Clípeo (escudo)
Clípeo | |
---|---|
[ editar datos en Wikidata ] | |
Un clípeo (en latín clipeus) é un escudo grande utilizado polos gregos e romanos, de forma orixinalmente circular,[1] e do que se di que foi usado por primeira vez por Proteo e Acrisio de Argos, e a súa forma inspirábase no Sol. Outras tradicións dan como orixe do clípeo antigas armas exipcias.
O escudo utilizado polos heroes homéricos (chamado aspis ou ás veces hoplon) era grande dabondo como para cubrir un home enteiro. Descríbese ás veces como redondo, pero moitas veces tiña forma de oito (con curvaturas entrantes no centro) e hai moitas representacións del na arte micénica. No século VII a. de C., aparece en Grecia o aspis koilè (escudo oco), que era un escudo redondo de 90 cm a un metro de diámetro, cóncavo, e compoñíase dun armazón de madeira cuberto por unha placa de bronce decorada cun emblema; a cara interna do escudo estaba recuberta de coiro, e a ela fixábase un brazal (porpax) para o antebrazo cunha empuñadura no bordo do escudo; pesaba uns 8 quilos.
Os clípeos utilizábanse na Magna Grecia (sur de Italia) e polos etruscos e despois adoptáronos os primeiros romanos. Os romanos co tempo deixaron de usar esta arma, substituíndoa polo escudo rectangular chamado scutum.[2] Durante o século III deixaron de usar o scutum e pasaron a usar un escudo oval (ás veces redondo).[3]
Desde a época destes escudos introduciuse a práctica de decoralos con emblemas e figuras, o que co tempo daría orixe á heráldica.
Clipeus virtutis
[editar | editar a fonte]No Imperio Romano, o chamado Clipeus virtutis era un escudo honorífico de metal precioso que o Senado concedía a un personaxe ao que se quería honrar e que se colgaba na Curia. O primeiro en recibir esta distinción foi Octavio Augusto o 26 a. de C.
Uso decorativo
[editar | editar a fonte]Plinio o Vello, que opinaba que o clípeo o inventaran os arxivos, tamén describe o costume de pintar un retrato do busto dun antepasado nun clípeo e colgalo nun templo ou outro lugar público. Despois empezaron a usarse en baixorrelevos e medallóns decorativos en sarcófagos ou outros lugares e recibían o nome de retratos clípeos (imago clipeata).[4]
Tamén se chaman clípeos os elementos decorativos inscritos dentro dun círculo (ou medallóns) que poden levar calquera tipo de decoración (non só retratos) como frescos ou mosaicos, e que non só se usaron na arte romana senón tamén na arte medieval e durante o Renacemento.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Clipeus, Diccionario de Antigüedades Gregas e Romanas, William Smith, John Murray (ed.), Londres, 1875
- ↑ "Roman Shields". museo.
- ↑ Elton, Hugh (1996). Warfare in Roman Europe, AD 350–425. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-815241-5.
- ↑ Hall,James. A History of Ideas and Images in Italian Art, John Murray, London, 1983, ISBN 0-7195-3971-4, p. 78.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Clípeo |