Saltar ao contido

Historia dos Quebec Nordiques

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Historia dos Quebec Nordiques remóntase a 1972, cando un grupo de investidores de Quebec compraron unha franquía na recentemente creada World Hockey Association (WHA), e finalizou en 1995, cando a franquía foi trasladada a Denver (Colorado, Estados Unidos). Nos seus 23 anos de existencia a franquía competiu sete tempadas na WHA e, logo da súa fusión coa NHL, 16 tampadas na NHL. O seu maior logro foi a consecución do Avco World Trophy (o campionato da WHA) na tempada 1976-77.

A compra da concesión

[editar | editar a fonte]
Estatua de Jean Lesage presidente do consello de administración dos Quebec Nordiques en xuño de 1972.

En 1971 creouse unha nova liga de hóckey sobre xeo baixo os auspicios de Gary Davidson e Dennis Murphy: a World Hockey Association ou WHA (en galego Asociación Mundial de Hóckey). Esta liga, segundo os seus fundadores, competiría coa National Hockey League.[1] Esta nova asociación chamou a atención dun grupo de accionistas dos Quebec Remparts da Ligue de hockey junior majeur du Québec. Este grupo, comunmente denominado o «Groupe des six» (Grupo do seis), estaba formado por Marcel Bédard, Léo-Paul Beausoleil, Jean-Marc Bruneau, John Dacres, Marius Fortier e Jean-Claude Mathieu. Ao non concordar en certos aspectos cos outros accionistas dos Remparts decidiron vender as súas accións por 60.000 dólares e reinvestilos na compra dunha franquía da WHA.[2]

O custo establecido para unha concesión na nova competición era de 25.000 dólares, mais os investidores de Quebec presentáronos demasiado tarde e a WHA rexeitou a súa candidatura. En frebreiro de 1972, renaceu un pouco a esperanza, xa que Gary Davidson propuxo aos quebequeses a readquisición da franquía dos San Francisco Sharks por 250.000 dólares, este último parecía ter dificultades para comezar. O grupo coñeceu máis tarde que esta franquía pertencía ao propio Gary Davidson, así como ao seu socio Dennis Murphy e a Mike O'Hara. Decidiuse deixar esta concesión dispoñible para unha oferta máis alta se os compradores se manifestaran no futuro.[3] Finalmente acordaron a suma de 215.000 dólares, dos cales 50.000 deberían ser pagados en efectivo, nacendo así a franquía de Quebec.[2][4]

Todo o mundo pensaba que o club se puxera en marcha, mais moitos escépticos suxeriron que o presuposto que o grupo previra para as operacións de hóckey non era realista e que o club finalmente non vería a luz. Para contrarrestar este escepticismo, conseguiron unha reunión con George « Punch » Imlach, na súa época de director xeral dos Buffalo Sabres da NHL xunto con Joe Crozier. A reunión celebrouse en Toronto en abril de 1972 e os participantes na mesma compararon o presusposto proxectado co dos Sabres. Isto demostrou que os presupostos eran sensiblemente os mesmos, e Imlach alentounos a embarcarse na aventura con ese presuposto.[5]

A pesar destes incentivos, poucos investidores manifestaron interese polo equipo. Ademais tiñan que atopar unha suma de 100.000 dólares para pagar á WHA para garantir a entrada en competición do equipo na tempada inaugural. Se o gruponon abonaba os cartos, perdería o anticipo de 50.000 dólares que pagara para mercar a franquía e sería excluído da competición por comezar uns meses máis tarde. Ao non ter os cartos solicitados, John Dacres e Marius Fortier partiron cara Chicago onde debía ter lugar unha reunión coa dirección da WHA. En Chicago recibiron unha primeira oferta de axuda, a dun tal Martin Lazarus. A axuda era a condición do traslado do equipo a Montreal.[5] Tendo fracasado en atopar a suma antes do ultimato, os dous homes aínda ían a tempo para a reunión e para a súa sorpresa, Bill Hunter propietario da franquía de Edmonton avalou e depositou os cartos do club de Quebec.[2]

Un tempo despois, coa axuda de Jean Lesage, os Nordiques foron capaces de atopar en Charles Marquis a un investidor que garantira o debut do equipo nunha pista de xeo.[6] Marius Fortier converteuse pola súa parte no director xerente da franquía,[7] e Lesage foi nomeado presidente do consello de administración.[8]

Na World Hockey Association

[editar | editar a fonte]

Primeiras tempadas (1972-1973 e 1973-1974)

[editar | editar a fonte]
Maurice Richard, primeiro adestrador da franquía.

O primeiro adestrador do equipo foi Maurice Richard, icona dos quebequeses e xogador dos Montreal Canadiens da NHL durante unha vintena de anos; inicialmente rexeitou a proposta de Fortier e Maurice Filion, scout do equipo, mais finalemente presionado pola súa muller, o « Rocket » aceptou ir a Quebec e asinou o seu contrato co novo equipo da WHA o 27 de xullo de 1971.[7] Uns días antes, o defensa e buque insignia dos Canadiens Jean-Claude Tremblay decidiu cambiar de liga e uniuse á WHA e aos Nordiques pola suma de 140.000 dólares por tempada.[7] Os dous ex-Canadiens foron as dúas estrelas dos primeiros Nordiques, o resto do equipo estivo composto por xogadores fancocanadenses.[7] Tremblay foi designado capitán do equipo.[9]

Os Quebec Nordiques xogaron o seu primeiro partido na WHA na noite do 11 de outubro de 1972, cunha derrota por 2 goles a 0 na pista dos Cleveland Crusaders.[10] A raíz desta primeira derrota, Richard declarou a Fortier que non continuaría e que non soportaba a presión que xeraba o posto de adestrador dun equipo.[11] Finalmente accedeu a permanecer no posto para o primeiro partido na casa fronte aos Alberta Oilers cunha vitoria por 6 goles a 0 cun shutout[Nota 1] de Serge Aubry.[10] O primeiro gol da historia dos Nordiques foi anotado por François Lacombe.[7] Con todo, Richard non aproveitou o partido e a dirección de Quebec anunciou de xeito oficial que Richard se retiraba unha semana por motivos de saúde; Filion tomou entón o posto de adestrador.[12]

Imitando á NHL, a WHA organizou no mes de xaneiro de 1973 o seu primeiro partido das estrelas, que tivo lugar na cidade de Quebec e no que tres xogadores dos Nordiques participaron na vitoria do equipo da súa división Aubry, Tremblay e Michel Parizeau. Con 33 vitorias, 40 derrotas e cinco empates, os Nordiques finalizaron a liga regular cun quinto posto na División Leste, non conseguindo clasificarse para os play-offs.[13] Tremblay foi nomeado mellor defensor da liga e en consecuencia recibiu o Dennis A. Murphy Trophy.[14]

Despois desta primeira tempada, Fortier debía atopar un sucesor para Fillion, así como o xeito de atraer a máis xente para que fose ver os partidos do equipo. De feito o equipo atraeu unha media de 7.000 espectadores por partido, a segunda media máis alta da WHA, mais os Remparts atraían en cada partido a 10.000 espectadores.[7] Finalemente, Jacques Plante foi nomeado para ocupar os postos de director xeral e adestrador da franquía.[7][15]

A pesar de que ao equipo de Plante chegaron xogadores como Serge Bernier, Réjean Houle e Dale Hoganson, o equipo non puido gañar durante a tempada 1973-74. Finalmente o equipo perdeuse os play-offs por un punto na clasificación. Plante foi fortemente criticado polos seareiros de Quebec e decidiu el mesmo deixar a franquía o 1 de maio para regresar ao xogo na tempada seguinte á fronte dos Edmonton Oilers.[16]

Primeiras clasificacións para os play-offs (1974-1975 e 1975-1976)

[editar | editar a fonte]
Gordie Howe axudou aos Houston Aeros a derrotar aos Nordiques na final do Avco World Trophy en 1975.

Antes do inicio da tempada 1974-75, as contas do club estaban en vermello, en parte a causa da marcha precipitada de Plante, antes de que André Veilleux investira 50.000 dólares na caixa. Deste xeito entrou no novo consello de administración, mais só pasaron dúas semanas para que quixera facerse cargo da xestión do equipo.[17] John Dacres converteuse no segundo presidente do club, e Fillion outorgoulle o posto de adestrador do equipo a Jean-Guy Gendron.[18] No draft[Nota 2] amateur de 1974 da WHA, o equipo foi o noveno en escoller, seleccionando a Réal Cloutier, xogador júnior dos Remparts.[19]

Ao mesmo tempo, a WHA reestruturouse creando unha terceira división, a Canadian Division, na que os Nordiques competiron xunto cos Winnipeg Jets, os Vancouver Blazers, os Edmonton Oilers e os Toronto Toros. Os Nordiques loitaron toda a tempada cos últimos pola primeira posición da división. No mes de decembro, o equipo realizou un intercambio de varios xogadores cos Michigan Stags: Marc Tardif e Steve Sutherland chegaron a Quebec a cambio de Pierre Guité, Alain Caron e Michel Rouleau.[20][21] Se impuxo rápido no seo do equipo e foi invitado durante esa tempada ao partido das estrelas da WHA disputado de novo no Quebec, e ao que tamén foron invitados Bernier, Houle, Tremblay e Hoganson.[17].

Entre o 1 e o 19 de xaneiro, o equipo consegui nove vitorias consecutivas, colocándose na primeira posición da clasificcación da súa división.[22][23] En marzo, o equipo finalizou a liga regular con 92 puntos, o segundo rexistro máis alto da liga por detrás dos Houston Aeros[24]

Clasificados por primeira vez para os play-offs, os Nordiques enfrontáronse na primeira rolda aos Phoenix Roadrunners, tendo que chegar ao quinto partido da serie para derrotar ao equipo de Arizona. Na segunda rolda, os Nordiques enfrontáronse aos Minnesota Fighting Saints, necesitando desta vez o equipo de Gendron de seis partidos para pasar á seguinte rolda.[24] Na final, os de Quebec enfrontáronse aos campións da liga regular ese ano e do Avco World Trophy na tempada 1973-74, os Aeros. Estes últimos contaban nas súas filas con Gordie Howe, veterano de 46 anos, así como os seus dous fillos Mark e Marty.[25] Os Nordiques foron superados polos Aeros e perderon a final en catro partidos cun total de 20 goles para o equipo de Houston fronte a sete dos Nordiques.[26] Con todo, Tremblay recibiu por segunda vez na súa carreira o trofeo ao mellor defensor da WHA.[14]

Campión do Avco World Trophy (1976-1977)

[editar | editar a fonte]
O Avco World Trophy que foi entregado aos Nordiques.

A tempada 1976-77 dos Nordiques viu a chegada dun novo adestrador na persoa de Marc Boileau, logo de dous anos adestrando aos Pittsburgh Penguins.[27] Boileau chegou ao banco do equipo en substitución de Gendron, que non mediou máis cos xogadores do equipo.[18] Os xogadores de Quebec protagonizaron un bo inicio de tempada conseguindo oito vitorias nos seus nove primeiros partidos, tomando rapidamente o mando da división Leste e da World Hockey Association.[28][29] Durante os seguintes 20 partidos, o equipo experimentou unha baixada de rendemento, gañando tan só oito partidos, o que non impediu que o 21 de decembro permaneceran aínda á cabeza da división Leste, porén perderon o liderado na clasificación da WHA a mans dos San Diego Mariners.[30]

Entre o 22 de decembro e o 25 de xaneiro, os Nordiques gañaron nove partidos de xeito consecutivo para asentar o seu dominio na división Leste. Ao final da liga regular, o equipo de Quebec finalizou á fronte da súa división cun rexistro de 47 vitorias, 31 derrotas e 3 empates, sumando un total de 97 puntos, catorce puntos máis que os segundos clasificados, os Cincinnati Stingers.[31] Durante esta tempada, os Minnesota Fighting Saints detiveron as súas actividades no mes de febreiro de 1976.[32]

Ofensivamente, o equipo dos Nordiques estivo liderado por Réal Cloutier, que acadou un rexistro de 141 puntos, conseguindo deste xeito o rexistro máis alto da WHA e polo tanto o Bill Hunter Trophy.[33] Cloutier conseguiu 66 goles para o seu equipo, mentres que Marc Tardif, máximo puntuador da tempada anterior da WHA, perdeuse 20 partidos e rexistrou 49 goles para un total de 109 puntos; mentres, Christian Bordeleau marcou 32 goles e tantas asistencias como Cloutier con 75 pases decisivos, converténdose no terceiro xogador do equipo en superar a barreira dos 100 puntos.[34]

Na primeira rolda dos play-offs, os Nordiques enfrontáronse aos New England Whalers, cuartos e últimos clasificados da división para as series finais. Os dous primeiros partidos foron xogados no Quebec e se saldaron con dúas vitorias para os locais. O equipo canadense conseguiu novamente a vitoria no seguinte partido no Hartford Civic Center, mais perdeu o cuarto encontro. O quinto e último partido da serie xogouse o 19 de abril de 1976 e finalizou cunha vitoria por 3 goles a 0 para o equipo de Quebec cun shutout de Richard Brodeur.[35][36] Na segunda rolda dos play-offs, os Nordiques eliminaron os Indianapolis Racers de novo en cinco partidos e do mesmo xeito que fronte aos Whalers: tres vitorias consecutivas e unha vitoria despois para cada equipo, sendo a vitoria dos Racers un shutout do porteiro local (2-0).[35]

Os Nordiques chegaron á final do Avco World Trophy, onde se enfrontaron aos Winnipeg Jets, terceiros da liga regular e que viñan de derrotar aos Aeros na final da división Oeste e vixentes campións do Avco World Trophy. Quebec perdeu o seu primeiro partido na casa nos play-offs por primeira vez por 2 goles a 1, mais repúxose cunha contundente vitoria no segundo partido por 6-a. Sobre o xeo do Winnipeg Arena, os Jets inflixiron a segunda derrota aos Nordiques no terceiro partido co mesmo resultado (6-1). Os Nordiques conseguiron manterse vivos na eliminatoria cunha vitoria por 4-2 no cuarto partido e gañaron o quinto partido da serie por 9-2. O sexto partido da serie viu un final totalmente distinto para os Jets, que derrotaron con contundencia aos quebequeses por 12 goles a 3 mentres que o adestrador Boileau foi excluído do partido.[35] O derradeiro partido da serie xogouse o 26 de abril no Colisée de Québec e a pesar do empate sen goles ao final do primeiro período, o marcador final decantouse do lado local por 8 goles a 2.[36] Deste xeito, os Nordiques conquistaban o seu primeiro Avco World Trophy, mentres que Serge Bernier conseguiu 14 goles e 22 asistencias para alzarse co título de MVP dos play-offs da WHA[Nota 3][37]

Na National Hockey League

[editar | editar a fonte]
Interior do Colisée de Québec durante o quecemento dun partido dos Nordiques en 1986.

O caso Lindros

[editar | editar a fonte]
Peter Forsberg foi o xogador clave obtido polo troco de Lindros aos Philadelphia Flyers.

Designamos a toda a saga de Eric Lindros polo nome de caso Lindros. Este xogador estaba considerado unha das futuras estrelas do hóckey e foi rapidamente o foco de numerosas controversias. A máis coñecida de todas foi sen dúbida, na que el se negou a xogar para os Nordiques, a pesar de que estes o escolleran na primeira elección do draf da NHL en 1991. Antes mesmo de que fora escollido polo equipo quebequés, o xogador dixera que nunca xogaría para o equipo da capital de Quebec. A pesar de todo, os directivos dos Nordiques seguiron adiante, ignorando as palabras do xogador así como un precedente ocorrido anos antes, cando os Sault Ste. Marie Greyhounds da Ontario Hockey League seleccionaron á nova promesa a pesar de que seus pais advertiran de que non xogaría nun club do sur de Ontario.[38] Máis á vez, un regulamento da liga estipulaba que un xogador novo non pode ser intercambiado durante a súa primeira tempada se fora seleccionado na primeira rolda do draft. A liga decidiu, a raíz das presións dos pais de Lindros e dos afeccionados, modificar o regulamento para permitir aos Greyhounds intercambiar os Oshawa Generals e así permitir a chegada de Lindros á liga.

Antes de que fora seleccionado polos Nordiques, declarara aos xornalistas que a súa reticencia a xogar no Quebec eran motivos económicos. Posteriormente fíxose evidente que había outras razóns, como o medo a verse illado nun medio totalmente francófono, as limitadas posibilidades para un anglófono de obter ingresos publicitarios etc.[39]

Logo dun ano en suspenso, os directivos dos Nordiques decidiron poñer fin á situación. Nos albores do draft de 1992, traspasaron a Lindros aos Philadelphia Flyers. Lindros estivera no centro da controversia ata o seu último día nos Nordiques: de feito, os New York Rangers afirmaron terse comprometido cos Nordiques antes que os Flyers. Os Rangers ofreceran ao porteir John Vanbiesbrouck, Tony Amonte, Doug Weight, Alexei Kovalev así como seleccións no draft e cartos.[40]

O caso arreglouse coa intervención da NHL en favor de Philadelphia, e a cambio os Nordiques obtiveron a Peter Forsberg, Steve Duchesne, Kerry Huffman, Mike Ricci, Ron Hextall, da primeira elección dos Flyers no draft de 1993 – elección que se provara ser Jocelyn Thibault – así como 15 000 000 $ e eleccións futuras – eleccións que serían finalmente Chris Simon e a primeira escolla dos Flyers no draft de 1994, Nolan Baumgartner.[41]

A venda da franquía

[editar | editar a fonte]

A venda dos Nordiques produciuse no día seguinte a unha tempada acurtada a 48 partidos, unha sesión marcada polo primeiro lock-out (peche patronal) da National Hockey League.

Oficialmente, o equipo foi vendido o 25 de maio de 1995. Con todo, foi durante os partidos das series eliminatorias fronte aos New York Rangers cando os rumores intensificáronse.

Os Nordiques foron vendidos por 75 millóns de dólares estadounidenses ao grupo Comsat Communication de Washington, instalándose en Denver, no estado de Colorado, onde os Nordiques foron renomeados Avalanche. O fracaso dun proxecto de futuro anfiteatro, o tamaño do mercado de Quebec, a ausencia de límite salarial na NHL, e a falta de financiamento por parte do goberno foron os principais motivos da perda dos Nordiques.[42][43] Na primavera de 1996, o Colorado Avalanche logrou a Stanley Cup na súa primeira tempada en Denver.

  1. Un porteiro realiza un shutout cando consegue non encaixar ningún gol durante o partido. Tamén ten que ter sido o único porteiro do equipo que xogou.
  2. O termo draft é un anglicismo que se emprega para designar un evento anual presente en todos os deportes colectivos de América do Norte no que os equipos seleccionan deportistas da universidade, o instituto, ou un equipo doutra liga para o seu equipo.
  3. O termo MVP ou Most Valuable Player é o termo empregado para referirse ao mellor xogador.
Referencias
  1. Hornby, « Les grands moments du Hockey », p. 78
  2. 2,0 2,1 2,2 Benoît Clairoux. Les Nordiques - Toute l'histoire de 1972 à 1995, ed. "Les Nordiques de Québec - Introduction" (en francés). Consultado o 7 de xaneiro de 2015. 
  3. Fortier, « Les Nordiques et le circuit maudit », p. 51
  4. Fortier, « Les Nordiques et le circuit maudit », p. 56
  5. 5,0 5,1 Fortier, « Les Nordiques et le circuit maudit », p. 73
  6. Fortier, « Les Nordiques et le circuit maudit », p. 79
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Benoît Clairoux. Les Nordiques - Toute l'histoire de 1972 à 1995, ed. "Les Nordiques de Québec - Saison 1972-1973" (en francés). Consultado o 25 de decembro de 2014. 
  8. Assemblée Nationale du Québec (ed.). "Biographie de Jean Lesage" (en francés). Consultado o 25 de decembro de 2014. 
  9. Benoît Clairoux. Les Nordiques - Toute l'histoire de 1972 à 1995, ed. "Les Nordiques de Québec - Les capitaines" (en francés). Consultado o 3 de xaneiro de 2015. 
  10. 10,0 10,1 Benoît Clairoux. Les Nordiques - Toute l'histoire de 1972 à 1995, ed. "Les Nordiques de Québec - Statistiques, saison 1972-1973" (en francés). Consultado o 3 de xaneiro de 2015. 
  11. Larochelle, « Les Nordiques - Dix ans de suspence », páxs 184 e 185
  12. La Presse, ed. (14 de outubro de 1971). "Richard abandonne le poste" (en francés). Consultado o 3 de xaneiro de 2015. 
  13. ShrpSports (ed.). "Final WHA Standings 1972-73" (en inglés). Consultado o 7 de xaneiro de 2015. 
  14. 14,0 14,1 Hockey-reference.com (ed.). "WHA Dennis A. Murphy Trophy Winners" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2015. Consultado o 7 de xaneiro de 2015. 
  15. Duplacey, « Total Hockey: The Official Encyclopedia of the National Hockey League », páx 180
  16. Benoît Clairoux. Les Nordiques - Toute l'histoire de 1972 à 1995, ed. "Les Nordiques de Québec - Saison 1973-1974" (en francés). Consultado o 7 de xaneiro de 2015. 
  17. 17,0 17,1 Benoît Clairoux. Les Nordiques - Toute l'histoire de 1972 à 1995, ed. "Les Nordiques de Québec - Saison 1974-1975" (en francés). Consultado o 7 de xaneiro de 2015. 
  18. 18,0 18,1 Benoît Clairoux. Les Nordiques - Toute l'histoire de 1972 à 1995, ed. "Les Nordiques de Québec - Les entraîneurs" (en francés). Consultado o 7 de xaneiro de 2015. 
  19. Legends of Hockey (ed.). "Real Cloutier" (en inglés). Consultado o 7 de xaneiro de 2015. 
  20. Legends of Hockey (ed.). "Marc Tardif" (en inglés). Consultado o 7 de xaneiro de 2015. 
  21. Benoît Clairoux. Les Nordiques - Toute l'histoire de 1972 à 1995, ed. "Les Nordiques de Québec - Marc Tardif" (en francés). Consultado o 7 de xaneiro de 2015. 
  22. ShrpSports (ed.). "1974-75 Quebec Nordiques (46-32-0)" (en inglés). Consultado o 7 de xaneiro de 2014. 
  23. ShrpSports (ed.). "WHA Standings after Jan 19 in 1974-75 season" (en inglés). Consultado o 7 de xaneiro de 2015. 
  24. 24,0 24,1 Benoît Clairoux. Les Nordiques - Toute l'histoire de 1972 à 1995, ed. "Les Nordiques de Québec - Statistiques, saison 1974-1975" (en francés). Consultado o 7 de xaneiro de 2015. 
  25. The Internet Hockey Database (ed.). "1974-75 Houston Aeros roster and player statistics" (en inglés). Consultado o 7 de xaneiro de 2015. 
  26. The Internet Hockey Database (ed.). "1974-75 WHA Playoff Results" (en inglés). Consultado o 7 de xaneiro de 2015. 
  27. The Internet Hockey Database (ed.). "Marc Boileau hockey statistics & profile" (en inglés). Consultado o 8 de xaneiro de 2015. 
  28. ShrpSports (ed.). "1976-77 Quebec Nordiques (47-31-3)" (en inglés). Consultado o 8 de xaneiro de 2015. 
  29. ShrpSports (ed.). "WHA Standings after Oct 26 in 1976-77 season" (en inglés). Consultado o 8 de xaneiro de 2015. 
  30. ShrpSports (ed.). "WHA Standings after Dec 21 in 1976-77 season" (en inglés). Consultado o 8 de xaneiro de 2015. 
  31. ShrpSports (ed.). "Final WHA Standings 1976-77" (en inglés). Consultado o 8 de xaneiro de 2015. 
  32. Duplacey, « Total Hockey: The Official Encyclopedia of the National Hockey League », páx 375
  33. Hockey-reference.com (ed.). "WHA Bill Hunter Trophy Winners" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2015. Consultado o 8 de xaneiro de 2015. 
  34. The Internet Hockey Database (ed.). "1976-77 Quebec Nordiques roster and player statistics" (en inglés). Consultado o 8 de xaneiro de 2015. 
  35. 35,0 35,1 35,2 Benoît Clairoux. Les Nordiques - Toute l'histoire de 1972 à 1995, ed. "Les Nordiques de Québec - Saison 1976-1977" (en francés). Consultado o 8 de xaneiro de 2015. 
  36. 36,0 36,1 The Internet Hockey Database (ed.). "1976-77 WHA Playoff Results" (en inglés). Consultado o 8 de xaneiro de 2015. 
  37. Hockey-reference.com (ed.). "WHA Playoff MVP Winners" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2015. Consultado o 8 de xaneiro de 2015. 
  38. Poulin, « L'affaire Lindros: dossier complexe et peu reluisant », páx 24.
  39. Poulin, « L'affaire Lindros : dossier complexe et peu reluisant », page 55.
  40. Sportsnet, ed. (8 de febreiro de 2012). "5 blockbuster NHL deals that almost happened" (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2014. 
  41. Legends Of Hockey (ed.). "Eric B. Lindros" (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2015. 
  42. Poulin, Yves, 1972-1995: Québec n'a plus les moyens de son rêve, xornal Le Soleil, venres 26 de maio de 1995, p. A1, republicado o 25 de maio de 2011, consultado en liña Arquivado 15 de setembro de 2019 en Wayback Machine. o 25 de decembro de 2014
  43. Faucher, Jean-Robert, Michèle Viroly, Luci Tremblay et Monia Monger, Adieu les Nordiques!, Radio-Canada, 25 de maio de 1995, consultado en liña Arquivado 29 de novembro de 2014 en Wayback Machine. o 25 de decembro de 2014

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]