Saltar ao contido

Iguanodonte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Iguanodon
Rango fósil: Cretáceo, 126–125 Millóns de anos

I. bernissartensis mounted in a modern quadrupedal posture, Royal Belgian Institute of Natural Sciences, Brussels
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Orde: Ornithischia
Familia: †Iguanodontidae
Cope, 1869
Xénero: †Iguanodon
Mantell, 1825

Especie tipo
Iguanodon bernissartensis''
Boulenger, 1881
Especies

I. bernissartensis Boulenger, 1881
I. ottingeri? Galton and Jensen, 1979

Sinonimia

Iguanosaurus? Ritgen, 1828
Hikanodon? Keferstein, 1834

O iguanodonte[1] é un dinosauro herbívoro do xénero Iguanodon que viviu hai uns 120-110 millóns de anos, a comezos do Cretáceo (aínda que unha especie descoñecida era de finais do Xurásico) en Europa, Asia, norte de África e Norteamérica. Semella que prefería as chairas fértiles, entrecruzadas por ríos e correntes cunha flora composta de árbores xigantes, folgueiras, coníferas, equisetum e cicadáceas que formaban parte da súa dieta.

Primeira reconstrución do iguanodonte, por Gideon Mantell, a partir dunha acumulación de ósos sen ordenar.

O iguanodonte foi o segundo dinosauro en ser nomeado (os tres primeiros foron o megalosaurus, o iguanodonte e o hylaeosaurus. Foi bautizado por Gideon Mantell. O seu nome significa dentes de iguana.

Características

[editar | editar a fonte]
Estrutura ósea dun iguanodonte, 1890.

O iguanodonte tiña un tamaño considerable: 10 metros de lonxitude e 5 de altura. O seu peso era tamén moi grande por termo medio, ata 4,5 toneladas, o que o obrigaba a desprazarse normalmente a catro patas. Movíase con moita soltura a dúas patas, pois a súa columna vertebral podía sosterse horizontalmente, achegando os brazos ó chan. A cola tamén estaba en posición horizontal afastada do corpo e por riba do chan. Os seus brazos eran longos e os seus dedos dobrábanse cara a atrás para soster o corpo ó camiñar en catro patas. A súa robusta cola axudáballe a manter o equilibrio cando se sostiña sobre as patas traseiras.

Normalmente optaba pola fuxida cando as mandas eran hostigadas por depredador, alcanzando velocidades próximas aos 35 Km/h. Cando era necesario recorría ó ataque, para o cal utilizaba un longo esporón que tiña no polgar das extremidades dianteiras, que medía 19 centímetros. As súas defensas fóronse desenvolvendo pouco a pouco. Ao principio, o polgar non podía tocar os outros dedos da man e mantíñase inclinado cara ao lado. Pero logo o extremo modificouse e converteuse nunha espiña cónica prolongada que utilizaba como arma.

A alimentación do iguanodonte era de talos e follas de plantas. Para esta alimentación posuía fileiras de dentes nos extremos da súa mandíbula para mastigar o alimento, e uns dedos longos e flexibles, para arrincalo das árbores, pois non contaba con dentes que puidesen cortar a vexetación. Desprazábase en mandas na procura de alimentos.

Descubrimento

[editar | editar a fonte]
Esqueleto dun iguanodonte, anterior a 1923.

O iguanodonte foi dos primeiros dinosauros en ser descubertos, incluso antes de que se soubera da existencia destes seres prehistóricos. En 1834 o científico Gideon Mantell recibiu un esqueleto deste animal, o cal estaba aínda pegado na rocha, xiscado de tal forma que Mantell tivo que utilizar o enxeño para reconstruílo. O resultado da reconstrución foi incorrecto, pois reconstruíu o esqueleto nun debuxo de tal forma que parece unha iguana xigante, colocando o esporón do polgar no fociño e cos ósos que "sobraban" fixo unha longuísima cola. Esta reconstrución levou aos científicos a pensar que o iguanodonte era torpe, coma un rinoceronte, ó camiñar en catro patas. Durante moito tempo esta reconstrución foi considerada a máis aproximada á realidade.

Porén, en 1878, nunha galería dunha mina de carbón da vila belga de Bernissart, uns mineiros, a unha profundidade de 322 metros, tropezaron cuns ósos. O Real Museo de Historia Natural de Bruxelas enviou a algúns paleontólogos ó lugar, os cales descubriron un total de 39 esqueletos de iguanodonte en moi boas condicións, gran parte deles completos, o cal permitiu coñecer a verdadeira forma do dinosauro.

[editar | editar a fonte]
  • Na película de Disney, Dinosaur, un iguanodonte é o protagonista.
  • O iguanodonte foi unha das tres especies que inspiraron a crear o deseño de Godzilla, as outras dous foron o tyrannosaurus e o stegosaurus.