Ding Ling
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de outubro de 1904 Linli County, República Popular da China (en) |
Morte | 4 de marzo de 1986 (81 anos) Pequín, República Popular da China |
Lugar de sepultura | Babaoshan Revolutionary Cemetery (en) |
Membro da Asemblea Popular Nacional | |
Datos persoais | |
Educación | Programa Internacional de Escritura |
Actividade | |
Ocupación | escritora, política |
Partido político | Partido Comunista de China |
Membro de | |
Xénero artístico | Novela |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Hu Yepin |
Nai | Yu Manzhen |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Biographical Dictionary of Chinese Women: The Twentieth Century (en) Metzler Autorinnen Lexikon (en) , (p.132–133) >>>:Ding Ling (Ting Ling, eigtl. Jiang Bingzhi) |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Ding Ling (chinés tradicional e simplificado: 丁玲; pinyin: Dīng Líng; Wade-Giles: Ting1 Ling2), nada en Linli o 12 de outubro de 1904 e finada en Pequín o 4 de marzo de 1986, foi unha escritora chinesa. Comprometida coa causa comunista, foi membro da Liga de Escritores de Esquerda e, desde 1933, do Partido Comunista da China. En moitas das súas obras aborda a problemática da situación da muller na sociedade chinesa.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O seu nome real era Jiǎng Bīngzhī (chinés tradicional: 蔣冰之 / chinés simplificado: 蒋冰之) ou Jiǎng Wěi (蔣偉 / 蒋伟). Naceu no distrito de Línlǐ (临澧 / 臨澧), na provincia de Hunan. Quedou orfa de pai aos catro anos e foi criada pola súa nai. Aos 17 anos trasladouse a Shanghai logo dunha discusión coa súa familia ao opoñerse a un matrimonio concertado. Estudou na Escola Feminina do Pobo (平民女校 Píngmín Nǚxiào), centro docente de ideoloxía comunista fundado por Chen Duxiu. Despois estudou noutro centro comunista, a Universidade de Shanghai (上海大學 Shànghǎi Dàxué). Alí recibiu clases de ruso de Qu Qiubai, que chegaría a ser líder do Partido Comunista, e tamén asistiu ás clases de literatura do escritor Mao Dun. En 1924 trasladouse a Pequín, onde asistiu ás clases sobre ficción chinesa impartidas por Lu Xun. En Pequín coñeceu os escritores Hu Yepin e Shen Congwen, cos que compartiu vivenda. En 1927 os tres trasladáronse a Shanghai, onde Ding Ling intentou sen éxito converterse en actriz. Nese mesmo ano publicou 莎菲女士的日記 ("O diario da señorita Sofía"), a súa obra máis coñecida.
En 1929 Ding Ling e Hu Yepin trasladáronse a Jinan, onde viviron durante un ano, mentres que Shen Congwen permaneceu en Shanghai. En 1930 Ding e Hu regresaron a Shanghai, onde tiveron un fillo. Nese mesmo ano Hu Yepin uniuse á Liga de Escritores de Esquerda e ao Partido Comunista Chinés. En 1931 Hu Yepin foi arrestado e executado acusado de ser un "conspirador comunista". Tras a execución do seu amante, Ding Ling comprometeuse cos ideais comunistas e uniuse á Liga de Escritores de Esquerda e ao Partido Comunista Chinés.
Empezou a escribir obras cun marcado compromiso coa causa comunista. En maio de 1933 foi detida por axentes do Goberno nacionalista, e pasou tres anos baixo arresto en Nanquín. En 1936 logrou escapar e foi ao distrito de Bǎo'ān (保安, actualmente Zhidan), na provincia de Shaanxi, onde os comunistas estableceran a súa base. Alí foi recibida por Mao Zedong e Zhou Enlai, líderes do Partido Comunista. Ding Ling permaneceu na parte da China controlada polos comunistas até a fundación da República Popular en 1949. Nesa época casou con Chen Ming.
Participou no foro de Yan'an sobre o papel da literatura e a arte na revolución. A súa literatura nesa época adquiriu estaba impregnada da súa ideoloxía comunista. Por exemplo, na súa obra 一顆未出膛的槍彈 ("Unha bala non disparada", 1937) un mozo comunista é condenado a morte polos nacionalistas durante a ocupación xaponesa. Cando o van executar pide que o maten cun coitelo para reservar a bala para a loita contra os xaponeses. Conmovidos polo patriotismo do mozo, os captores perdóanlle a vida.
Tras a fundación do estado comunista converteuse nunha das figuras literarias máis respectadas na República Popular. En 1951 recibiu o Premio Stalin pola súa obra 太陽照在桑干河上 ("O Sol brilla sobre o río Shangkan"), obra representantiva do realismo socialista, na que se loa a reforma agraria de 1945 nunha zona da China controlada polos comunistas. A pesar da súa sona e da súa fidelidade ao partido, foi obxecto das críticas nos momentos de maiores turbulencias ideolóxicas do maoísmo. En 1957 foi cualificada de "dereitista", e foi expulsada do Partido Comunista e enviada a traballar no campo, na provincia de Heilongjiang. Foi perseguida tamén durante a Revolución Cultural, momento no que pasou cinco anos en prisión.
Tras a fin do maoísmo, coa chegada ao poder de Deng Xiaoping, Ding Ling, como tantos outros escritores, foi rehabilitada oficialmente e volveu ser unha das principais figuras literarias da China, até a súa morte en 1986.
Obra
[editar | editar a fonte]Escribiu numerosas novelas sobre mulleres, así como obras de contido moi ideolóxico, nas que sloaba o Partido Comunista Chinés.
- 莎菲女士的日記 / 莎菲女士的日记 Shāfēi nǚshì de rìjì ("O diario da señorita Sofía", 1927)
- 一顆未出膛的槍彈 / 一颗未出膛的枪弹 Yì kē wèi chūtáng de qiāngdàn ("Unha bala non disparada", 1937)
- 太陽照在桑干河上 / 太阳照在桑干河上 Tàiyáng zhào zài Sānggàn Hé shàng ("O Sol brilla sobre o río Sangke", 1947)
Traducións
[editar | editar a fonte]- Ding Ling (1991). El diari de Shafei. Tradución directa ao catalán de Dolors Folch. Edicions de l'Eixample. ISBN 9788486279257
- Ding Ling (2014). El diario de la señorita Sofía. En el hospital. Tradución directa ao castelán de Tyra Díez. Edicions Bellaterra. ISBN 9788472906792
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ding Ling |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- McDougall, Bonnie S. e Louie, Kam (1999): The Literature of China in the Twentieth Century, Columbia University Press.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- 丁玲 (La literatura china traducida en España)