CLIP (inmunopéptido)
O CLIP (do inglés Class II-associated invariant chain peptide, péptido da cadea invariante asociada á clase II) é unha parte da cadea invariante (Ii) que se une ao suco de unión ao péptido das moléculas do MHC de clase II e permanece alí ata que o receptor MHC está completamente ensamblado. Ten, pois, un papel no funcionamento do sistema inmunitario. O CLIP é un dos péptidos propios máis frecuentes atopados no córtex tímico da maioría das células presentadoras de antíxenos. O propósito do CLIP é impedir a degradación dos dímeros do MHC-II antes de que se unan a péptidos antixénicos, e para impedir a autoinmunidade.[1]
Durante a ensamblaxe das moléculas MHC de clase II no retículo endoplasmático, o polipéptido da cadea invariante forma un complexo cos heterodímeros MHC-II. Nun endosoma tardío/lisosoma temperán, a catepsina S corta a cadea invariante, deixando o CLIP unido ao compleo MHC-II. En presenza de fragmentos dun péptido antixénico, o HLA-DM únese parcialmente ao suco de unión a péptidos do MHC-II e actúa como catalizador, liberando o CLIP e permitindo que os péptidos se unan. Os péptidos antixénicos teñen unha alta afinidade polo suco do MHC-II, e son doadamednte intercambiados polo CLIP. Isto ocorre na maioría das células que expresan MHC-II; porén, en células B, o HLA-DO funciona como proteína accesoria. Tanto o HLA-DM coma o HLA-DO interaccionan entre si para actuaren como proteínas chaperonas e impiden a desnaturalición do MHC-II. O MHC-II co antíxeno unido é despois transportado á membrana plasmática para a súa presentación.[2][3][4]
O CLIP tamén afecta a diferenciación de células T. Os complexos MHC-II + CLIP son regulados á alza en células dendríticas en maduración, que activan e diferencian as células T a células T axudantes (Th) e T citotóxicas (Tc). As células Th poden polarizarse en células efectoras Th1 ou Th2 dependendo da presenza de citocinas. A alta expresión de CLIP favorece a liberación de IL-4 e a polarización de Th2.[3][5]
O CLIP exerce un importante papel na prevención da autoinmunidade. Como os MHCs son moléculas polimórficas, as mutacións que impiden que o CLIP se una ás MHC-II deixan o suco de unión a péptidos baleiro. Isto podería orixinar a unión doutros péptidos propios e a destrución de células sas. As enfermidades autoinmunes como a artrite reumatoide, a dermatomiosite xuvenil e a enfermidade de Graves están todas asociadas cun baixo nivel do péptido CLIP.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Salter, Russell D. (2001). Dong, Xin, ed. Dendritic Cells (2ª ed.). Academic Press. pp. 151–163.
- ↑ Kastin, Abba; Call, Melissa (2013). Handbook of Biologically Active Peptides. Elsevier/AP. pp. 687–696.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Vogt, Anne; Kropshofer, Harald (2006). Kastin, Abba, ed. Handbook for Biologically Active Peptides. Academic Press. pp. 611–620. ISBN 9780123694423.
- ↑ Wieczorek, Marek; Abualrous, Esam; Sticht, Jana; Álvaro-Benito, Miguel; Stolzenberg, Sebastian; Noé, Frank; Freund, Christian (2017). "Major Histocompatibility Complex (MHC) Class I and MHC Class II Proteins: Conformational Plasticity in Antigen Presentation". Frontiers in Immunology (Frontiers) 8: 292. PMC 5355494. PMID 28367149. doi:10.3389/fimmu.2017.00292.
- ↑ Lehar, Sophie M.; Bevan, Michael J. (2004). "Polarizing a T-cell response". Nature (Nature Publishing Group) 430 (6996): 150–151. PMID 15241396. doi:10.1038/430150a.