Saltar ao contido

Igrexa de San Salvador de Camanzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de San Salvador de Camanzo
Igrexa de San Salvador de Camanzo
PaísEspaña
LocalizaciónCamanzo (Vila de Cruces)
Coordenadas42°47′40″N 8°19′16″O / 42.79444444, -8.32111111
DioceseArquidiocese de Santiago de Compostela
EstiloArte románica
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de San Salvador de Camanzo é a igrexa parroquial de Camanzo (Vila de Cruces). Construída no ano 1166, é de planta basilical e conta con tres naves e tres ábsidas. Foi unha antiga igrexa monacal.

O mosteiro

[editar | editar a fonte]
Arcos do antigo mosteiro.

O mosteiro de Camanzo foi un mosteiro bieito fundado no século X polo Conde Don Gonzalo e a súa muller Dona Tareixa. Nun principio servía unha comunidade de monxes e pasou despois a ser de monxas bieitas. A raíña Dona Urraca deixou no seu testamento varias mandas a favor dos monxes do mosteiro. Desapareceu ao ser incorporado a San Paio de Antealtares en 1516. A igrexa debeu construírse aproveitando o período de esplendor do mosteiro, que coincide co remate do de Carboeiro. Do mosteiro quedan algúns restos, como a arcada que pertenceu á sala capitular. Son arcos semicirculares sobre dúas columnas con ornamentación de follas e a arquivolta do arco presenta ornamentación de bólas.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Porta principal.

A igrexa é de planta primitiva basilical, consta de tres naves e tres ábsidas semicirculares. A nave central é máis alta cas laterais, divididas en catro tramos e separadas por piares cruciformes. As naves están divididas por piares rectangulares con columnas acaroadas nas frontes sobre as que descansan os arcos formeiros que aínda se conservan. Os arcos máis próximos á cabeceira son apuntados, o que indica unha reforma no Gótico. Os capiteis tanto das columnas das capelas da cabeceira como dos arcos das naves son románicos e teñen unha ornamentación xeométrica e floral. Os arcos de ingreso ás capelas da cabeceira están formados por arquivoltas ornamentadas. Parte de bóveda de canón sobre o presbiterio está cuberta por pinturas do século XVI.

No exterior, a ábsida central ten planta de ferradura; as ábsidas laterais, teñen no interior unha planta de ferradura e fóra aparece como semicircular.

A porta principal consta de dobre arquivolta sobre columnas; a arquivolta exterior ten ornamentación floral. No tímpano hai un Agnus Dei esculpido e enmarcado por unha franxa floral en arco de ferradura. A porta románica do muro norte presenta arquivoltas peraltadas ornamentadas con arquiños superpostos en dúas columnas. Na porta sur a fachada foi refeita conservando algúns elementos da portada antiga.

Estado actual

[editar | editar a fonte]

A igrexa está nun estado lamentable e os frescos da ábsida central están deteriorados. A sala capitular é utilizada como almacén.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]