Analoxía
A analoxía é un proceso que se dá en numerosas disciplinas, polo cal dous elementos teñen unha relación estrutural. Algúns dos campos nos que ten lugar este proceso son a bioloxía, a lingüística, o debuxo técnico ou as matemáticas.
Tipos
[editar | editar a fonte]Bioloxía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Analoxía (bioloxía).
En Bioloxía dise que dúas estruturas son análogas se cumpren funcións semellantes por medios semellantes, sen que se requira que teñan a mesmo orixe evolutiva. Se amais teñen a mesmo orixe evolutiva, á vez que análogas serán homólogas. Por outra banda as estruturas homólogas poden diverxer na súa función para cumprir papeis diferentes.
Lingüística
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Analoxía (lingüística).
Os cambios analóxicos son mudanzas nas que unha unidade lingüística fai alternar o seu resultado espontáneo con outro ou outros creados por aplicación do modelo doutras unidades próximas do sistema coas que garda relacións de solidariedade. Teñen lugar no ámbito dos paradigmas morfolóxicos (xeralmente nos paradigmas morfolóxicos de estrutura complexa, como o do verbo, o substantivo, o pronome ou o adxectivo), no campo semántico ou no fonético. En moitos casos a forma analóxica acaba por desterrar a espontánea, xeralmente despois dun longo período de convivencia. Chámanse analóxicas por se basearen no principio da proporción -PRŌPORTIŌ en latín, como correspondencia do grego άναλογία-.
Dáse un caso de analoxía nas linguas nalgún dos seus niveis estruturais cando dous elementos (fonema, sílaba, palabra ou texto) teñen unha certa semellanza dentro da mesma secuencia. Por exemplo, cando alguén di *aericulares no canto de auriculares para referirse ós aparellos que serven para escoitar música e que se meten nas orellas, está deformando a palabra orixinaria por analoxía debido á súa semellanza a nivel fonético, etimolóxico e derivativo (os dous teñen os sufixos -cula + -arium, con significados diminutivo e colectivo respectivamente).
Do mesmo xeito, cando alguén di *sinceiro ou *zoa (referido a área) en galego está facendo unha ultracorrección por analoxía con tódalas verbas que rematan en -eiro ou tódalas caídas patrimoniais de n intervocálico. A este exemplo concreto de analoxía incorrecta chámaselle hiperenxebrismo, pero este proceso pode chegar a gramaticalizarse e entrar a formar parte da lingua.
A analoxía máis característica dáse no nivel fonético, pero pode aparecer tamén no semántico (usar *entrar o coche por meter o coche no garaxe). É un erro que se debe evitar na tradución (sobre todo na interpretación), pero tamén pode aparecer nos trastornos da linguaxe ou nos espoonerismos na fala habitual.