonte]A constante presión militar púxose de manifesto nun levantamento encabezado polo entón brigadier Orlando Jesús Capellini o 18 de decembro de 1975, que desembocou no pase a retiro do titular da Forza Aérea arxentina, Héctor Luis Fautario e o seu segundo, José María Klix. O novo xefe da Aviación foi o brigadier Orlando Ramón Agosti. A sublevación foi controlada a duras penas. Isabel Perón negouse reiteradamente a renunciar mais anunciou o adianto das eleccións presidenciais para finais de 1976.[2]
O clima político non mellorou coa destitución de López Rega nin co anticipo das eleccións. En marzo de 1976 o goberno solicitou a dous dirixentes opositores, Ricardo Balbín e Óscar Allende, que se dirixisen ao electorado solicitando o respecto aos prazos institucionais, xa que un golpe militar era percibido como inevitable. O golpe de estado prodúcese o 24 de marzo de 1976, encabezado polos comandantes en xefe do exército, mariña e aviación. Os golpistas destituíron o goberno constitucional e substituíuno por unha xunta militar asemade que disolvían o Congreso. Isabel Perón foi axuizada por malversación de fondos públicos, acusada de pagar unha débeda persoal con fondos pertencentes a unha fundación, que logo devolveu. Foi confinada durante cinco anos, primeiro na residencia de El Messidor (Neuquén) e logo nun pazo en San Vicente, nos arrabaldes de Bos Aires.
Vida en España
[editar | editar a fonte]Unha vez liberada, en xullo de 1981, exiliouse de novo a Madrid, onde abandonou totalmente a actividade política, aínda que regresou ocasionalmente á Arxentina. O plebiscito sobre a Canle de Beagle foi a súa última aparición como figura histórica do peronismo, polo seu carácter de viúva de Perón. En Madrid instalouse nunha mansión da zona de Puerta del Hierro, que tivo que vender como consecuencia de perder un preito sobre a herdanza do seu home coas irmás da primeira muller, Eva Perón. Na actualidade vive en Villanueva de la Cañada[3]. En Madrid frecuentou sectores próximos ao franquismo e persoas públicas como o adiviño Octavio Acebes, e adquiriu a nacionalidade española no ano 2000.
En 2007 a Xustiza arxentina iniciou un proceso de extradición por supostos delitos de lesa humanidade durante a súa presidencia, pero a Audiencia Nacional de España denegouna.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Prostitutas y heroínas, por Juan Irigaray, El Mundo, 6/1/2008.
- ↑ Alzamento de Cappelini, caída de Fautario, nombramiento de Agosti[Ligazón morta]
- ↑ La sombra de Isabelita Perón recorre Madrid, El País, 21/1/2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Isabel Perón |