Illa de Taiwán
- Este artigo trata sobre a illa de Taiwán ou Formosa. Para o estado independente localizado na illa desde 1949, véxase o artigo República da China.
(zh-hant) 臺灣 (zh-tw) 臺灣 (nan-hant) 臺灣 (nan-latn-pehoeji) Tâi-oân | |||||
Tipo | illa territorio disputado | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
Continente | Asia | ||||
División administrativa | Taiwán | ||||
| |||||
Bañado por | Mar da China Oriental, Mar da China Meridional, Mar de Filipinas e Estreito de Taiwán | ||||
Características | |||||
Altitude | 3.952 m | ||||
Dimensións | 144 () × 394 () km | ||||
Punto máis alto | Yu Shan (3.952 m ) | ||||
Superficie | 35.883 km² | ||||
A illa de Taiwán ou Formosa atópase fronte ás costas da provincia chinesa de Fujian, separada desta polo estreito de Taiwán. Ao norte atópase o mar da China Oriental e ao sur o mar da China Meridional, mentres que a costa oriental da illa está bañada polo océano Pacífico.
Desde 1945, a illa estivo baixo o réxime político da República da China, o estado que gobernaba toda a China ata o final da guerra civil entre o Kuomintang e o Partido Comunista da China, cando estes últimos fixéronse co poder no continente.
Desde entón, o antigo réxime chinés mantívose na illa de Taiwán, dando lugar a unha complexa situación xurídica e diplomática, aínda que na práctica é un Estado independente parcialmente recoñecido como República da China ou Taiwán.
Nome
[editar | editar a fonte]A illa foi bautizada como Ilha Formosa («illa fermosa») por navegantes portugueses. O nome Formosa utilizouse en Occidente ata o século XX. Na actualidade, tanto en español como noutras linguas europeas, é máis habitual utilizar o nome chinés Taiwán (chinés tradicional: 臺灣 ou 台灣, chinés simplificado: 台湾, Wade-Giles: T'ai-wan, pinyin: Táiwān, min do sur: Tâi-oân).
Xeografía
[editar | editar a fonte]A illa de Taiwán ten unha superficie total de 35.980 km² e está situada a 200 km ao sueste da China continental, separadas polo Estreito de Taiwán. Ten unha lonxitude de preto de 383,6 quilómetros de norte a sur e 145 quilómetros de leste a oeste no seu punto máis ancho.
Existe un contraste entre os dous terzos orientais da illa, cun terreo moi montañoso, con cinco cordilleiras dispostas de norte a sur, culminando no pico Yu Shan a 3.952 msnm.
A zona chaira está na costa occidental (25% da superficie total da illa), onde se concentra o 75% da poboación.
Clima
[editar | editar a fonte]Dado que é atravesada polo Trópico de Cáncer, o clima de Taiwán é tropical marítimo. A estación das choivas dura desde xuño ata agosto afectada polo monzón do suroeste. Tifóns e terremotos son frecuentes na illa.
Historia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia de Taiwán ata 1949.
Orixinalmente poboada por pobos de orixe malaio-polinesio, a illa foi controlada entre 1624 e 1662 polos holandeses, sendo expulsados por Zheng Chenggong (tamén coñecido como Koxinga), un antigo pirata ás ordes da dinastía Ming, que organizou a primeira migración de colonos chineses na illa. Os colonos chineses desprazarían gradualmente cara ao interior aos aborixes da illa. En 1895, tras a Primeira Guerra chinés-xaponesa, a China foi obrigada polo Tratado de Shimonoseki a ceder Taiwán ao Xapón a perpetuidade.
Tras o fin da segunda guerra mundial en 1945, o Xapón aceptou os termos da Conferencia de Potsdam que facían referencia á Conferencia do Cairo pola cal a illa volveu estar baixo soberanía chinesa. As tropas recentemente chegadas masacraron a uns 30.000 nativos, producíndose posteriormente unha chegada de dous millóns de refuxiados desde o continente, tras a derrota na guerra civil. No tratado de paz de San Francisco que entrou en vigor o 28 de abril de 1952, o Xapón renunciou formalmente á soberanía sobre a illa e as Illas Pescadores. O tratado non facía referencia a quen debería entregarse a illa, o cal serviu como xustificación aos partidarios da independencia da illa.
O Kuomintang mantivo unha ditadura ata 1991, primeiro dirixida por Chiang Kai-shek, sucedido á súa morte polo seu fillo Chiang Ching-kuo, e despois por Le Teng-hui. Ata 1987 mantívose o estado de guerra. Nos anos 90 asístese á progresiva democratización da illa, culminando nas eleccións do ano 2000, en que por primeira vez o KMT é derrotado, accedendo á presidencia Chen Shui-bian, que sería reelixido en 2004.
Nas eleccións presidenciais de 2008, os votantes elixiron presidente a Ma Ying-jeou, o candidato do KMT. Crese que iso mostra que os taiwaneses esperan relacións menos tensas entre a China e Taiwán e mellor estado económico, o segundo como o resultado da desolución do mandato de Chen Shui-bian e do seu partido, Partido Democrático Progresista (ou PDP).
Organización político-administrativa
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Organización territorial de Taiwán.
Tanto a constitución da República Popular da China como a da República da China, o réxime que exerce a soberanía real sobre a illa, consideran o territorio de Taiwán e as Illas Pescadores como unha provincia da China.
Na propia illa, o feito de que desde 1949 o territorio baixo soberanía da República da China coincida case na súa totalidade co da Provincia de Taiwán provocou unha situación paradoxal de duplicidade burocrática, ao solaparse as administracións provinciais e nacionais. Esta situación levou nos últimos anos a unha progresiva eliminación das institucións provinciais. Ademais, as cidades de Taipei e Kaohsiung son na actualidade independentes do goberno provincial de Taiwán, atopándose baixo administración directa do goberno central.
Para máis información sobre a organización político-administrativa e o goberno de Taiwán, véxase a sección correspondente no artigo República da China.
Economía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Economía de Taiwán.
A chegada de chineses de clase media e alta en 1949, tradicionalmente dedicados ao comercio, os investimentos xaponeses e os de Estados Unidos (que do mesmo xeito que Corea do Sur ao ter un país homónimo comunista, estaba interesado en demostrar a superioridade do sistema capitalista), converteron a Taiwán nun dos novos países industrializados. O país adaptouse ben á crise de 1973, reconvertendo as súas industrias ao sector das altas tecnoloxías, sendo hoxe un dos primeiros fabricantes mundiais de microprocesadores.
Recentemente Taiwán pasou a converterse nun dos maiores investidores na República Popular da China. Desde o ano 2002 é membro da Organización Mundial de Comercio (OMC).
O seu PIB en 2005 foi de 346.400 millóns de dólares. O seu GDP per cápita (PPP) é duns 29.800 dólares, segundo o CIA factbook. Taiwán conta coa súa propia moeda chamada novo dólar taiwanés NTD.
Algúns dos sectores nos que destacan as empresas de Taiwán son os seguintes:
Demografía
[editar | editar a fonte]Case todos os taiwaneses son descendentes de emigrantes da China continental, chegados entre os séculos XVII e XIX e, sobre todo, en 1949, cando os partidarios do Kuomintang refuxiáronse na illa.
Dos habitantes orixinais da illa (malaio-polinesios), só uns 370.000 nas zonas montañosas da illa aínda conservan as culturas e as linguas dos seus antepasados. Entre un 10 % e un 20 % da poboación de lingua chinesa, segundo estudos baseados no ADN, tería en maior ou menor grao ascendencia étnica malaio-polinesia.
A poboación total ascende a 22 400 000 habitantes (nov. 2001). A densidade de poboación é de 622 habitantes por km², a terceira de Asia Oriental tras Hong Kong e o Xapón. Taipei, a capital, é a cidade con maior poboación (2 800 000 habitantes) seguida de Kaohsiung (1 500 000) e Taichung (850.000).
Cultura
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Cultura de Taiwán.
A poboación de orixe chinesa, maioritaria na actualidade, divídese en tres grupos diferenciados. Por unha banda, os chegados á illa antes de 1949 teñen os seus antecedentes familiares na provincia chinesa de Fujian e falan maioritariamente o idioma min do sur ou minayu (a miúdo chamado "taiwanés" na illa). Os falantes de minayu constitúen o 60% da poboación taiwanesa, mentres que ao redor dun 10% da poboación fala o idioma hakka. Aos falantes destes idiomas desígnaselles habitualmente co termo chinés běnshěngrén (本省人, literalmente "persoas da provincia",significa "colonias antes de 1949"). En 1949, a illa foi o destino final do éxodo de máis dun millón de chineses continentais seguidores do Kuomintang, que falan principalmente mandarín. A este último grupo, maioritario na cidade de Taipei, desígnaselle habitualmente co termo chinés wàishěngrén (外省人, literalmente "persoas de fóra da provincia",significa "colonias logo de 1949").
As tensións entre estes grupos foron un dos eixos centrais da política taiwanesa nos últimos anos.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina de Taiwán en varias linguas