Arco longo inglés
O arco longo inglés (en inglés: English longbow) era un poderoso tipo de arco longo (de gran tamaño, para o tiro con arco) con preto de 2 metros de altura, usado polos ingleses e galeses durante a Idade Media, tanto para a caza como para a guerra. Os arcos longos foron particularmente eficaces contra os franceses na batalla de Agincourt durante a guerra dos Cen Anos.
Non sobrevive ningún arco longo inglés do período no que o arco longo era dominante (c. 1250–1450),[1] probablemente porque os arcos se debilitaron, romperon e foron substituídos no canto de ser transmitidos de xeración en xeración.[2] Porén, máis de 130 arcos sobreviven do período Renacemento. Máis de 3.500 frechas e 137 arcos longos enteiros foron recuperados do Mary Rose, un barco da armada de Henrique VIII que afundiu en Portsmouth en 1545.
Descrición
[editar | editar a fonte]As descricións da súa lonxitude abarcan dende os 1,2 a 2,11 m e estaban feitos de teixo normalmente, aínda que o fresno e outras madeiras tamén foran utilizados. As estimacións para a tensión que podían soportar estes arcos varían considerablemente. As estimacións feitas con exemplares do Mary Rose lograban unha tensión de 72 a 82 kg (706 a 804 N). Nun arco longo moderno é de 27 kg ou menos, ademais de que hoxe en día non hai arqueiros de tiro longo capaces de usar con precisión arcos cunha tensión de 82 kg.
Un arco longo debe ser o suficientemente longo como para que o seu usuario poida tirar a corda ata un punto da cara ou do corpo, polo que a lonxitude varía segundo o usuario. Na Europa continental, un arco longo era calquera arco máis longo que 1,2 m. A Sociedade de Anticuarios de Londres di que ten unha lonxitude de 5 a 6 pés (1,5 a 1,8 metros) de lonxitude.[3] Richard Bartelot, da Royal Artillery Institution, dixo que o arco era de teixo, de 6 pés (1,8 m) de longo, cunha frecha de 3 pés (910 mm).[4] Gastón III, Conde de Foix, escribiu en 1388 que un arco longo debería ser "de teixo ou buxo, de setenta polgadas (1,8 m) entre os puntos de suxeición da corda".[5] O historiador Jim Bradbury dixo que tiñan unha media duns 5 pés e 8 polgadas.[6] Todas menos a última estimación foron feitas antes da escavación do Mary Rose, onde se atoparon arcos que varían de lonxitude dende 6 pés 2 polgadas a 6 pés 11 polgadas (1,87 a 2,11 m) cunha lonxitude media de 6 pés 6 polgadas (1,98 m).[7]
O alcance desta arma medieval é descoñecido, con estimacións dende os 165 a 228 m. Os arcos longos modernos teñen un alcance efectivo de ata 180 m. Unha réplica dun arco longo do Mary Rose podía disparar unha frecha de 53,6 g a 328 m e unha de 95,9 g a unha distancia de 249,9 m.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Kaiser 1980.
- ↑ Levick 1992
- ↑ Kaiser 1980 footnote 5, citing "The Berkhamsted Bow", Antiquaries Journal 11 (Londres), p. 423
- ↑ Kaiser 1980 footnote 6, citing Major Richard G. Bartelot, Assistant Historical Secretary, Royal Artillery Institution, Old Military Academy, Woolwich, England. Letter, 16 de febreiro de 1976
- ↑ Longman & Walrond 1967, p. 132.
- ↑ Bradbury 1985, p. 75
- ↑ Staff 2007, p. 6.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bradbury, Jim (1985). The Medieval Archer. The Boydell Press. ISBN 0-85115-194-9.
- Kaiser, Robert E. (decembro de 2003). "Medieval Military Surgery". Medieval History Magazine 1 (4).
- Kaiser, Robert E. (1980). "The Medieval English Longbow". Journal of the Society of Archer-Antiquaries 23. Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2008. Consultado o 12 de abril de 2008.
- Levick, Ben (1992). "They Didn't Have Bows, Did They?". Regia Anglorum Publications.
- Longman, C.J.; Walrond, H. (1967). Archery. New York: Fiederick Ungar Publishing Co.
- Staff (2007). "The Ship – Armament – Bows" (10 pages ed.). The Mary Rose Trust. pp. 6, 7. Arquivado dende o orixinal o 25 de febreiro de 2008.