Hadrián
Hadrián[1][2] é un nome propio masculino galego. A súa orixe é o latín Hadrianus, estirpe romana do emperador Hadriano. En galego tamén ten as variantes Adriano, Adrao, Hadriano e Adrán.[2]
En xaneiro de 2023 existían 74 varóns en Galicia co nome Hadrián, cunha media de idade de 23,2 anos,[3] 225 co nome Adriano, cunha media de idade de 49,6 anos[4] e 11 co nome Adrán, cunha media de idade de 14 anos.[5] Non hai persoas rexistradas coas variantes Adrao ou Hadriano.
Outras linguas
[editar | editar a fonte]As variantes gráficas para escribir as versións deste nome noutras linguas son as seguintes:
- alemán: Adrian, Adria, Adriaan, Adrijan, Adriaen, Adrián, Adriano, Adrien, Andrigan, Arian, Hadrian, Jadran
- catalán: Adrià
- castelán: Adrián, Adriano (papas e emperador)
- checo: Hadrián, Adrián
- francés: Adrien (papas), Hadrian (emperador), ás veces mesmo Arien, Adryen, Adrian, Hadrien
- inglés: Adrian, Adrien, Hadrian (papas e emperador), Ade [ás veces úsase a grafía francesa Adrien (como en Adrien Brody), pero en todo caso sempre se pronuncia con ditongo inicial]
- italiano: Adriano, Adreano, Adrio
- neerlandés: Adriaan, Adriaen, Adrianus, Aad, Aarjen, Aat, Ad, Adri, Adrie, Aerjen, Arian, Ari, Ariaan, Arie, Arius, Arjan, Arjen, Erjen, Hadriaan, Hadrianus, Janus, Jari
- polaco: Adrian
- portugués: Adriano, Adrião
- romanés: Adrian, Adi
Personaxes
[editar | editar a fonte]Relixión
[editar | editar a fonte]- Hadrián I: Papa que estivo no solio pontificio do ano 772 ó 795.
- Hadrián II: Papa que gobernou a igrexa cristiá dende os anos 867 ó 872.
- Hadrián III: Papa que gobernou a igrexa cristiá dende os anos 884 ó 885.
- Hadrián IV: Papa que gobernou a igrexa cristiá dende os anos 1154 ó 1159.
- Hadrián V: Papa que gobernou a igrexa cristiá no ano 1276.
- Hadrián VI: Papa que gobernou a igrexa cristiá dende os anos 1522 ó 1523.
- Hadrián de Cesarea, mártir cristián finado no 309 (5 de marzo).
- Hadrián de Nicomedia, mártir cristián, torturado e decapitado no ano 303 (8 de setembro).
Aristocracia
[editar | editar a fonte]Outros
[editar | editar a fonte]- Adrián Troitiño, anarcosindicalista galego.
- Adrián Solleiro González, ilustrador galego.
- Adrián Estévez Iglesias, filólogo, escritor e wikimedista galego.
- Adrian de Vries: escultor neerlandés.
- Adrian Dimítrievich Zajárov: arquitecto ruso.
- Adriano Balbi: xeógrafo e estadista italiano.
- Adriano Banchieri: compositor italiano.
- Adriano Celentano: Cantante e actor italiano.
- Adriano del Valle: poeta español.
- Adriano Olivetti: político e enxeñeiro industrial italiano.
Hadrián na cultura galega
[editar | editar a fonte]Na toponimia
[editar | editar a fonte]Segundo o nomenclátor de Galicia oficial da Xunta, en Galiza hai 15 parroquias consagradas a este santo, aínda que ningunha delas escrita con hache:
- 4 delas coa variante Adrián: Vilariño, Cambados; Calvos, Fornelos de Montes; Meder, Salvaterra de Miño; e Santo Adrián de Castro, Zas.
- outras 4 coa variante Adrán: Toba, Cee; Verdes, Coristanco; Corme Aldea, Ponteceso e Cobres, Vilaboa.
- e outras 7 coa variante Adrao: Moneixas e Madriñán, Lalín; Ousón, Becerreá; Bieite, Leiro; Santo Adrao de Lourenzá, Lourenzá; Veiga, Ortigueira e Zapeaus, Rairiz de Veiga.
Tamén existen os lugares de Santo Adrián (A Pobra do Brollón e O Saviñao), Santo Adrián de Castro (Zas), Adrán (A Laracha, Ordes e Teo), Santadrao (Castroverde, A Pastoriza e Riotorto), Santo Adrao (Vilalba), Santadriao (Pantón) e Santradán (Cobres, Vilaboa).
Á xeografía física corresponde o cabo de Santo Hadrián, en Malpica.
Na literatura
[editar | editar a fonte]Na literatura galega cómpre destacar o influxo deste antropónimo en Otero Pedrayo. Nado un 5 de marzo, puxo este nome a tres personaxes dos seus libros: Adrián Solovio (Arredor de si), Adrián Silva (La vocación de Adrián Silva), e Adrián Soutelo (o tío de Paio, n' Os camiños da vida). Outros personaxes literarios deste nome son Adrián Novoa (Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz) e Adrián Seivane (Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras).
Na cultura tradicional
[editar | editar a fonte]Na cultura popular galega hai unha lenda, un refrán e unha cantiga vencellados a Santo Hadrián. A lenda di como segue:
En Corme existe a Pedra da Serpe, que conserva a figura dunha serpe alada. A súa autoría é discutida, pero asóciase aos cultos precristianos ás serpes, relacionado coa chegada dos celtas, que tiñan como símbolo heráldico a serpe. Segundo a lenda, cando San Hadrián andaba predicando pola zona, esta era inhabitable debido a unha praga de serpes. Porén, o santo golpeou o chan co pé e todas foron refuxiarse baixo a pedra, quedando unha delas petrificada en sinal deste feito. Como símbolo da cristianización deste lugar púxoselle unha cruz enriba.
O refrán é: Día de san Adrián, sécalle a primeira raíz ó pan.
A cantiga, con dúas variantes, é:
- Meu siñor San Adrián/é un santo milagroso/pedínlle un mozo bonito/doume un barbas de raposo.
- Meu señor San Adrián/é un santo moi milagreiro/pedinlle un home bonito/doume un cara de carneiro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Xunta de Galicia (ed.). "Ímoslle chamar..." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2018. Consultado o 13 de xuño de 2017.
- ↑ 2,0 2,1 Boullón Agrelo, Ana Isabel (coord.): Guía de nomes galegos A Coruña: Real Academia Galega.
- ↑ Nome Hadrián na Web do Intituto Galego de Estatística
- ↑ Nome Adriano na Web do Intituto Galego de Estatística
- ↑ Nome Adrán na Web do Intituto Galego de Estatística