Castro de Troña
Castro de Troña | |
---|---|
Parroquia | Santa Mariña de Pías |
Concello | Ponteareas |
Provincia | Pontevedra |
Comunidade autónoma | Galicia |
Id. catálogo | ? |
Cronoloxía | |
Datas de ocupación | 450 a.C. - século I d.C. |
Data da descuberta | Principios do século XX |
Períodos de escavación | 1927 - 1930 1981 - 1991 |
Estado actual | parcialmente escavado. Visitable |
Extensión estimada | ? ha. |
Véxase tamén | |
Castros de Galicia |
O castro de Troña é un castro galaico pertencente á cultura castrexa, situado na parroquia de Pías (Ponteareas). Trátase dun exemplo de "castro cristianizado" coa construción dunha capela na súa croa.[1] Foi declarado Monumento Histórico Artístico en abril de 1949[2] e Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de monumento en 2009.[3]
Situación
[editar | editar a fonte]O sitio arqueolóxico sitúase no cumio do monte do Doce Nome de Xesús, xunto coa ermida do mesmo nome, na parroquia de Santa Mariña de Pías a 229 metros de altitude,[2] no concello de Ponteareas.
É unha das citanias castrexas máis coñecidas de Galicia, despois da de Santa Trega, e unha das que se encontra mellor conservadas.[4]
Descrición
[editar | editar a fonte]O castro ten forma elíptica ou oval, ocupando toda a cima e a ladeira oeste do monte denominado Doce Nome de Xesús. Mide 120 metros de norte a sur e 200 metros de leste a oeste. Cun formidable sistema defensivo, provisto de murallas e un gran foxo na parte máis expugnable, alberga unhas 30 construcións de diferentes tipos: circulares, cadradas, elípticas e rectangulares.[4]
Escavacións arqueolóxicas
[editar | editar a fonte]É un xacemento rico en materiais arqueolóxicos: cerámica indíxena e romana, muíños, moedas, fíbulas e ata unha machada de ferro. Ademais atopáronse dous petróglifos con representación ofídica: un deles aínda segue in situ, na parte da coroa, pero o outro, que estaba nunha vivenda próxima ó camiño que sobe á citania, foi trasladada ó antigo Museo de Pías.[4]
A principios do século XX e como consecuencia da construción dun camiño cara ó monte e o acondicionamento do seu cumio, chegaron as primeiras noticias sobre o castro. Porén, houbo que esperar ata o ano 1927 para que se iniciasen as primeiras escavacións sistemáticas que foron dirixidas polos arqueólogos Luis Pericot e Florentino López Cuevillas ata o ano 1930.
Despois quedou abandonado durante máis de 50 anos, ata que no ano 1981 fíxose cargo dos traballos José Manuel Hidalgo Cuñarro, dedicándose dende entón á limpeza, descubrimento e consolidación das construcións, así como á recollida e catalogación dos materiais que foron aparecendo[4].
O resultado deste traballo foi a localización de 12 estruturas máis, parte da muralla e dun torreón. Ademais encontráronse varias construcións pétreas que en ocasións superpoñíanse. Por debaixo dalgúns pavimentos encontráronse restos de pisos e fogares pertencentes a niveis de ocupación de diferentes épocas, ó tempo que se atopou numeroso material arqueolóxico.[5]
No ano 1985 exhumáronse 30 casas, unha delas cun xeso branco no interior do muro.[6] Así, as escavacións prolongáronse ata 1987 e os traballos ata 1992, poñendo ó descuberto un conxunto de estruturas que indican un certo urbanismo, con lousas, canles para as augas e vivendas con vestíbulo.[6]
Cultura popular
[editar | editar a fonte]Existen varias lendas sobre o lugar, pero a máis curiosa é a que alude á serpe que se atopa no petróglifo.[7][8]
Conta a lenda que unha enorme serpe vivía no castro e que de vez en cando baixaba a roubar e devorar ovellas e outros animais dos labregos. Disque a serpe falaba coas reses e dicíalles: "¡Dame do teu leite que eu dareiche do meu peite!.
Os veciños, para eludir o medo, acordaron levarlle un animal tódolos días á montaña, evitando así que baixara á aldea. Pero cansados de pagar tal tributo, un día decidiron matala. Recolleron moitos nobelos, cos que fixeron unha bóla, á que ataron unha corda, déronlla a comer e cando a serpe picou, tiraron da corda ata o cume do monte e alí matárona. Enterrárona xunto á ermida e puxeron un cruceiro por riba dela [9].
Outra lenda di que debaixo da ermida hai un camposanto de mouros, xa que desde este lugar sae un camiño soterrado que vai ata o río Tea en Portavilares, que era o que usaban os mouros para ir ver os cabalos que tiñan alí.[10]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Detalle
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Como ocorre con moitos outros castros galegos, por exemplo, o da Cameixa en Boborás (cun cruceiro) ou o de Santa Mariña na Estrada.
- ↑ 2,0 2,1 "Castro de Troña. Galicia Máxica". Galicia Máxica. 03/03/2016. Consultado o 10/08/2020.
- ↑ DECRETO 403/2009, do 22 de outubro, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o castro de Troña, no termo municipal de Ponteareas, na provincia de Pontevedra
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 González Pérez, Clodio (2005). Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Tomo 42. Ed. El Progreso. p. 161. ISBN 84-87804-23-3.
- ↑ Hidalgo Cuñarro, Jose Manuel (1985). Castro de Troña; Ponteareas-Pontevedra: Campaña 1983. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Patrimonio Artístico e Monumental. ISBN 84-505-2875-5.
- ↑ 6,0 6,1 Calo Lourido, Francisco (1994). A plástica da cultura castrexa galego-portuguesa. Tomo II. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa. p. 620. ISBN 9788487819674.
- ↑ "Galicia Pueblo a Pueblo. Castro de Troña". Galicia Pueblo a Pueblo. 2018. Consultado o 10/10/2020.
- ↑ Vítor Vaqueiro, 589-490.
- ↑ O sistema empregado para matar a serpe lembra o que utilizou o profeta Daniel: "Tamén había un dragón enorme, que veneraban os babilonios. ... Eu adoro o Señor, meu Deus, pero ti, maxestade, dáme permiso e eu matarei o dragón sen espada e sen caxato... Entón Daniel colleu pez, graxa e mais pelos, coceu todo xunto, fixo unhas bolas e meteullas na boca ó dragón. O dragón comeunas e rebentou Daniel 14, 23-27.
- ↑ Aparicio Casado, Buenaventura (1999). Mouras, serpientes, tesoros y otros encantos. Mitología popular gallega. Cadernos do Seminario de Sargadelos. Ediciós do Castro.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Castro de Troña |
A Galipedia ten un portal sobre: Cultura castrexa |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barciela Garrido, Pilar e Rey Seara, Eusebio (2000): Xacementos arqueolóxicos de Galicia. Edicións Xerais de Galicia, Colección Roteiros. páxs. 194-199. ISBN 84-8302-484-5
- VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, ed. Galaxia, Vigo 2011, 489-490.