Saltar ao contido

Coutinho

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaCoutinho

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(pt) Antônio Wilson Vieira Honório Editar o valor en Wikidata
11 de xuño de 1943 Editar o valor en Wikidata
Piracicaba, Brasil Editar o valor en Wikidata
Morte11 de marzo de 2019 Editar o valor en Wikidata (75 anos)
Santos, Brasil Editar o valor en Wikidata
Causa da morteinfarto agudo de miocardio Editar o valor en Wikidata
Outros nomesCoutinho Editar o valor en Wikidata
Altura172 cm Editar o valor en Wikidata
Peso74 kg Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista, adestrador de fútbol Editar o valor en Wikidata
Nacionalidade deportivaBrasil Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDianteiro Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1958–1968 Santos Futebol Clube 457(370)
1968–1968 Esporte Clube Vitória 457(370)
1969–1969 Associação Portuguesa de Desportos 457(370)
1970–1970 Santos Futebol Clube 457(370)
1971–1971   Atlas de Guadalajara 457(370)
1971–1972 Bangu Atlético Clube 6(3)
1973–1973 Saad Esporte Clube
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1960–1965   Brasil 15(6)
  Adestrador Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
Santos Futebol Clube Editar o valor en Wikidata
Participou en
1962Mundial de Fútbol Chile 1962 Editar o valor en Wikidata

FIFA: 69901 UEFA: 100491 Editar o valor en Wikidata

Antônio Wilson Vieira Honório, alcumado Coutinho, nado en Piracicaba, Estado de São Paulo, o 11 de xuño de 1943 e finado en Santos o 11 de marzo de 2019, foi un futbolista e adestrador brasileiro. Xogaba de dianteiro e desenvolveu a maior parte da súa carreira no Santos, onde formou unha histórica dupla con Pelé, sendo considerado como o mellor compañeiro que tivo este na súa carreira. Ambos, xunto con Pepe, formaron un dos mellores ataques da historia do fútbol mundial, con preto de dous milleiros de goles anotados entre os tres. Coutinho marcou 368 goles co Santos en 457 partidos, sendo o terceiro máximo goleador da historia do club, só por detrás dos dous citados compañeiros.[1][2] Internacional coa selección brasileira, proclamouse campión do mundo en 1962.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Nado en Piracicaba, no estado de São Paulo, en 1943, era fillo de Antônia e Waldemar Honório. Aos 13 anos, asistiu a un partido que o Santos disputou na súa cidade, fronte ao XV de Piracicaba. Antes do encontro principal disputouse un de xuvenís, entre o XV de Novembro e o Palmeirinha. A este último faltáballe un xogador, polo que lle ofreceron a el unha camisola, e realizou unha destacada actuación que chamou a atención do adestrador do Santos, Lula.[3] O rapaz fuxiu entón da casa e chegou a Santos para probar fortuna no fútbol, pero seu pai apareceu ao día seguinte para recollelo. Os directivos do Santos foron detrás do pai e conseguiron convencelo para que lle dese unha oportunidade.[4] Pouco despois ingresou no equipo xuvenil do Santos, onde o seu alcume, "Cotinho", derivou en "Coutinho".[3]

Coutinho debutou co primeiro equipo do Santos o 17 de maio de 1958, con 14 anos e 11 meses, un récord de precocidade nunca batido por ningún outro xogador do club.[5] Foi nun partido en Goiânia, ante o Sírio Libanês Futebol Clube, no que entrou como substituto de Jair Rosa Pinto.[6] Casualmente, o marcador foi o mesmo que o do debut do seu compañeiro Pelé, que acontecera case dous anos antes: vitoria do Santos por 7-1. E, do mesmo xeito que Pelé, Coutinho tamén marcou un dos goles do "Peixe" no seu primeiro partido coa escuadra adulta do club.

Titular dende os 15 anos, herdou o dorsal número 9 de Pagão, e aos 16 anos marcou dous goles na vitoria por 3-0 sobre o Vasco que decidiu o título do Torneo Río-São Paulo de 1959 a favor do club santista. En novembro dese mesmo ano, marcou 5 goles na maior goleada da historia do Santos, un 12-1 sobre o Ponte Preta en Vila Belmiro, durante o Campionato Paulista. Volveu marcar cinco goles dúas veces máis: a primeira delas foi en 1961, nun amigable contra o FC Basel en Basilea, mentres que a segunda produciuse nunha vitoria por 5-1 sobre o XV de Novembro no Campionato Paulista.[6]

Durante unha década formou xunto a Pelé a dupla atacante máis destacada da historia do Santos, marcando entre ambos máis dun milleiro de goles, aos que se sumaron os anotados por Pepe e Dorval, formando entre os cinco unha das mellores dianteiras da historia do fútbol mundial. Coutinho vestiu a camiseta do Santos en 457 partidos oficiais, nos que marcou 368 goles, contribuíndo á conquista de 19 títulos, entre eles cinco Campionatos Brasileiros, sete Campionatos Paulistas, dúas Copas Libertadores e dúas Copas Intercontinentais.

Foi autor de cinco goles nas finais da Copa Libertadores (dous contra Peñarol e tres contra Boca Juniors), competición da que foi o máximo goleador en 1962, mesmo ano no que se proclamou máximo artilleiro do Campionato Brasileiro. Marcou tamén tres goles na Copa Intercontinental de 1961 que o seu equipo conquistou fronte ao Benfica de Eusébio e Mário Coluna.

Coutinho foi nomeado o mellor xogador do Santos despois de Pelé.[7][8]

Últimos anos

[editar | editar a fonte]

Trala súa saída do Santos en 1968, xogou no Vitória de Baía e no Portuguesa de São Paulo, antes de regresar ao Santos a finais de 1969. Reapareceu nun encontro amigable fronte ao Boca Juniors en Mar del Plata, formando na dianteira xunto a Manoel Maria, Pelé e Abel, e marcou un dos goles do seu equipo (2-2). O 26 de agosto de 1970, nun encontro do Campionato Paulista fronte ao São Bento, Coutinho marcou o seu último gol coa camiseta do Santos, o mesmo día que nacía Edinho, fillo do seu compañeiro Pelé, autor do outro gol do Santos no partido (2-2).[6]

Posteriormente xogou no Atlas de México, no Bangu e no Saad.[1] Con este último equipo marcou o seu derradeiro gol como futbolista, o 14 de xaneiro de 1973, nun partido amigable contra o equipo da súa vida, o Santos.[6]

Rematou prematuramente a súa carreira futbolística antes dos 30 anos por problemas no xeonllo e pola súa tendencia a engordar. Trala súa retirada exerceu como adestrador e dirixiu en dúas ocasións o Santos, así como outros equipos de menor categoría.

Selección brasileira

[editar | editar a fonte]
Coutinho coa selección brasileira en 1962

Foi 15 veces internacional coa selección brasileira, coa que debutou en 1960, con só 16 anos, nun partido contra o Uruguai pola Copa Atlántica.

Foi convocado por Aymoré Moreira para o Mundial de 1962, pero foi baixa por lesión xusto antes do comezo. Con todo, seguiu no equipo durante o torneo, proclamándose campión xunto ao resto do seu equipo.[1]

Cinco anos despois do seu último partido internacional e uns meses antes do Mundial de 1970, o seleccionador brasileiro João Saldanha intentou convencer a Coutinho de que regresase ao combinado nacional para substituír o lesionado Tostão, o principal dianteiro centro do Brasil. Coutinho, que naquel momento estaba case retirado e fóra de forma, rexeitou a invitación.[5]

Morreu o 11 de marzo de 2019 en Santos, São Paulo, aos 75 anos de idade. A súa morte foi causada por un infarto de miocardio debido á diabetes e á hipertensión que padecía.[2][8][9][10]

Estilo de xogo

[editar | editar a fonte]

As súas principais virtudes como dianteiro eran a frialdade e a precisión no remate, a capacidade de caneo en espazos reducidos e unha gran conciencia do xogo en equipo, o que lle permitía facer paredes con Pelé no medio das defensas adversarias. No Brasil, durante a súa etapa como xogador, recibiu o alcume de "xenio da área pequena" moitos anos antes que tamén fose chamado así outro gran dianteiro brasileiro: Romario. O propio Pelé declarou: "Coutinho, dentro da área, era mellor ca min. A súa frialdade era algo sobrenatural".[11]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Santos
Selección brasileira
Individual
  1. 1,0 1,1 1,2 "Morre Coutinho, ex-atacante de Santos e seleção brasileira" (en portugués). 11 de marzo de 2019. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  2. 2,0 2,1 "Coutinho, ídolo do Santos e campeão mundial pelo Brasil, morre aos 75 anos" (en portugués). 12 de marzo de 2019. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  3. 3,0 3,1 Peron, Humberto (11 de marzo de 2019). "Morre Coutinho, que protagonizou dupla lendária com Pelé no Santos". Folha de S. Paulo (en portugués). Consultado o 15 de setembro de 2022. 
  4. "O eterno menino da Vila" (en portugués). Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  5. 5,0 5,1 Schinner, Carlos Fernando. "Simplesmente Coutinho" (en portugués). Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 "Coutinho – 1958-1967/1970". acervosantosfc.com (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2022. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  7. Souza, Nei. "O melhor parceiro do Rei" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2007. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  8. 8,0 8,1 "Ídolo do Santos e campeão do mundo em 1962, Coutinho morre aos 75 anos" (en portugués). 11 de marzo de 2019. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  9. "Coutinho, ídolo santista e campeão Mundial de 62, morre aos 75 anos" (en portugués). 11 de marzo de 2019. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  10. "Brazil World Cup winner Coutinho dies at 75". ESPN (en inglés). 12 de marzo de 2019. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  11. "Esquadrão Imortal – Santos 1960-1969" (en portugués). Consultado o 16 de setembro de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]