Escudo do País Vasco
O escudo oficial do País Vasco esta formado por catro cuarteis, que representan os tres territorios históricos do País Vasco (Áraba, Guipúscoa e Biscaia). O último cuartel estaba composto polo escudo vermello de Navarra, pero a petición da Deputación Foral de Navarra, o Tribunal Constitucional ordenou a súa retirada, e agora só aparece o fondo vermello.
O escudo do País Vasco foi creado tras a constitución da Comunidade Autónoma, posto que as tres provincias vascas nunca constituíran unha entidade conxunta, polo que non existía ningún escudo histórico que utilizar.
Orixe
[editar | editar a fonte]En 1936, o Goberno Vasco presidido polo seu primeiro lehendakari, José Antonio Aguirre, adoptou un escudo coas armas das tres provincias de Euskadi e as de Navarra. Este escudo, do mesmo xeito có resto das institucións autonómicas, desapareceu tras a vitoria franquista na Guerra Civil.
En 1978, trala fin da ditadura franquista, recuperouse o escudo republicano cunha serie de modificacións:
- No de Guipúscoa, polo Estatuto Vasco de 1936, en sinal de fraternidade cara a Navarra, suprimíranse os doce canóns concedidos o 28 de febreiro de 1513 pola raíña Xoana en memoria dos canóns tomados polos guipuscoanos nas vitorias da Velate e Elizondo sobre as tropas da coalición francoagramontesa, que culminaron na conquista de Navarra polas tropas castelás. Tamén se suprimiu a figura real. Anulado o Estatuto pola ditadura, por acordo das Xuntas Xerais en 1977, a proposta de José Antonio Ayestaran Lecuona, reiterouse a retirada dos canóns permanecendo, coma no caso dos lobos de Biscaia, cando a súa supresión supoña un grave prexuízo.
- No de Navarra, en 1986, a petición da Deputación Foral de Navarra, o Tribunal Constitucional ordenou, con votos particulares, a súa retirada, e agora só aparece o fondo vermello do escudo.
- No de Biscaia, en 1986 suprimíronse os lobos das armas da familia Haro nesta provincia.
- O de Áraba non sufriu cambios, aínda que no seu cuartel do escudo vasco non consta o lema En aumento de la justicia contra malhechores ("En aumento da xustiza contra malfeitores").
O Goberno Vasco normalizou en 1991 as cores utilizadas no escudo.