Saltar ao contido

Besante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moedas dos cruzados do Reino de Xerusalén propiedade do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico: diñeiro de billón de estilo europeo co Santo Sepulcro (1162-1175), besante de ouro cúfico (1140-1180) e besante de ouro con simboloxía cristiá (ca. 1250)
Besante chipriota a nome de Hugo I (1205-1218)

O termo besante (do francés antigo: besant) utilizouse en Europa Occidental durante a Idade Media, sobre todo entre os séculos X e XIII, para designar varias moedas de orientais e da área mediterránea, de ouro (e máis raramente de prata), derivadas do sólido do Imperio Romano e do nomisma bizantino.[1][2]

A partir deste uso, posteriormente deu lugar tamén á denominación dun tipo de figuración heráldica.[3]

A palabra é unha evolución do grego Βυζάντιον (Byzantion; "Bizancio", antigo nome de Constantinopla, a capital do Imperio bizantino), chegada a nós a través da expresión latina Byzantius nummus ("moeda de Bizancio") [4]

Na numismática

[editar | editar a fonte]

As primeiras moedas ás que se lles aplicou esta denominación foron as de ouro emitidas polo propio Imperio Bizantino, é dicir, o nomisma e, xa a partir do século XI, o hyperpyron. Máis adiante, o termo ampliouse aos dinares dos califatos islámicos cuñados sobre a base daquelas moedas, sobre todo ata o século XIII, aínda que a denominación se mantivo posteriormente durante séculos como unidade de conta.[5][6] Entre 1130 e 1140, os Estados croatas, que ata daquela emitiran moedas non distinguibles dos dinares, comezaron a emitir tamén besantes, máis lixeiros e con menor cantidade de ouro cós dinares.[7]

Pola súa vez, ás moedas de ouro emitidas polo Reino de Xerusalén e o Condado de Trípoli denominóuselles "besantes sarracenos", xa que estaban concibidas a partir do dinar.[8][9]

Marco Polo usou o termo besante no rexistro das súas viaxes pola Asia oriental, cando describiu as moedas do Imperio Yuan en torno ao ano 1300. As súas descricións baseábanse na equivalencia de 1 besante = 20 groats = 133⅓ torneses.[10] Tamén no manual dos comerciantes italianos Pratica della mercatura, de Pegolotti (ca. 1340) se usa esta denominación (na súa forma bisant) para as moedas de ouro do Norte da África, Chipre, Armenia e Tabriz (o actual acerbaixán iraniano).[11]

Paralelamente a estas moedas de ouro, coñécese tamén como besante ou "besante branco" a moeda de prata ou de electro emitida polo Reino de Chipre e baseada no aspron trachy bizantino.[12]

Na heráldica

[editar | editar a fonte]
Bandeira do Ducado de Cornualla que amosa quince besantes
Escudo do apelido Castro e Solla, con nove besantes vermellos sobre fondo de prata, intercalados con faixa ondulada en azul, no cuarto cuartel

En heráldica, coñécese como besante unha figura circular de cor dourada, en referencia ao sentido orixinal da palabra como designación monetaria. Como moitas figuras heráldicas, a do besante orixinouse durante os tempos das cruzadas, cando os cabaleiros europeos occidentais tomaron contacto por primeira vez coas moedas de ouro bizantinas.[13][14]

Durante a cuarta cruzada, a cidade de Constantinopla foi saqueada polos exércitos de Occidente e entre os botíns dos soldados necesariamente había importantes cantidades de besantes. Este evento tivo lugar nos albores da adopción xeneralizada de armas por parte da clase cabaleiresca e, xa que logo, moitos destes cabaleiros retornados incorporaron os besantes nos seus brasóns.

  1. "Besante Arquivado 22 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.". En Digalego. Dicionario de galego.
  2. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Besante".
  3. "Besante" no DRAG e no Portal das palabras.
  4. "Bezant". En Online Etymology Dictionary (en inglés)
  5. Grierson, Ph. "Bezant". En The Oxford Dictionary of Byzantium. Oxford University Press, 2005. ISBN 9780195046526
  6. Ehrenkreutz, A. S. "Arabic Dinars Struck by the Crusaders: A Case of Ignorance or of Economic Subversion". En Journal of the Economic and Social History of the Orient. 7:2 (1964)
  7. Boas, Adrian J. Crusader Archaelogy: The Material Culture of the Latin East. Routledge, 1999. Páxina 181. ISBN 0415173612
  8. "A Hoard of Early Tripolitan Crusader Bezants". En The Numismatic Chronicle. Vol. 154 (1994) pp. 214-217.
  9. Blancard, L. "Le besant d'or sarrazinas, pendant les croisades" 1879.
  10. Yule, H.; Cordier, H. (1903). The Travels of Marco Polo: The Complete Yule-Cordier Edition. 3ª ed. Plain Label Books. ISBN 1-60303-615-6
  11. Pegolotti, Francesco Balducci. La Pratica della Mercatura.
  12. Edbury, Peter. "Ernoul, Eracles and the Beginnings of Frankish Rule in Cyprus, 1191-1232". En Rogge, S.; Grümbart, M. (reds.) Medieval Cyprus: A Place of Cultural Encounter. Waxmann, 2015. ISBN 978-3830933601. Páxina 44.
  13. "Besante" e "bezante". En Diccionario de términos heráldicos (en castelán)
  14. "Bezant" en Friar, S. (ed). A Dictionary of Heraldry. Harmony Books. Nova York, 1987. ISBN 978-0517566657

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
  • Metcalf, D. M. "Crusader Gold Bezants of the Latin Kingdom of Jerusalem: Two Additional Sources of Information". En The Numismatic Chronicle. Vol. 160 (2000), pp. 203–218.
  • Miles, G. C. "Some hoards of crusader bezants". En Museum Notes (American Numismatic Society). Vol. 13 (1967), pp. 189–203.
  • Metcalf, D. M. Coinage of the Crusades and the Latin East in the Ashmolean Museum. Oxford, 1983. ISBN 978-0901405210
  • Malloy, A. G.; Preston, I. F.; Seltman, A. J. Coins of the Crusader States 1098-1291. Attic Books. Nova York, 1994. ISBN 0915018500.
  • Ehrenkreutz, A. S.; Emington, T.; Sālih Sārī. "Contributions to the Knowledge of the Standard of Fineness of Silver Coinage Struck in Egypt and Syria during the Period of the Crusades". En Journal of the Economic and Social History of the Orient. 31:3 (1988).
  • Kazhdan, Alexander Petrovich, ed. The Oxford Dictionary of Byzantium. Oxford University Press, 1991. ISBN 978-0-19-504652-6

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]