Conde Julián
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século VII |
Morte | século VIII |
Estatúder | |
Actividade | |
Ocupación | guerreiro |
Período de actividade | (Con vida en: 698 ) |
Outro | |
Título | Conde palatino |
Fillos | Florinda, Quilama |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
O conde Julián, don Xulián ou Olián é o nome hispanizado que se dá ao comes Julianus dos cronicóns. Foi un conde cristián, gobernador de Ceuta no século VIII. É un personaxe da Hispania do que se ignora se era de orixe visigoda, bizantina ou amazigh (bérber) como postula o historiador García de Valdeavellano:
Non sabemos se foi bérber, visigodo ou bizantino; como "conde", puido ter sido o gobernante da fortaleza de Septem, unha vez parte do reino visigodo; ou puido ter sido un exarca ou gobernador en nome do Imperio Bizantino: ou, como parece máis probábel, puido ter sido un bérber señor e gobernante da tribo católica bérber Ghomaras[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Algúns autores sitúano como gobernador visigodo de Septa (Ceuta), que caeu en mans musulmás ao redor do ano 709. Isto faríao cambiar as súas lealdades, obedecendo a Musa ibn Nusair a partir dese momento. Outros, como Martínez Carrasco, considérano gobernador romano de Oriente (hoxe diríamos bizantino) da citada cidade (Iulianos). Así, non se sabe con certeza se gobernou Ceuta en nome do rei visigodo, dos romanos orientais, ou se era un xefe amazigh local; pero mantivo boas relacións cos visigodos e simpatizou co partido do rei visigodo Vitiza, rexente da Gallaecia e logo tamén de Hispania e Septimania, xa que recibiu aos seus fillos en Ceuta durante a guerra civil; os seus descendentes levan a nisbah de al-Quti ("o Godo"), aínda que iso non indicaría necesariamente que fose dese pobo. Os seus barcos axudaron ás forzas dirixidas por Tariq ibn Ziyad a cruzar o estreito, que derrotou ao exército visigodo de Rodrigo na batalla de Guadalete (711).
A súa figura foi moi alterada pola lenda, reflectida en crónicas e romances, o que o fai responsable da invasión por parte dos musulmáns do reino visigodo. Segundo o historiador español Pedro Chalmeta, as fontes árabes non deixan ningunha dúbida de que o desembarco das forzas árabes e amazighs na Península Ibérica baixo o mando de Tariq ibn Ziyad contou coa axuda dun líder bizantino denominado por estas fontes como "Yulyan", e por historiadores casteláns como Julián. Segundo estas fontes, Yulyan era o gobernador bizantino de Ceuta, que, xunto con Tánxer, foron os dous últimos bastións bizantinos do norte de África. Era cristián, pero non se di nada sobre a súa orixe étnica. Fora aliado dos reis Éxica (687-700) e Vitiza (702-710), xa que á morte deste optou polo seu fillo (se o era, xa que as fontes son confusas), o pretendente Akhila, a quen Rodrigo disputou o trono na guerra civil.
As tradicións posteriores, reflectidas en fontes musulmás e cristiás, indican que foi o pai de Florinda la Cava, cuxo desfloramento polo rei visigodo Rodrigo sería a causa da batalla de Guadalete e posterior invasión musulmá da Península Ibérica.[2] Esta filla tivo o epíteto de cava (muller mala, disoluta, adúltera) polos motivos que indican Bernardo de Brito, João de Barros, fr. António Brandão (Monarchia Lusitana) e outros.
No relativo aos feitos históricos contrastados, nalgún momento do reinado de Teudis (531-548) os visigodos perderon o control de Ceuta, enclave conquistado polos bizantinos, e a partir de entón o reino visigodo non tivo baixo seu dominio ningún territorio do norte de África. Sábese con certeza que Ceuta estivo en mans bizantinas no ano 687 e non hai razón para dubidar de que non seguise a ser así cando a expedición de Musa ibn Nusayr do 706. Crónicas árabes posteriores din que o gobernador da cidade era un conde visigodo chamado "Ilyan" que supoñían ao servizo de Roderic (don Rodrigo). Nestas versións o conde don Julián quería vingarse do rei por ter secuestrado a súa filla. Porén, non hai base histórica para conceder a verosimilitude a esas crónicas distanciadas no tempo, nin á literatura posterior, na que as figuras do conde e a filla emerxen dun conxunto diverso de tradicións moralizantes para explicar a rápida caída do reino visigodo, produto de diversas alianzas e factores complexos sobre os que non hai moita claridade do acontecido, en especial no Nordeste e no Noroeste Peninsular. No territorio coincidente co Reino Suevo, cuxo derradeiro rexente foi Vitiza, morto un ano antes do enfrontamento entre vitizianos e partidarios de Roderic, e da chegada das tropas de Tariq, foi tamén onde se refuxiou e logo se rebelou Paio de Asturias, fillo de Fávila, a quen matara Vitiza, de orixe galaicorromana ou hispanorromana segundo unhas crónicas, godo segundo outras, e en todo caso coas fontes moi contaminadas de neogoticismo.
Lenda de don Rodrigo e Florinda e outras referencias culturais
[editar | editar a fonte]A lenda orixínase no historiador musulmán Al-Razi (ss. IX-X) e a partir de aí esténdese polos séculos XII e XII a través das crónicas cristiás do norte da Península (Historia legionense, Crónica Najerense, a Crónica doTudense e a Crónica del Toledano). Expándese novelisticamente na Crónica de 1344, pero sobre todo na Crónica Sarracina (s. XV) de Pedro del Corral, texto que establecerá a liña de desenvolvemento preferida na literatura posterior en castelán. No século XVI inspirou a obra de Miguel de Luna La verdadera historia del rey don Rodrigo. No século XVII aparece esporadicamente no teatro: en El último gótico e Jerusalén conquistada, de Lope de Vega, e en La más ingrata venganza de Juan Velasco de Guzmán. No século XVIII tén máis éxito e aparece na Homersinda de Moratín, no Pelayo de Jovellanos, en Perder el reino y el poder al querer a una mujer de José Concha, na Florinda de Bahamonde Sessé, e La pérdida de España de Eusebio Vela, prohibida por «indecorosa al rey». No s. XIX Rosa Gálvez de Cabrera publicou unha Florinda e José Quintana contribuíu cun texto político liberal (no sentido antiabsolutista do termo) no seu Pelayo de 1805.
Tivo un renacer especial durante o romanticismo inglés: Walter Savage Landor publicou o Count Julian, Walter Scott o The Vision of Don Roderick e Robert Southey o Roderick, The Last of the Goths. (1814). En España, Miguel Agustín Principe escribe El conde Don Julián: drama original e histórico, en siete cuadros y en verso (1839) obra cualificada por Hartzenbusch como o primeiro drama histórico contemporáneo, do mesmo tipo que Shakespeare e Schiller. Xa no século XX Juan Goytisolo escribiu Reivindicación del conde don Julián (1970), parte da triloxía do mal das súas críticas contra España, escritas entre 1966 e 1975.