Saltar ao contido

Falsa candorca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Falsa candorca
Pseudorca crassidens

Tamaño en comparación co dun humano
Tamaño en comparación co dun humano

Estado de conservación
Datos insuficientes[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Infraorde: Delphinida
Superfamilia: Delphinoidea
Familia: Delphinidae
Subfamilia: Orcininae
Xénero: Pseudorca
Reinhardt, 1862 [2]
Especie: P. crassidens
Nome binomial
Pseudorca crassidens
Owen, 1846 [3]
Distribución da falsa orca
Distribución da falsa orca

Distribución da falsa orca
Sinonimia

Do xénero:[2][4]

Da especie:[3]

  • Phocaena crassidens Owen, 1846
  • Orca meridionalis Flower, 1864
  • Pseudorca meridionalis (Flower, 1865)
  • Orca destructor Cope, 1866
  • Globicephalus grayi Burmeister, 1869 [5]
  • Pseudorca? meditarranea Giglioli, 1882 [6]
Cabeza da falsa candorca.

A falsa candorca[7] ou negrón,[8] Pseudorca crassidens, é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, única do xénero Pseudorca.[4]

Despois da candorca, é un dos dos membros da familia dos golfiños de maiores dimensións.

Vive en augas de zonas temperadas e tropicais de todo o mundo.

A falsa candorca non foi aínda estudada de forma exhaustiva na natureza polos científicos, e moitos dos datos sobre esta especie obtivéronse do exame de animais varados.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A falsa candorca foi descrita polo paleontólogo e biólogo británico Richard Owen na súa obra de 1846 A history of British fossil mamals and birds.[9] á que lle deu o nome de Phocaena crassidens. Para iso baseouse nun fósil descuberto no gran pantano de Linconlshire, Reino Unido.

Considerouse que a especie estaba extinta até que Reinhardt confirmou que aínda estaba viva, describindo unha gran manda de exemplares na baía de Kiel en 1861, dos que se puido capturar un, mentres que outros vararon na costa de Dinamarca o ano seguinte.[10] Por outra parte, este autor reclasificou a especie nun novo xénero, por el descrito, Pseudorca.

Como o seu nome común indica, a falsa candorca comparte características coa candorca (Orcinus orca). As dúas especies a primeira vista son moi similares e, ao igual que a candorca, a falsa candorca ataca e mata a outros cetáceos.

Porén, as dúas especies non están tan estreitamente relacionadas como se podería pensar, aínda que algúns autores, como Wagner, a mediados do século XIX,[11] e Kasuya, en 1973,[12] reúnen ambas as especies na subfamilia dos orcininos).

Descrición

[editar | editar a fonte]

É o terceiro delfínido en canto a tamaño, alcanzando unha lonxitude que oscila entre os 3,7 e os 5,5 m e un peso de entre 1,2 e 2 t.[13]

O seu peso ao nacer é duns 80 kg.[14]

Ten un corpo delgado, con forma de torpedo cunha aleta dorsal alta, que pode medir uns 30 cm, falciforme, co bordo posterior moi cóncavo, e co extremo apuntado ou arredondado segundo os espécimes.[14]

A cabeza é longa e fina, e vaise adelgazando ata acabar nun bico arredondado.

Un trazo distintivo desta especie son as características curva e vulto (adoito chamado "o cóbado") a metade de camiño ao longo de cada unha das aletas pectorais, que son curtas e estreitas e están situadas en posición bastante adiantada.[14]

A súa coloración é uniforme, de gris escura a negra, algo máis clara nos individuos novos.[15]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

A falsa candorca é un animal sociábel que se agrupa en bandos normalmente de 10 a 50 individuos, raramente ata 300, pero que poden chegar a estar formados por varios miles de animais nas reunións sociais.[13][14]

É unha nadadora rápida e activa e, cando sae á superficie pode sacar a cabeza enteira e boa parte do corpo fóra da auga, ás veces incluso as aletas pectorais.

Frecuentemente emerxe coa boca aberta, deixando ao descuberto as fileiras de dentes cónicos.

Adoita acercarse aos barcos, saltando as ondas diante ou detrás deles.

Moitas veces dá unha volta no aire para caer de costado, producindo unha salpicadura enorme en relación ao seu tamaño.

Pode ser susceptible de varamentos, ás veces en gran número de exemplares (máis de 800 nun caso excepcional).[14]

Ao igual que outros golfiños, é capaz de recoñecerse nun espello.[16]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

O seu alimento componse principalmente de cefalópodos e peixes (xeralmente bacallaus, atúns e bonitos),[13] aínda que ocasionalmente tamén pode cazar focas e outros pinnípedes.[14]

Distribución e poboación

[editar | editar a fonte]
Unha falsa candora e un arroaz nunha exhibición nun delfinario do Xapón.
Falsa candorca capturada en Okinawa.

Distriubución

[editar | editar a fonte]

Amplamente distribuída, sobre todo en augas tropicais e temperadas profundas, lonxe da costa en todos os océanos do mundo (e nalgúns mares semipechados, como os mares Vermello e Mediterráneo), pero ás veces tamén frecuenta augas costeiras profundas. Parece, por tanto, preferir as augas cálidas e, aínda que non se coñecen migracións fixas pénsase que poden desprazarse do norte ao sur, e viceversa, segundo o quecemento ou arrefriamento estacionais da auga.[14]

Xeralmente non se achan a latitudes maiores dos 50° en ambas as latitudes.[17]

Porén, rexistráronse numerosos animais observados en augas temeprado-frías, fóra dos ámbitos de distribución normais, e hai citas de individuos migrantes chegados ata Noruega ou Alasca.[14]

Poboación

[editar | editar a fonte]

A pesar de tan ampla distribución, a falsa candorca parece ser unha especie pouco común. A poboación total descoñécese. No Pacífico oriental estímase que hai uns 40.000 individuos.

En 1996, a UINC cualificou a situación da especie como de "LC" (preocupación menor) e, en 1994 como "CC" (datos insuficientes), mantendo esta cualificación na última avaliación, efectuada en 2008,[17] por considerar que os datos globais da poboación e da tendencia da súa evolución non eran suficientes, e que hai ameazas que poderían provocar caídas xeneralizadas, como os altos niveis contaminación acústica antropoxénica, especialmente dos sonares militares e de estudos sísmicos e as capturas accidentais na pesca, ue fai pensar que poden ser suficientes para que non se poida descartar unha redución global do 30 % ao longo de tres xeracións.

  1. Taylor, B.L., Baird, R., Barlow, J., Dawson, S.M., Ford, J., Mead, J.G., Notarbartolo di Sciara, G., Wade, P. & Pitman, R.L. (2008). "Pseudorca crassidens". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. 2,0 2,1 Pseudorca Reinhardt, 1862 en SIIT.
  3. 3,0 3,1 Pseudorca crassidens (Owen, 1846) en SIIT.
  4. 4,0 4,1 Pseudorca en Wilson, Don e Reeder, DeeAnn, eds. (2005): Mammal Species of the World (3ª ed.) Baltimore: Johns Hopkins University Press, 2 vols. ISBN 978-0-8018-8221-0. Wilson e Reeder
  5. Burmeister, H. (1869): "Descripción de cuatro especies de Delphinidae". Anales Museo Publico Buenos Aires, 1: 367.
  6. Giglioli, H. (1882): "Note intorno un nuovo Cetaceo nel Mediterraneo da riferirsi probabilmente al genere Pseudorca". Zoolgischer Anzeiger, 5 (112): 288-289.
  7. López Fernández, Alfredo (2003). Estatus dos pequenos cetáceos da Plataforma de Galicia (PDF). Santiago de Compostela: USC. p. 22. 
  8. Nome proposto pola SGHN na súa Lista provisonal de vertebrados de Galicia,
  9. Owen, R. (1846): A history of British fossil mamals and birds. Ver en liña
  10. Harrison, Matthews L. (1977): La Vida de los Mamíferos, Tomo II da Historia Natural Destino, vol. 17. Barcelona: Ediciones Destino. ISBN 84-233-0700-X, p. 844.
  11. Wagner, J. A. (1846): Die Ruderfusser und Fischzigthiere. Die Saugthiere in Abbildungen nach der natur mit Beschribungen von Johann Christian Daniel von Schrebe. Supplementband, Thiel I viii-428.
  12. Orcininae Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Systema Narurae 2000
  13. 13,0 13,1 13,2 MacDonald, D. el al. (2005), p. 370.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 14,6 14,7 Carwardine, M. (1995), pp. 158-159.
  15. De aí o nome elixido, provisionalmente, pola SGHN, decisión quizais tamén influída polo feito de que o Padre Sarmiento dixera que "llaman así [negrón] a los arroaces y delfines". (Sarmiento, Frei Matín: Catálogo de voces y frases de la lengua gallega, 1745-55).
  16. Pseudorca crassidens en NCBI.
  17. 17,0 17,1 Taylor, B. L., Baird, R., Barlow, J., Dawson, S. M., Ford, J., Mead, J. G., Notarbartolo di Sciara, G., Wade, P. & Pitman, R. L. (2008): Pseudorca crassidens na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2010.3.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]