Gorka Landaburu
(2016) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de outubro de 1951 (73 anos) París, Francia |
Actividade | |
Ocupación | xornalista |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español |
Membro de | |
Familia | |
Pai | Francisco Javier de Landaburu |
Irmáns | Eneko Landaburu Ander Landaburu |
Gorka Landaburu Illarramendi, nado en París, Francia, o 11 de outubro de 1951, é un xornalista vasco. Traballou en diversos medios de comunicación e é director e vicepresidente do consello editor do semanario Cambio 16 e tamén da revista Aldaketa Hamasei. É irmán do tamén xornalista Ander Landaburu, director do xornal El País no País Vasco.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Formación
[editar | editar a fonte]O seu pai, Francisco Javier de Landaburu Fernández, foi deputado do PNV durante a II República e vicelehendakari do Goberno Vasco, durante o franquismo, no exilio de París, onde naceu Gorka, que cursou alí os seus estudos de xornalismo. Regresou a España en 1972 e exerceu como profesor de francés en varias escolas.
Traxectoria profesional
[editar | editar a fonte]É un xornalista cunha gran traxectoria en medios de comunicación franceses, como Radio France, e españois, onde foi correspondente de Canal Sur no País Vasco e colaborador radiofónico de Luis del Olmo en Las mañanas de Onda Cero. Os seus últimos traballos son como director do semanario Cambio 16 e de Aldaketa Hamasei (Cambio 16 en éuscaro). Tamén é vicepresidente do consello editor de Cambio 16 e director da axencia de información Espacio de Información General. Participa tamén como contertulio en espazos de televisión, como "59 segundos" en TVE.
- Agencia EFE (1976)
- Semanario Opinión (1976-1977)
- Diario 16 e Cambio 16 (1977)
- Radio Luxembourg (1977-1980)
- Le Matin (xornal de París) (1979-1984)
- Radio France (1980)
- Agencia REUTERS (1982-1998)
- Radio Euskadi (Tertulias 1989-1994)
- Diario de Andalucía (1998-2000)
Implicación política
[editar | editar a fonte]Afiliado dende 1993 ó PSE, a súa oposición ó nacionalismo violento e ó terrorismo no País Vasco marcaron a súa carreira, e centraron boa parte do seu traballo; por este motivo foi obxecto dun atentado terrorista no 2001.
Landaburu manifestouse, en 2005, contra o peche por orde xudicial do xornal Egunkaria, que foi acusado de colaboración con ETA. Colaborou coa coordinadora "Gesto por la Paz" e preside o Grupo Vasco de Vítimas do Terrorismo. En febreiro de 2006, asinou o manifesto "Si no noso nome, si a que se busque a paz",[1] no que se defendía o diálogo entre o Goberno español e a banda terrorista.
Atentado terrorista
[editar | editar a fonte]O 15 de maio de 2001, Gorka Landaburu recibiu no seu domicilio de Zarautz (Guipúscoa) un paquete remitido por unha revista á que estaba subscrito. O paquete bomba, enviado pola banda terrorista ETA, contiña 150 g de dinamita Titadyne, que estoupou ó abrilo e causoulle graves feridas[2] na faciana, no abdome e a amputación dunha falanxe do dedo índice da man dereita e unha falanxe de tódolos dedos (agás o matapiollos) da esquerda.[3] O seu fogar foi tamén obxectivo de ataques de grupos violentos e está obrigado a levar escolta dende hai varios anos. É membro da Fundación Vítimas do Terrorismo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Entrevista a Gorka Landáburu[Ligazón morta]
- ↑ Nova do atentado contra Gorka Landaburu en El Mundo
- ↑ "As mans de Gorka Landaburu, por Antonio Burgos". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 06 de outubro de 2016.