Saltar ao contido

Balar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Balar ou Balor, é o nome irlandés dun personaxe da mitoloxía celta. Pertencía á raza de deuses chamados os Fomoré. Posuía un ollo na fronte e outro na parte posterior da testa, que era maligno e que habitualmente mantiña pechado. Cando o abría, a súa mirada era mortal para aquel en quen a fixase. Esa mirada era o raio.

Balar foi quen matou o rei dos Tuatha Dea Dannan, Nuada, durante a Seguna Batalla de Magh Tuiredh. Lug, querendo vingar a Nuada, aproximouse a Balar (cuxo ollo maligno se volveu pechar despois de matar a Nuada). Ao darse conta que Lug se lle achegaba tentou volvelo abrir. Pero Lug foi máis rápido, lanzoulle unha pedra coa súa onda, que lle deu no ollo maligno, atravesándolle o cranio. Balar caeu morto de inmediato. Balar era avó materno de Lug, a pesar do cal morreu ás súas mans.

Outras versións da súa historia

[editar | editar a fonte]

Un conto irlandés narra outra versión da súa morte. Un druída predixo a Balar que sería morto polo seu neto. Balar tiña unha soa filla: Ethné, á cal encerrou nunha torre inexpugnable. A torre estaba construída na cima dunha rocha inaccesible na illa de Tory. Deulle por compañeiras a doce mulleres, cuxa misión era impedir que Ethné soubese que existían homes no mundo.

Ethné creceu prisioneira, e as súas compañeiras xamais lle falaron dos homes. Desde a súa torre vía pasar navíos e observou que eran conducidos por seres que non tiñan o mesmo aspecto que as mulleres que a rodeaban. Pediu que lle explicasen o misterio, pero as súas compañeiras negáronse a facelo.

Fronte á illa, na costa irlandesa vivían tres irmáns: Gavida, Mac Samhtainn e Mac Kineely. O primeiro era ferreiro, e o terceiro tiña unha vaca, cuxo leite era tan abundante que espertaba a envexa de todos. Balar quixo roubala e presentouse na forxa no momento no que a vaca era gardada só por un do tres irmáns. O irmán gardián, cometeu a imprudencia de deixar o ramal nas mans de Balar e este rapidamente levouna para a súa illa.

Mac Kineely quixo vingarse, e axudado por un druída e unha fada, presentouse na torre onde estaba Ethné, disfrazado de muller. Pediu asilo na torre, e unha vez concedido, a fada durmiu ás doce compañeiras de Ethné. Cando espertaron viron que a muller e a fada desapareceran. Ethné quedou preñada e dela naceron tres nenos. Balar envolveunos nunha saba, que suxeitou cun alfinete, e ordenou que os lanzasen a un abismo mariño.

Durante o transporte cara ao abismo, o alfinete desprendeuse da saba, e un dos nenos caeu á auga. Alí atopábase a fada, que o recolleu. Os outros dous irmáns morreron, pero o que viviu foi confiado a un ferreiro para que o educase. Balar vingouse cortando a cabeza a Mac Kineely. O seu irmán, o ferreiro Gavida, e o neno aprendiz de ferreiro, pasaron a traballar para Balar. Un día Balar foi a fragua e empezou a fachendear das súas fazañas, o novo ferreiro tomou unha barra que estaba a se arroibar no lume e golpeando a Balar por detrás introduciulla no seu ollo maligno morrendo no instante. O novo ferreiro era Lug, fillo de Mac Kineely.