Saltar ao contido

Amish

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carruaxe amish no Condado de Lancaster (Pensilvania)

Os amish (en alemán de Pensilvania, amisch) son seguidores de igrexas tradicionalistas cristiáns que comparte cos menonitas unha herdanza común anabaptista, son popularmente coñecidos polo seu estilo de vida sinxela, a súa modesta vestimenta tradicional e o seu rexeitamento a adoptaren tecnoloxía do mundo moderno.

Características

[editar | editar a fonte]

A súa orixe está nunha escisión de 1693 de anabaptistas suízos e alsacianos dirixidos por Jakob Ammann[1] que no século XVIII comezaron a emigrar a Pensilvania acabando por desaparecer de Europa. A maioría dos amish seguen a manter a súa lingua tradicional, o coñecido como alemán de Pensilvania, e aínda que en orixe os amish era un grupo pequeno entre os seus falantes, agora son o principal núcleo ao se anglicizar os falantes doutras comunidades; no sur de Indiana esa fala tradicional é un dialecto derivado do alemán suízo[2]. O inglés é a lingua que utilizan no ensino e para se relacionar coas comunidades non amish, e o alemán estándar é a lingua na que están os seus libros relixiosos e tamén a que empregan nos seus actos relixiosos, agás nos sermóns que son en alemán de Pensilvania. Calcúlase en 273.700 o total de membros en Norteamérica en 463 asentamentos [3], deles 5.130 en Ontario (Canadá) distribuídos en 15 asentamentos.

Agricultor amish
Libro de himnos amish

Cren na interpretación literal da Biblia, entran no seo da igrexa co bautismo, normalmente entre os 16 e os 25 anos, o que é obrigatorio para o matrimonio dentro da súa fe: unha vez afiliado só poden casar con outros amish. A súa igrexa organízase en distritos que contan con total independencia orgánica, cada un conta entre 20 ou 40 familias, celebrando os servizos relixiosos cada domingo na casa dun membro ao careceren de igrexas; un bispo dirixe cada un dos distritos coa axuda de varios ministros e diáconos. As regras da igrexa denomínanse ordnung, e como non existe un organo central de goberno da igrexa, cada un deses distritos é autónomo e a súa máxima autoridade de goberno polo que as regras varían de igrexa en igrexa e normalmente non se recollen por escrito. Son regras que cobren moitos aspectos da vida diaria, incluíndo limitacións ou prohibicións no uso da electricidade, teléfonos e automóbiles e na vestimenta. A maioría dos amish practican a non resistencia e non realizan ningún tipo de servizo militar. Os membros que non cumpren o ordnung poden ser excomungados e mesmo rexeitados pola comunidade.

Aínda que con contactos coa sociedade circundante, tenden a manter un certo grao de distanciamento, enfatizando as relacións familiares e da igrexa, e normalmente operan escolas unitarias nas súas comunidades, deixando de estudar aos 13 ou 14 anos. A maioría dos amish pertencen a grupos afiliados co Old Order Amish pero existen outros grupos minoritarios, os grupos coñecidos como New Order Amish, separados da anterior na década de 1960 con presenza principalmente en Ohio con diferenzas[4] como permitir o uso de certas tecnoloxías, especialmente o teléfono, uso da electricidade para o traballo, de tractores pero non automóbiles -agás para os mozos-, permiten viaxar en avións, a súa vestimenta utiliza máis cores, realizan traballos misionais e imprimen folletos. A diferenza dos Old Older, que cren na esperanza da salvación, os New Older teñen a crenza da seguridade da salvación, permiten mocear á xente nova, práctica que tamén tenden a aceptar algunhas comunidades da Old Older, están contra o cultivo e consumo do tabaco e do alcohol, e realizan catequeses.

Existen tamén grupos máis conservadores como os Andy Weaver Amish e sobre todo os Swartzentruber Amish e Troyer Amish. Outros grupos con orixe na Old Older aceptaron plenamente a tecnoloxía moderna e perderon as características amish, aínda que tender a reter o nome, como Beachy Amish, que conta con case 9.000 membros [5].

  1. KRAYBRILL, (2001), The Riddle of Amish Culture (revised ed.), p. 7-8.
  2. Global Anabaptist Mennonite Encyclopedia Online
  3. “Amish Population by State (2012).” Young Center for Anabaptist and Pietist Studies, Elizabethtown College
  4. Amishamerica
  5. "Global Anabaptist Mennonite Encyclopedia Online". Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2013. Consultado o 25 de decembro de 2012.