Casamento civil
Este artigo ou sección precisa contidos, imaxes ou perspectivas globais. Por favor, universalíceo. |
Casamento civil, ou matrimonio civil, é o matrimonio que se contrae, formaliza e inscribe ante as autoridades civís (rexistro civil, administración pública, xuíces ou autoridades municipais) e non ante as autoridades relixiosas, nin seguindo o rito dunha relixión (matrimonio relixioso).
Con todo, o matrimonio civil non exclúe necesariamente o matrimonio relixioso, e, de feito, en numerosos sistemas xurídicos, en caso de contraerse un matrimonio relixioso, o matrimonio civil ten lugar de forma simultánea a este.
Nalgúns países a institución do matrimonio civil responde a unha vontade de separar a institución do matrimonio da influencia das institucións relixiosas, inscribíndose así no movemento de separación de Igrexa e Estado ou laicismo, que comeza no século XVIII.
Matrimonio civil en España
[editar | editar a fonte]En España o matrimonio civil estivo prohibido desde 1564 a 1931, sendo o matrimonio relixioso o único considerado lexítimo, coa excepción do período comprendido entre 1870 e 1875, no que tivo lugar a Primeira República (1873). Durante a Segunda República, de 1931 a 1939, co establecemento da aconfesionalidade do Estado, adoptouse un sistema de matrimonio civil obrigatorio.
En 1939, co franquismo, consideráronse nulos os matrimonios civís que tiveran lugar durante o período republicano, e o matrimonio civil soamente pasou a admitirse no caso de que os dous contraentes fosen dunha relixión distinta da católica ou fixesen apostasía.[1][2]
Coa constitución de 1978, que estableceu de novo a aconfesionalidade do Estado, deixou de ser necesario certificar o abandono da Igrexa para poder contraer matrimonio civil.
En 2009 os matrimonios civís superaron, por primeira vez na historia de España, aos relixiosos: 94.993 vodas civís fronte a 80.174 vodas polo rito católico. Un fenómeno parello á secularización da sociedade e que se sitúa no contexto dos cambios sociais da familia.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Casarse por "lo civil" en España, Lola Galán, El País, 19 de marzo de 1977.
- ↑ Evolucion histórica del sistema matrimonial español, José María Rives Gilabert y Antonio Pablo Rives Seva, outubro de 2001, Noticias Jurídicas
- ↑ "Las bodas huyen del altar". El País.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casamento civil |