CASA C-202 Halcón
CASA C-202 Halcón | |
---|---|
Tipo | transporte |
Fabricante | CASA |
Primeiro voo | 15 de maio de 1952 |
Principais usuarios | Exército do Aire de España |
Unidades construídas | 10 + 2 prototipos |
O CASA C-202 Halcón foi un avión de transporte bimotor construído por CASA. Foi deseñado para ser usado nas rutas aéreas internacionais de España. Tiña un tren de aterraxe en triciclo e unha cabina con calefacción e aire acondicionado que podía acomodar a catorce pasaxeiros. Inicialmente pedíronse 20 unidades, pero so 10 foron entregadas ao Exército do Aire de España coa designación T.6.
Historia
[editar | editar a fonte]Despois da segunda guerra mundial a industria aeronáutica española limitábase ao desenvolvemento de avións estranxeiros baixo licenza, polo que o Ministerio do Aire fomentou a creación de proxectos nacionais.
A empresa Construcciones Aeronáuticas S.A. (CASA) iniciou o desenvolvemento de tres modelos de avións de transporte lixeiro con dous motores e un con catro motores, con distintas dimensións e capacidades, saíndo finalmente adiante os bimotores C-201 Alcotán, C-202 Halcón e C-207 Azor. O Ministerio do Aire e CASA asinaron un contrato en novembro de 1948 para desenvolver dous prototipos do Halcón que debían ter capacidade para transportar 14 pasaxeiros e 3 tripulantes nunha cabina climatizada.
O primeiro dos prototipos do C-202 Halcón realizou o seu voo de estrea o 15 de maio de 1952, máis tarde do previsto debido a que a sociedade ENMASA non puido proporcionar os motores Elizalde 9C-29-750-Beta-4, polo que se tiveron que pedir motores á compañía aérea Iberia. En outubro do ano seguinte o goberno español encargou 20 unidades de serie.[1] A liña de produción debería estar en Xetafe mentres que as ás se construirían en Sevilla.
Os motores que ían ser subministrados por ENMASA non achegaban a potencia necesaria, e debido á dificultade para mercar un substituto polo illamento ao que estaba sometido España, ademais de pola falta de divisas do país, no ano 1962 decidiuse cancelar o proxecto, compensando o goberno español a CASA pola cancelación.
Dos 20 avións pedidos polo Exército do Aire español só se entregaron 10, os cales prestaron servizo durante algúns anos[2] ata que foron substituídos polos CASA C-207 Azor, que tamén substituíron a algúns dos CASA 352L (Junkers Ju 52 fabricados baixo licenza por CASA).
Variantes
[editar | editar a fonte]- C-202: con capacidade para 3 tripulantes e 14 pasaxeiros e con motores Elizalde 9C-29-750-Beta-4.4.
- C-202B: con capacidade para 2 tripulantes e 8 pasaxeiros e con motores Wright Cyclone R-1820-56.4.
Especificacións
[editar | editar a fonte]Características xerais
[editar | editar a fonte]- Tripulación: 3
- Capacidade: 14 pasaxeiros
- Lonxitude: 16 m
- Envergadura: 21,55 m
- Altura: 3,80 m
- Superficie alar: 57,35 m²
- Peso baleiro: 5 270 kg
- Peso máximo na engalaxe: 7 750 kg
- Planta motriz: 2× Elizalde 9C-29-750.
- Potencia: 775 cabalos cada un.
- Hélices: 1× tripá por motor.
Rendemento
[editar | editar a fonte]- Velocidade máxima operativa (Vno): 345 km/h
- Velocidade de cruceiro (Vc): 300 km/h
- Teito de voo: 7 750 m
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Oldprops (ed.). "Casa 207 Azor". Consultado o 9 de xullo de 2018.
- ↑ Alacrán (HA-500) (ed.). "CASA 207A Azor del Ejército del Aire Español". Consultado o 9 de xullo de 2018.