Saltar ao contido

Crisomélidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Chrysomelidae»)
Chrysomelidae

Lilioceris lilii en Oxfordshire, Reino Unido
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Cucujiformia
Clado: Phytophaga
Superfamilia: Chrysomeloidea
Familia: Chrysomelidae
Latreille, 1802 [1]
Subfamilias

Ver texto.

O escaravello da pataca (Leptinotarsa decemlineata) é un crisomélido.

Os crisomélidos (Chrysomelidae) son unha familia de escaravellos (coleópteros) da que existen 37.000 especies coñecidas (estímase que hai polo menos 50.000) clasificadas en máis de 2.500 xéneros, polo que é unha das familias maiores e máis comunmente atopadas de escaravellos. Recoñécense numerosas subfamilias, pero só algunhas delas foron indicadas máis abaixo e a súa taxonomía e sistemática precisas probablemente cambiarán coas investigacións sobre eles que están en marcha.

Son parcialmente recoñecibles pola súa fórmula tarsal, que aparentemente semella ser 4-4-4, pero que en realidade é 5-5-5, xa que o 4º segmento tarsal é moi pequeno e está agochado polo 3º.[2] Non hai un só carácter que defina aos crisomélidos, senón que hai que fixarse en varios.[3] Algunhas liñaxes só se distinguen con dificultade dos escaravellos de grandes cornos (familia Cerambycidae), especialmente porque as antenas non se orixinan desde tubérculos frontais.

Os crisomélidos adultos e larvas aliméntanse de todo tipo de tecido vexetal, e todas as especies son completamente herbívoras. Moitas constitúen graves pragas agrícolas; por exemplo o Leptinotarsa decemlineata, o Crioceris asparagi, o Oulema melanopus e varios Alticini, atacan ás patacas, espárragos, cereais e crucíferas, respectivamente, e uns poucos actúan como vectores de enfermidades de plantas. Outros son beneficiosos debido ao seu uso no biocontrol de malas herbas invasoras. Algúns crisomélidos teñen cores rechamantes, normalmente de amarelos brillantes a vermellos ou tons verdeazulados metálicos, e algúns (especialmente os Cassidinae) teñen formas espectacularmente raras. Por estas razóns son unha familia moi popular entre os coleccionistas de insectos.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Os imagos de crisomélidos son de tamaño pequeno a medio, e a maioría das espeices miden entre 1 e 18 mm de lonxitude, excluíndo os apéndices, e só hai unhas poucas especies mais grandes, como Alurnus humeralis que chega aos 35 mm. Os corpos da maioría das especies son abovedados, e en vista dorsal son ovais (pero tamén hai algúns arredondados ou alongados), e adoitan posuír un brillo metálico ou múltiples cores. Na maioría dos espécimes as antenas son notablemente máis curtas que a cabeza, tórax e abdome, é dicir, non máis da metade da súa lontitude total. O segundo segmento antenal é de tamaño normal (o cal os diferenza dos cerambícidos). Na maioría das especies, os segmentos antenais son de máis ou menos a mesma forma, e na maioría vanse ensanchando gradualmente un pouco cara ao extremo, aínda que algúns Galerucinae teñen segmentos modificados, principalmente nos machos. O primeiro segmento da antena na maioría dos casos é meirande que os seguintes. O pronoto varía entre especies. Na maioría é de lixeiramente a moi abovedado e en vista dorsal é de trapezoidal a cuadrangular arredondado. Nalgunhas subfamilias como Cassidinae e en menor medida Cryptocephalinae, a cabeza está cuberta polo pronoto e non é visible desde arriba. Os primeiros tres esternitos non están fusionados, senón ligados por estruturas móbiles. A maioría das especies posúen ás, aínda que o nivel de desenvolvemento e, en consecuencia, as capacidades de voo varían grandemente, incluso entre unha mesma especie, e algúns non son voadores e teñen élitros fusionados.[4]

Clasificación

[editar | editar a fonte]
  • Subfamilia Bruchinae Latreille, 1802
  • Subfamilia Cassidinae Gyllenhal, 1813 – inclúe os antigos "Hispinae"
  • Subfamilia Chrysomelinae Latreille, 1802
  • Subfamilia Criocerinae Latreille, 1804 – por exemplo os escaravellos dos espárragos.
  • Subfamilia Cryptocephalinae Gyllenhal, 1813 – inclúe os antigos "Chlamisinae" e "Clytrinae"
  • Subfamilia Donaciinae Kirby, 1837 – crisomélidos de longos cornos
  • Subfamilia Eumolpinae Hope, 1840 – inclúe os antigos "Synetinae"
  • Subfamilia Galerucinae Latreille, 1802 – inclúe os antigos "Alticinae"
  • Subfamilia Lamprosomatinae Lacordaire, 1848
  • Subfamilia Sagrinae Leach, 1815
  • Subfamilia Spilopyrinae Chapuis, 1874

Ata hai pouco a subfamilia Bruchinae era considerada unha familia separada, mentres que dúas antigas subfamilias considéranse actualmente familias (Orsodacnidae e Megalopodidae). Outras subfamilias que eran comunmente recoñecidas foron recentemente agrupadas con outras subfamilias, xeralmente reducíndoas á categoría de tribo (por exemplo, os antigos Alticinae, Chlamisinae, Clytrinae, Synetinae, e Hispinae).

Predadores

[editar | editar a fonte]

Algunhas especies de avespas, como Polistes carolina, sábese hoxe que depredan larvas de crisomélidos pouco despois de que depositen os seus ovos en flores.[5]

  1. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "Chrysomelidae (TSN 114509)" (en inglés). 
  2. "Family Identification – Chrysomeloidea". University of Florida. Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2006. Consultado o 2006-11-29. 
  3. Jolivet, Pierre; Verma, Krishna K. (2002). Biology of Leaf Beetles. Andover: Intercept. pp. 5-9. ISBN 1-898298-86-6. 
  4. Stresemann, Erwin (1994). Exkursionsfauna von Deutschland. Wirbellose Insekten. Erster Teil (8th ed.). Jena: Gustav Fischer Verlag. ISBN 3-334-60823-9. 
  5. "Polistes carolina (Linnaeus, 1767)". Biology. Canadian Journal of Arthropod Identification. doi:10.3752/cjai.2008.05. Consultado o 2014-09-17. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]