Home verde
O home verde, máis coñecido co seu nome en inglés Green Man, é un mascarón, escultura, debuxo, ou outra representación dunha face que semella estar rodeada de follas e de plantas. Ás veces represéntase con vides ou pólas que lle medran dende o seu nariz e delas ás veces saen froitas ou flores. É usado comunmente como elemento ornamental, pódense atopar mascaróns de homes verdes nas igrexas e noutros edificios, tanto relixiosos coma non. "The Green Man" tamén é un nome popular dos bares ingleses.
O home verde ten moitas variacións nas súas diversas representacións. Pódese atopar en moitas esculturas arredor do mundo. É a miúdo relacionado coas deidades naturais de orixe vexetativo que foron xurdindo ó redor do mundo o longo dos tempos. Interprétase principalmente coma un símbolo do renacemento, que representa o ciclo de crecemento de cada primavera. Algúns especulan que a mitoloxía dos "homes verdes" foi desenvolvida de maneiras moi dispares nas diferentes tradicións e culturas ó longo do planeta e converteuse nun ornamento xenérico que pode aparecer nas máis distantes das culturas, con algunhas variacións na súa representación, como xa poden ser as plantas que lle medran na cara, que serán as autóctonas do lugar.
Casos en Galiza
[editar | editar a fonte]Estes homes verdes aparecen nun incensario dun anxo na Fachada das Praterías da Catedral de Santiago (século XII), na igrexa do Hospital de Quiroga, na igrexa de San Francisco de Betanzos (século XIV); na de San Xulián de Ventosa en Agolada (século XVI); na fachada da Casa da Parra (século XVII) na Quintana dos Vivos en Santiago de Compostela.