Escudo de Tunisia
O escudo de armas de Tunisia foi adoptado o 21 de xuño de 1956. Desde aquelas sufriu pequenos trocos, o máis recente no ano 1963.
É un escudo partido no que figuran, na primeira partición, nun campo de ouro, unha balanza de sable e, na segunda, de goles, un león rampante e armado de sable que porta unha espada de prata. Nunha franxa de azur, situada no xefe, figura unha embarcación sobre o mar representado de azur.
Entre a franxa do xefe e as dúas particións do escudo aparece escrito nunha fita o lema nacional, en árabe: نظام، حرية، عدالة "niẓām, ḥurriyya, ʿadāla" (“Liberdade, Orde, Xustiza”).
Timbra o escudo un círculo de prata perfilado de goles que contén un crecente (lúa crecente) e unha estrela de cinco puntas, ambas de goles. O crecente e a estrela de cinco puntas son dous símbolos do islam e tamén figuran, dentro do círculo de prata, na bandeira nacional.
Os elementos do escudo simbolizan as verbas que aparecen no lema nacional:
- A embarcación (unha galera púnica) é o símbolo da Liberdade e tamén é unha alusión á historia marítima de Tunisia.
- A balanza simboliza a Xustiza.
- O león que porta a espada simboliza a Orde.
Existe outra versión do escudo na que os campos (fondos) de todas as particións do escudo e a fita na que aparece escrito o lema aparecen representadas “de ouro” (cor amarela en terminoloxía heráldica).