Saltar ao contido

Bosque Vello

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bosque Vello
Legendarium de J. R. R. Tolkien
Primeira apariciónA Irmandade do Anel
Información
TipoRemanente dos bosques primixenios de Eriador
GobernanteTom Bombadil
LocalizaciónLeste da Comarca
Lugareso Curvimbio

No universo ficticio da Terra Media de J. R. R. Tolkien, o Bosque Vello era unha fraga antiga e impoñente situada xusto alén das fronteiras orientais da Comarca. A súa primeira e principal aparición ten lugar n’A Irmandade do Anel, especialmente no homónimo capítulo 6.[a]

Papel na ficción

[editar | editar a fonte]

Descrición xeral

[editar | editar a fonte]
Mapa esquemático que amosa o Bosque Vello ao Leste da Comarca

O Bosque Vello estaba situado preto do centro de Eriador, unha extensa rexión do noroeste da Terra Media. Era un dos poucos sobreviventes dos bosques primixenios que cubriran gran parte de Eriador antes da Segunda Idade. De feito, outrora fora tan só o bordo setentrional dun inmenso bosque que chegaba até o bosque de Fangorn, centos de millas ao sueste.

A veciñanza do Bosque Vello constituía os dominios de tres espíritos da natureza: Tom Bombadil, Bagadouro, e o vello Home Salgueiro. Non cabe dúbida de que os poderes destes tres seres contribuíron á súa supervivencia cando outros bosques foran destruídos.[1]

O vello Home Salgueiro, xunto coa Criatura das Antas e o propio Tom Bombadil, fixeron a súa primeira aparición no poema narrativo de Tolkien titulado The Adventures of Tom Bombadil, onde o vello Home Salgueiro atrapou brevemente ao mesmo Bombadil.[b] O autor descríbeo como un salgueiro consciente e pérfido que posuía varios poderes como a hipnose e a capacidade de mover as súas raíces e o seu tronco. Algúns personaxes da historia sinalan a posibilidade de que estivese emparentado cos Ents, ou se cadra cos Cuornos. Porén, á diferenza dos Ents e os Cuornos, aparece descrito máis coma unha árbore, con raíces fitas no chan, e sen a capacidade de se desprazar dun lado para o outro. Tom Bombadil tiña poder sobre o vello Home Salgueiro, e puña couto ás súas falcatrúas na medida das súas posibilidades, ou da súa vontade.

Segundo Tom Bombadil, nos albores dos tempos, mesmo moito antes do Espertar dos Elfos, había amplas extensións poboadas só por árbores. Como os elfos espertaron no afastado leste, pasou moito tempo antes de que os demais seres se espallasen aos enormes bosques primixenios da Terra Media occidental. Unhas poucas árbores sobreviviron dende esa época até o presente, anoxadas pola invasión de elfos e homes e polo seu dominio sobre a terra; árbores que lembran con acritude un tempo remoto cando eran señores de vastas rexións do mundo. Bombadil conta que, entre as árbores, «ningún era tan perigoso coma o Vello Salgueiro, que tiña o corazón podre, pero a forza aínda verde. Era astuto; dominaba os ventos, e o seu canto e o seu pensamento percorrían o bosque, a ambos os lados do río. O seu espírito gris e sedento sacaba forza da terra e estendíase polo chan como finas raíces e polo aire como invisibles gallos, ata ter baixo o seu dominio a case todas as árbores de bosque, desde a sebe ata as Lombas».[c]

Na Primeira Idade, Tom Bombadil «estaba aquí antes có río e cás árbores».[c] Na Primavera de Arda, xurdiron as plantas,[d] posibelmente incluído o vello Home Salgueiro.[c] Nos Anos das Árbores, os elfos bordearon o bosque na súa migración ancestral cara a Beleriand e ao Oeste, do cal foi testemuña Bombadil.[c] Os ananos construíron o Gran Camiño do Leste que decorre ao norte do bosque.

Para cando Sauron foi derrotado e expulsado de Eriador, a meirande parte dos seus vellos bosques xa fora destruída,[e], deixando atrás remanentes como o Bosque Vello (outros vestixios son a Fraga na Comarca, a Fraga de Quete en Prebe e Eryn Vorn en Minhiriath). O Bosque Vello era agora «hostil cara ás criaturas bípedes pola lembranza de moitas feridas».[f]

Xeografía, flora e fauna

[editar | editar a fonte]
Un vello carballo en Savernake Forest, Wiltshire, Inglaterra. As carballeiras inglesas serviron de inspiración para o Bosque Vello

O Bosque Vello tiña unha extensión aproximada de 2600 km².[g] Lindaba ao norte coas lombas das Antas, unha zona montuosa salpicada de antigos túmulos. No norte estendíase cara ao Gran Camiño do Leste, e no oeste e sur chegaba preto do río Brandiviño. O Curvimbio, un afluente do Brandiviño, percorría o corazón do bosque, que abranguía a meirande parte da bacía do Curvimbio.

Esta era tamén unha «conca de captación» noutro sentido. A paisaxe, as árbores e os arbustos estaban aliñados de tal maneira que se un estraño tentaba atravesar o bosque, víase obrigado a dirixirse cara ao Curvimbio,[a] e, máis concretamente, cara ás poutas do vello Home Salgueiro. O Val do Curvimbio dentro do Bosque Vello era coñecido como a Engroba.[h]

O Bosque Vello era un tipo de fraga que actualmente se describe como bosque temperado de frondosas e mixto. No oeste e no sur do bosque predominaban os "carballos, freixos e outras estrañas árbores", normalmente substituídas por piñeiros e abetos no norte.[a] Había faias[i] e amieiros[a][j] esparexidos aquí e acolá polo bosque, e os salgueiros dominaban o curso do Curvimbio.

Moitas das árbores tiñan os troncos "cubertos de carriza e vexetación limosa e laúda".[a] O sotobosque estaba ateigado de arbustos e outra maleza, como silveiras. Nos ocasionais clareiros do bosque medraban diversas plantas: herba, cicuta, pirixel bravo, herba de Santo Antón, estrugas e cardos.[a][2]

Os hobbits e o Bosque Vello

[editar | editar a fonte]
Vellos carballos de Savernake Forest

Nunha das súas cartas, Tolkien explica que «o Bosque Vello era hostil cara ás criaturas bípedes pola lembranza de moitas feridas».[f] Entre estas criaturas bípedes incluíanse os hobbits.

Cando Gorhendad Gamovello e o seu clan de hobbits se asentaron en Gamoedo, empezaron a traspasar os límites do Bosque Vello, reavivando así a súa animosidade cara ás criaturas bípedes que apareceran por primeira vez na Segunda Idade. Os colonos non tardaron en percibir o perigo que proviña do bosque. Semelláballes que, dalgún xeito, as árbores do Bosque Vello estaban «espertas» e eran hostís. Abaneábanse cando non sopraba o vento, bisbaban á noite, e intimidaban os hobbits intrusos, facéndolles a cambadela, deixando caer pólas, e conducíndoos cara ao corazón do bosque. Ben adentrado no Bosque Vello atopábase o Val do Curvimbio, que era a orixe de todos os terrores da fraga e podía ser un lugar pérfido e malvado.

Xa que logo, os gamoedeses plantaron e mantiveron coidada unha gran Sebe (tamén coñecida como Feno Alto) ao longo de toda a raia oriental de Gamoedo, que lindaba co límite do bosque. Fixérano «moitas xeracións» antes da Guerra do Anel.[k]

Porén, ao cabo dun tempo (pero aínda así «moito tempo» antes da Guerra do Anel), os gamoedeses descubriron que o bosque estaba a «atacar» a Sebe. As árbores empezaron a se plantar ao carón da Sebe e a se asomar por riba dela. A xeito de contraataque, os hobbits despexaron unha estreita faixa de terreo por fóra da Sebe, tallando e queimando moitas árbores.[a] Tamén despexaron unha zona situada máis cara ao interior da fraga, que despois se daría en chamar o Clareiro da Fogueira.

A familia gobernante de Gamoedo, os Brandigamo (herdeiros de Gorhendad Gamovello), posuían unha cancela particular na Sebe, pola que ás veces ousaban traspasar o limiar do Bosque Vello. Algunhas destas visitas seica eran excursións de pracer («cando lles dá a arroutada»[k]), para satisfacer as proclividades que tiñan os Brandigamo como Nidios que eran, pois «encantábanlles as árbores e os bosques».[l] Con todo, outras expedicións dos Brandigamo tiñan seguramente fins máis prácticos, por puro sentido hobbit, para coidar da faixa que despexaran. A Sebe aínda existía durante a Guerra do Anel. Disque polo menos un hobbit non pertencente aos Brandigamo adoitaba visitar o Bosque Vello: o Vello Miñoca.[k]

O herdeiro dos Brandigamo durante a Guerra do Anel era Meriadoc Brandigamo: un dos integrantes da Irmandade do Anel. Estivera no Bosque Vello «varias veces»,[a] e tiña unha chave da cancela. Seguindo o consello de Merri, Frodo Bulseiro (o portador do Anel Único) decidiu que tentarían cruzar o arrepiante bosque para eludir os Xinetes Negros que os perseguían: o bosque representaba o menor de dous males.

O vello Home Salgueiro

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Vello Home Salgueiro.

O vello Home Salgueiro é un espírito arbóreo maligno que vive no Bosque Vello de Tom Bombadil. Presenta o aspecto físico dun grande salgueiro que medra ao carón do río Curvimbio, pero a súa influencia abrangue toda a fraga.[a][3][c] Enfeitiza os hobbits, atrapando dous deles, que son rescatados por Tom Bombadil.[a] Bombadil explica que a árbore era completamente malvada e estendera o seu control á meirande parte do Bosque Vello.[c] Tolkien fixo un debuxo do vello Home Salgueiro, a partir dunha árbore sen demoucar ao carón dun río en Oxford, para complementar o seu traballo escrito.[4] A pérfida árbore é motivo de desconcerto entre os críticos, pois non cadra coa imaxe de Tolkien como ecoloxista amante das árbores; outros sinalan que os cristiáns tamén consideran que as árbores se viron afectadas pola caída do home.[3][5][6] [7]

Conversión ao mal

[editar | editar a fonte]

A académica Verlyn Flieger especializada en Tolkien sinala que o Bosque Vello contradí a postura protectora de Tolkien cara á natureza silvestre e, concretamente, as súas opinións positivas sobre as árbores. De feito, aínda que os hobbits d’O Señor dos Aneis conseguiron evitar por pouco a ameaza dos Xinetes Negros, o primeiro antagonista real co que se encontran é o vello Home Salgueiro. Tamén escribe que a talla e queima de centos de árbores polos gamoedeses ao longo da Sebe non difire da destrución provocada polos orcos de Saruman nos bosques que rodeaban Orthanc.[8] Comenta ademais que o vello Home Salgueiro aparece por primeira vez como «unha árbore depredadora» no poema de 1934 "The Adventures of Tom Bombadil", e que o personaxe experimenta un desenvolvemento n’O Señor dos Aneis, tal e como se documenta en The Return of the Shadow. Nun borrador temperán de 1938, afirma que o Salgueiro e o personaxe do vello Home non se converteran aínda nun ser indivisíbel. En troques, Tolkien describe como ese espírito gris sedento e arraigado na terra ficara apreixado no meirande salgueiro do Bosque Vello.[9] Flieger afirma que nese borrador e no «Manuscrito B» de 1943, Tolkien vencella a árbore e o espírito nunha mente non encarnada, apreixada nunha árbore. Comenta que Tolkien resolveu o problema de como podería un espírito quedar atrapado deste xeito, tornándoos nun só ser, árbore e espírito maligno ao mesmo tempo.[9] Segundo di a académica, o vello Home Salgueiro está acompañado no Bosque Vello por árbores que fan o que adoitan facer as árbores –desprender pólas, sacar raíces do chan–, pero que parecen reaccionar aos hobbits, dando unha impresión de motivación e intencionalidade que se ve acrecentada pola espesura que obriga os hobbits a se dirixir cara ao leste o ao sur, adentrándose no corazón do bosque,[a][9] xusto a onde non querían ir.[9]

Tolkien escribiu que todos os habitantes de Ea son susceptíbeis de corrupción, e que mesmo as árbores poden volverse más.[m] Matthew Dickerson sinala en J. R. R. Tolkien Encyclopedia que o vello Home Salgueiro è un excelente exemplo.[10]

Outro simbolismo

[editar | editar a fonte]

John Buchan compara o Bosque Vello de Tolkien coa «Vella Inglaterra» na obra de 1931 The Blanket of the Dark, onde o protagonista Peter Bohun desaparece nas Midlands inglesas, preto de Evesham. Tolkien sentía un grande afecto polas Midlands Occidentais porque o lado materno da súa familia, os Suffield, eran desa zona.[11]

Tom Shippey propón que o Bosque Vello contén un simbolismo máis fundamental. Frodo, o principal protagonista d’O Señor dos Aneis, describe o bosque como «a terra sombría»; Shippey baséase no contexto para suxerir que o bosque podería ser unha alusión á morte.[12]

John Garth escribe que o nome «Bosque Vello» (Old Forest no inglés orixinal) semella simple, pero está ateigado de significado: a palabra inglesa «forest» procede do latín medieval forestem silvam, «o bosque exterior», derivado á súa vez da verba latina foris, «ao ar libre». O autor interpreta que isto se refire a un bosque non valado, sinalando que o Bosque Vello está claramente valado por unha faixa de terreo queimado e unha alta sebe, para disuadir as árbores, aparentemente móbiles, de invadir Gamoedo.[13]

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

O bosque aparece no videoxogo The Lord of the Rings: The Fellowship of the Ring.[14]

No videoxogo de rol masivo Lord of the Rings Online, Bombadil encarga ao xogador unha misión na que debe apañar azucenas para Bagadouro ao pé do vello Home Salgueiro, advertíndolle de que a árbore o durmirá coas súas cancións.[15]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Tolkien 1954a, libro 1, cap. 6 "O Bosque Vello"
  2. The Adventures of Tom Bombadil, The Oxford Magazine, 15 de febreiro de 1934
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Tolkien 1954a, libro 1, cap. 7 "Na casa de Tom Bombadil"
  4. Tolkien 1977, cap. 1 "Of the Beginning of Days"
  5. Tolkien 1980, parte 2, cap. 4. Apéndice D
  6. 6,0 6,1 Carpenter 1981, #339 ao editor de The Daily Telegraph, 30 de xuño de 1972
  7. Segundo o mapa despregábel do oeste da Terra Media incluído na 1ª edición de Unfinished Tales (tapa dura). Este mapa estaba a maior escala có equivalente d’O Señor dos Aneis.
  8. Tolkien 2014, Prefacio
  9. Tolkien 2014, poema 2 verso 1
  10. Tolkien 2014, poema 2 verso 5
  11. 11,0 11,1 11,2 Tolkien 1954a, libro 1, cap. 5 «Conspiración desenmascarada»
  12. Tolkien 1954a, Prólogo §1
  13. Carpenter 1981, #212 a Rhona Beare, borrador non enviado, 1958
Referencias
  1. Dickerson, Matthew; Evans, Jonathan (2006). Ents, Elves and Eriador. University Press of Kentucky. cap. 5, p. 133. ISBN 0-8131-2418-2. 
  2. Hammond, Wayne G. & Christina Scull (2005), The Lord of the Rings: A Reader's Companion, HarperCollins, pp. 121–122, ISBN 0 00 720308 X.
  3. 3,0 3,1 Saguaro, Shelley; Thacker, Deborah Cogan (2013). Chapter 9. Tolkien and Trees J. R. R. Tolkien The Hobbit and the Lord of the Rings. Palgrave Macmillan (New Casebooks). pp. 138–154. ISBN 978-1-137-26399-5. Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2021. Consultado o 16 de outubro de 2022. 
  4. Hammond, Wayne; Scull, Christina (1995). J.R.R. Tolkien : artist & illustrator. London: HarperCollins. pp. 155–156. ISBN 978-0-261-10360-3. OCLC 34533659. 
  5. Dickerson, Matthew (2013) [2007]. Drout, Michael D. C., ed. Trees. J.R.R. Tolkien Encyclopedia (Taylor & Francis). pp. 678–679. ISBN 978-0-415-96942-0. 
  6. Nelson, Dale (2013) [2007]. "Literary Influences: Nineteenth and Twentieth Centuries". En Drout, Michael D. C. J.R.R. Tolkien Encyclopedia. Routledge. pp. 372–377. ISBN 978-0-415-86511-1. 
  7. Lobdell, Jared (2004). The world of the rings : language, religion, and adventure in Tolkien. Open Court. p. 9. ISBN 978-0-8126-9569-4. OCLC 54767347. 
  8. Flieger, Verlyn (2000). "Taking the Part of Trees: Eco-conflict in Middle-earth". En Clark, George; Timmons, Daniel. J.R.R. Tolkien and His Literary Resonances: Views of Middle-earth. Greenwood Publishing Group. pp. 147–158. ISBN 9780313308451. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Flieger, Verlyn (15 October 2013). "How Trees Behave-Or Do They?". Mythlore 32 (1). article 3, pp. 23–25. 
  10. Dickerson, Matthew (2013) [2007]. "Old Man Willow". En Drout, Michael D. C. J. R. R. Tolkien Encyclopedia. Routledge. p. 471. ISBN 978-0-415-86511-1. 
  11. Hooker, Mark T. (2011). "Reading John Buchan in Search of Tolkien". En Fisher, Jason. Tolkien and the Study of His Sources: Critical Essays. McFarland. p. 173. ISBN 9780786464821. 
  12. Shippey 2005, chapter 6
  13. Garth, John (2020). The Worlds of J.R.R. Tolkien: The Places that Inspired Middle-earth. Frances Lincoln Publishers & Princeton University Press. pp. 127–128. ISBN 978-0-7112-4127-5. 
  14. "Video Game / The Lord of the Rings: The Fellowship of the Ring". TV Tropes. Consultado o 13 May 2020. Lost Woods: The Old Forest level, at least in the first section. The trees constantly move around, making navigating the level very tricky. 
  15. "A Hero's Guide to the Old Forest". MMORPG. 18 February 2009. Consultado o 13 May 2020. After finding Tom in Chapter 9: Lilies for the River-daughter, he agrees to help you—only if you collect lilies for his wife Goldberry. Tom warns you that the lilies are guarded by the ancient tree known as Old Man Willow. Some say that this venerable tree and its dark heart is the source of all that is evil within the Old Forest. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]