Saltar ao contido

Argynnis paphia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Argynnis paphia

Hembra de Argynnis paphia.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Hexapoda
Clase: Insecta
Orde: Lepidoptera
Suborde: Glossata
Infraorde: Heteroneura
(sen clasif.): Ditrysia
Superfamilia: Papilionoidea
Familia: Nymphalidae
Subfamilia: Argynninae
Tribo: Argynnini
Xénero: 'Argynnis'
Especie: ''A. paphia''
Nome binomial
'Argynnis paphia'
(Linnaeus), 1758

Argynnis paphia é unha gran bolboreta laranxa, da familia Nymphalidae, descrita por Carl von Linné en 1758 como Papilio paphia.[1]

Pode ser confundida con Argynnis pandora, unha bolboreta moi parecida.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Son grandes, de 5 a 6 cm de envergadura, moi pouco máis grandes as femias que os machos. O anverso ou cara superior das ás dos machos son dun ton leonado vivo con numerosos trazos e puntos negros.

O anverso das ás anteriores, de entre 27 e 35 mm, posúe unha zona androconial moi ben definida entre a vea V1 e a V4, e na cela aparecen tres ou catro trazos negros. A zona basal é de tonalidade que vai do pardo ó verde oliva. As zonas discal, postdiscal e marxinal son de cor amarela laranxa. A discal áchase atravesada polas escamas androconiais, e uns trazos e puntos que debuxan unha liña irregular con dúas curvas e que non chega a E1a. Na zona postdiscal aparecen puntos que tampouco alcanzan E1a. Tamén posúe puntos negros pequenos na zona marxinal e unha fina liña negra paralela sobre a que aparecen pequenas manchas negras de forma triangular na confluencia coas veas. Ademais, aparece unha fina liña branca marxinal externa que é cortada na intersección das veas por trazos negros e que aparece tamén nas ás posteriores.

As posteriores, polo seu anverso, aparecen debuxadas cunha mancha ocre na marxe interna e no ángulo anal. As zonas basal e discal son da mesma cor que a basal nas ás anteriores, separadas da zona postdiscal por unha liña crebada negra. Esta zona é da mesma cor que as discais e postdiscais das anteriores, e posúe unha serie de puntos negros grosos entre E2 e E6. A zona submarxinal alberga unha serie completa de manchas negras, e, paralela a esta cara á marxe, outra serie de manchas máis finas, romboidais na confluencia coas veas.

Macho de A. paphia. Apréciase ben o androconio sobre as veas V1, V2, V3 e V4.

O reverso é de tonalidades amarela, laranxa e verde, cunha fina liña marxinal externa ocre e as veas amarelas alaranxadas. As ás anteriores son similares ao anverso, con manchas negras sobre fondo laranxa. A zona apical é de cor amarela pálida con manchas e trazos moi debilmente marcados de cor verde pálido.

Nas posteriores, as zonas basal e discal son verdes, tonalidade ouro, cunha curta banda branca nacarada, e outra, na postdiscal, ben definida pero de trazado irregular, á que segue unha banda ocre con cinco manchas de cor verde escura cun núcleo máis claro. Na zona submarxinal aparece unha serie completa de manchas verde escuras e unha banda rosa pálida seguida doutra banda violeta sobre a que aparecen manchas romboidales na intersección coas veas. Antes da liña marxinal externa, que é fina, branca e con puntos amarelo laranxas, aparece outra fina liña amarela laranxa.

Femia de A. pahia.

As femias son lixeiramente maiores e sen androconio. Teñen as ás anteriores de cor parda alaranxada cunha mancha escura en E6 e as posteriores co deseño mellor definido. Polo reverso son como as dos machos pero as veas de cor parda oliva; ás anteriores coa zona apical verdosa e posteriores coas bandas de cor nacarada e unha fina liña verdosa na zona submarxinal.[2]

Existe unha variedade —A. paphia f. valesina— que é pouco frecuente e que aparece en Europa, en zonas de alta montaña húmida, que posúe unha coloración verde escura no anverso das súas ás e que se pode confundir con Argynnis pandora.[3][4]

A eiruga é cilíndrica, coa cabeza e as costas negras ou marrón escura, con dúas liñas amarelas lonxitudinais e con «espiñas» de cor marrón avermellada. Os flancos son marrón avermellado ornados de manchas marrón escuro.[5]

A. pahia f. valesina femia.

Como no resto de especies da súa familia, os imagos presentan nas súas cabezas palpos longos, ollos separados e antenas moi unidas na base e cunha maza alargada. O primeiro par de patas é máis curto que os outros dous, acabando nun tarso peludo que utilizan para limpar as súas antenas. Os outros dous pares de patas terminan nunhas uñas que utilizan para agarrarse fortemente ás plantas. O abdome das femias é lixeiramente máis avultado e redondeado que o dos machos.[6]

Ciclo biolóxico

[editar | editar a fonte]

É unha especie univoltina que emerxe de xuño a finais de agosto. Trala cópula, a femia deposita os ovos en gretas da cortiza de árbores caducifolios —amieiro, faia, carballo, freixo, etc—. Antes do inverno, as eirugas rompen e comen o ovo que as protexía, e refúxianse na mesma cortiza, onde pasan a diapausa invernal. Na primavera abandonan o seu refuxio e buscan a súa planta nutricia, principalmente violetas, como a <i>Viola arvensis</i> ou a violeta común, e de cando en cando o framboeseiro ou outras especies de Rubus.[7] Na segunda metade da primavera forman as crisálides que se colgan boca abaixo dos talos ou peciolos das follas das plantas onde habitan. A principios do verán emerxe o adulto.[8][4][3]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
Macho de A. paphia sobre unha Apiaceae.

Distribúese por case toda Europa, chegando polo leste até a zona tépeda de Asia e polo sur até o Magreb.[4]

Habita os claros de bosques caducifolios, linderos, ribeiras de arroios e outros lugares onde crecen violetas e zarzas, desde zonas baixas até os 1400 m de altitude.[8][3]

Os adultos aliméntanse do néctar das zarzas, cardos, e outras Asteraceae do xénero Centaurea, de Apiaceae e tamén de melaza de pulgóns. Son potentes voadores, rápidos e nerviosos, e máis móbiles que outras bolboretas emparentadas, polo que poden verse por riba da copa das árbores a gran velocidade.[6]

Sistemática

[editar | editar a fonte]

Subespecies

[editar | editar a fonte]
  • Argynnis paphia argyrophontes Oberthür, 1923; sueste de China.
  • Argynnis paphia argyrorrhytes Seitz, 1909; norte do Cáucaso.
  • Argynnis paphia butleri Krulikovsky, 1909; Europa central.
  • Argynnis paphia delila Röber, 1896; Turquía.
  • Argynnis paphia dives (Oberthür, 1908); Alxelia.
  • Argynnis paphia formosicola Matsumura
  • Argynnis paphia geisha Hemming, 1934; Xapón.
  • Argynnis paphia masandarensis Gross et Ebert, 1975; Irán
  • Argynnis paphia megalegoria Fruhstorfer, 1907; China
  • Argynnis paphia neopaphia Fruhstorfer, 1907;
  • Argynnis paphia pusilla Wnukowsky, 1927; nordeste de Siberia.
  • Argynnis paphia thalassata Fruhstorfer, 1909; sur de Europa.
  • Argynnis paphia tsushimana Fruhstorfer, 1906; Xapón
  • Argynnis paphia f. valesina (Esper, 1798); montañas de Europa
  • Argynnis paphia virescens; Nakahara, 1926.

Sinonimia

[editar | editar a fonte]

Ao longo dos anos diversos autores denominaron a esta especie con distintos sinónimos:[7][9]

  • Papilio paphia Linnaeus, 1758
  • Papilio valesina Esper, 1798
  • Papilio anargyra Staudinger, 1871
  • Argynnis immaculata Bellier, 1862
  • Argynnis paphia f. valesinides Fruhstorfer, 1907
  1. Linneo, C. (1758)
  2. Aguado Martín, L. O. (2007), pp. 299-300
  3. 3,0 3,1 3,2 Higgins, L. G. y N. D. Riley (1980), p. 129
  4. 4,0 4,1 4,2 Leraut, P. (2007)
  5. Carter, D. J. e B. Hargreaves (2005)
  6. 6,0 6,1 Aguado Martín, L. O. (2007), pp. 229-232
  7. 7,0 7,1 Savela, M. (2011)
  8. 8,0 8,1 Aguado Martín, L. O. (2007), p. 301
  9. INPN (2011)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Aguado Martín, L. O. (2007). Las mariposas diurnas de Castilla y León (Lepidópteros ropalóceros) Especies, biología, distribución y conservación I. Valladolid: Junta de Castilla y León. p. 1041. ISBN 978-84-9718-473-1. 
  • Carter, D. J. e B. Hargreaves (2005). Guide des chenilles d'Europe (en francés). Delachaux et Niestlé. p. 312. ISBN 2-603-00639-8. 
  • Higgins, L. G. y N. D. Riley (1980). Guía de campo de las mariposas de España y Europa. Barcelona: Omega. p. 452. ISBN 84-282-0327-X. 
  • Leraut, Patrice (2007). Insectos de España y Europa. Barcelona: Lynx Edicions. p. 528. ISBN 978-84-96553-27-9. 
  • Linneo, C. (1758). "Systema naturae" (en latín). Consultado o 22 de xaneiro de 2011. 
  • Muséum national d'Histoire naturelle (2011). "Argynnis paphia INPN, MNHN". Inventaire national du Patrimoine naturel (en francés). Consultado o 22 de xaneiro de 2011. 
  • Savela, Markku (2011). "Lepidoptera and some other life forms" (en inglés). Consultado o 22 de xaneiro de 2011.