Biografía
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A biografía (do grego βίος bios, que significa 'vida', e γράφειν grάphein, que significa 'escribir') é a historia da vida dunha persoa narrada desde o seu nacemento ata morte, consignando os seus feitos logrados e os seus fracasos, así como todo canto de significativo poida interesar da mesma.
Para iso adoita adoptar a forma dun relato expositivo e frecuentemente narrativo e en terceira persoa da vida dun personaxe real desde que nace ata que morre ou ata a actualidade. Na súa forma máis completa, sobre todo se se trata dun personaxe do pasado, explica tamén os seus actos con arranxo ao contexto social, cultural e político da época intentando reconstruír documentalmente o seu pensamento e figura. A biografía pode rexistrarse en forma audiovisual ou en forma escrita; neste último caso constitúe un subxénero literario da Historia que se divide á súa vez en diversos subxéneros.
Orixe e historia
[editar | editar a fonte]O termo data do século XVII e con el denomínase un xénero autónomo cultivado dende a antigüidade. Nos seus comezos, xa dende as Vidas paralelas de Plutarco, a biografía responde a un propósito edificante e moralizante, orientación que seguiu na Idade Media. Foi no Renacemento cando comeza en Italia o estudo de persoas ilustres de maneira individualizada, o cal contribuíu ao desenvolvemento do concepto da biografía, con persoeiros como Boccaccio, Vasari, Vilani ou Maquiavelo. Posteriormente, no período romántico, o xénero biográfico toma dúas direccións diferentes: afonda na vida psíquica do biografiado ou procura, por enriba de todo, a amenidade literaria, sacrificando a verdade do personaxe.