Saltar ao contido

Estación de París-Lyon


Estación de París-Lyon
Fachada principal e torre do reloxo

A Estación de París-Lyon (Gare de Paris-Lyon) é unha das sete grandes estacións terminais da rede da SNCF na cidade de París, e tamén forma parte da rede RER. Localízase no 12º distrito, principalmente no barrio des Quinze-Vingts, agás unha pequena parte que está no de Bercy. Polo seu tránsito é a terceira estación da cidade, con arredor de 83 millóns de viaxeiros en 2002[1]), e a segunda das liñas de longa distancia, con 31,8 millóns, tan só por detrás da estación do Norte)[2].

Vista panorámica do interior da estación

É unha estación principal que asegura o servizo ás liñas de longa e media distancia co sueste de Francia, en especial con Belfort e Montbéliard, Besançon, Dijon, Lión, Grenoble, Valence, Annecy, Chambéry, Modane, Bourg-Saint-Maurice, Saint-Gervais-les-Bains, Évian-les-Bains, Aviñón, Saint-Étienne, Marsella, Toulon, Niza, Montpellier e Mulhouse, así tamén como o servizo internacional con Xenebra, Lausana, Neuchâtel, Berna, Basilea e Zürich en Suíza, con Turín, Milán, Venecia en Italia, con Friburgo en Alemaña, e desde o 15 de decembro de 2013 con Barcelona en España. A estación de Lión tamén é a principal liña de alta velocidade con destino ao sueste de Francia, en sobre todo á Ródano-Alpes e á fachada mediterránea, e mais tamén ás rexións intermedias.

A entrada principal, na praza Louis-Armand, dá á rúa de Lyon, que leva á praza da Bastilla. No subsolo atópase a estación de metro de Lyon, e na superficie hai plataformas de autobuses polo que forma un gran intercambiador multimodal no seu conxunto. A estación caracterízase polo seu beffroi ou torre con campanil, unha torre cuadrangular de 67 m cun reloxo en cada unha das súas catro caras. Conta con 6,5 m de diámetro e as súas agullas teñen 2,8 m e 4m.

Estación de París-Lyon ca. 1910

A orixe da estación é un unha pequena estrutura provisional, coñecida como Embarcadère de chemin de fer de Paris à Montereau realizada en 1847 e que se abriu ao público en 1849. En 1855 realizouse o edificio definitivo, obra do arquitecto François-Alexis Cendrier e que servía como terminal das liñas da compañía de ferrocarís de París a Lión. Edificouse sobre unha plataforma de terra elevada uns 6–8 m sobre o nivel do río para protexela das súas cheas. Compúñase de 5 vías cubertas por unha edificación cun vestíbulo de 220 m de longo e 42 de largo. Un pórtico que delimitaba a zona de chegadas unía a estación propiamente dita cunha oficina administrativa na beira da estación, e que daba ao Bulevar Mazas.

Un lume destruíu parte da estación en 1871 reconstruíndose de forma case idéntica. En 1900 con motivo da Exposición Internacional de París procedeuse á construción dunha nova estación, obra de Marius Toudoire, con trece vías e a característica torre.

  1. SNCF, 2002. Chiffre cité dans La saturation du réseau ferré francilien, Syndicat des transports d'Île-de-France, pp. II-6-5.
  2. Trafic: "La SNCF ne se cache plus" Arquivado 16 de xaneiro de 2017 en Wayback Machine., article du 19 janvier 2013, sur lexpress.fr. Consulté le 20 janvier 2013.