Batalla de Bautzen
A Batalla de Bautzen tivo lugar o 21 de maio de 1813 e resultou na vitoria do exército francés comandado por Napoleón Bonaparte sobre o exército de Prusia comandado polo conde Gebhard von Blücher e o de Rusia liderado polo príncipe Peter Wittgenstein.
Acontecementos
[editar | editar a fonte]O exército ruso-prusiano atopábase en plena retirada trala derrota anterior en Lützen, e finalmente, os xenerais Wittgenstein e Blucher ordenaron a este deterse en Bautzen en espera de recibir ao tsar Alexandre I de Rusia e ó rei Frederico Guillerme III de Prusia.
Este exército contaba cunha forza de case 100 000 homes, aínda que Napoleón aínda contaba con 115 000. Ademais, o Mariscal Ney tiña 85 000 homes máis a un día de marcha. Wittgenstein formou dúas liñas defensivas, con fortificacións nas aldeas e nos puntos elevados. Napoleón, pola súa banda, pensaba inmobilizar ó exército inimigo nas súas liñas, para logo atrapalos coas tropas de Ney. Con todo, estaba convencido de que o exército ruso-prusiano tiña máis soldados dos que realmente dispoñía, polo que decidiu que non podería pechar a trampa ata debilitalo.
Tras horas de intensos e duros combates, os franceses impuxeron a súa maior forza sobre as primeiras liñas defensivas e chegaron á vila de Bautzen, mentres o exército ruso-prusiano parecía atoparse atrapado. Pola noite, os franceses estaban xa listos para cortar as liñas de retirada inimigas. O Mariscal Ney mostrouse entón confuso, e situouse de forma incorrecta coas súas tropas, o que permitía aos aliados escapar da trampa.
A loita durante o resto do día foi moi dura, e tras moitas horas, o ataque francés, de bastante éxito ao principio, comezou a perder intensidade. De novo, a distracción de Ney, que decidiu tomar a aldea de Preititz, causou a perda da estratéxica posición que encerraba ás forzas inimigas. Os ruso-prusianos víanse empurrados cara a atrás, e cando se enviou á Garda Imperial, iniciaron unha retirada total. Sen as forzas de Ney para cortarlles o paso na retirada, escaparon da matanza total que Napoleón concibira.
Aínda que exitosa para o exército francés, a batalla non tivo o resultado decisivo que buscaba Napoleón debido ao fallo de Ney en cortar a liña de retirada inimiga, o que impediu unha vitoria total francesa que ben puidese cambiar o curso das futuras operacións en Leipzig.
Durante esta batalla morreu en combate o xeneral Geraud Duroc, amigo persoal e axuda de campo de Napoleón.