Saltar ao contido

Alzavidros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os alzavidros[1] son uns dispositivos técnicos usados para subir e baixar vidros en vehículos, especialmente en automóbiles.[2]

Un Jeep Willys co parabrisas abatido.
Alzavidros con manivelas prateadas nas portas dun AMC Marlin de 1967.
Fiestras deslizantes horizontalmente dun Renault 4.
Controis dos alzavidros eléctricos na porta do condutor dun Cadillac Fleetwood.
Interior da porta do condutor nun Buick, amosando o cilindro hidráulico dun alzavidros eléctrico.

As primeiras xanelas na construción de automóbiles foron fixas ou acoplábeis nunha posición determinada. Primeiro usáronse como parabrisas e logo colocáronse tamén nos laterais. En moitos casos, os parabrisas dispuñan duns gonzos que permitían abatelos sobre o capó, característica que aínda conservaron vehículos todo terreo da segunda guerra mundial, como o Jeep estadounidense ou o Kubelwagen alemán.

As xanelas verticais retráctiles que se podían bloquear en calquera posición foron producidas por Lowe, Beva & Co. polo menos en 1908, e xa se coñecían como reguladores de xanelas.[3]

En 1926, o industrial alemán Max Brose patentou o primeiro sistema de alzavidros moderno. Accionado mediante unha manivela, permitía por primeira vez subir e baixar os cristais e deixalos en calquera posición intermedia utilizando unha soa man.[4] Despois de que a empresa estadounidense Ternstedt adquirise os dereitos de uso da patente do freo de resorte enrolábel, en 1928 comezou a produción en serie dos alzavidros mecánicos ideados por Brose.

O sistema de manivela fíxose practicamente universal, aínda que en vehículos económicos e de baixo mantemento aínda perduraron até a década de 1970 sistemas para abrir as xanelas máis simples, como as xanelas colgantes. Este sistema, utilizado en vehículos como o Citroën 2CV, consiste en dividir horizontalmente o vidro dunha fiestra en dúas partes, ficando a parte superior fixa e a parte inferior pendurada da outra mediante uns gonzos, que permiten encartar a fiestra cara a arriba por fóra, onde se suxeita cun retenedor de goma no que se encaixa a presión un vástago metálico. Ademais, tamén se utilizaron xanelas corredoiras, por exemplo no Renault 4.

Os primeiros alzavidros motorizados datan do outono de 1940, cando o fabricante estadounidense Packard introduciu alzavidros electro-hidráulicos para os seus novos coches da serie Packard Custom Super Eight de 1941.[5][6] Nese mesmo ano, Ford presentou os seus primeiros alzavidros eléctricos no Lincoln Custom (só a limusina e os sedáns de sete pasaxeiros).[7] Pola súa banda, Cadillac dispuña dun vidro divisor interior recto accionado electricamente na súa serie 75, aínda que non nas fiestras laterais.

Os accionamientos motorizados orixináronse pola necesidade e o desexo de encartar e despregar comodamente as capotas dos modelos cabriolés. Os primeiros sistemas eléctricos utilizaban accionamientos por medio do baleiro, e ofrecéronse nos vehículos de Chrysler, particularmente nos cabriolés Plymouth de baixo custo a fins da década de 1930.

Pouco iñantes da segunda guerra mundial, General Motors desenvolveu unha bomba hidráulica central para manexar automaticamente as capotas dos seus cabriolés. Este sistema introduciuse nos cabriolés de 1942 construídos por GM. Anteriormente, a firma utilizara un sistema sen carga que non tiña a potencia abonda para manexar mecanismos de capota nos cabriolés cada vez máis grandes e complexos (nos cabriolés con catro xanelas laterais, fronte aos cupés de só dúas).

O enxeñeiro xefe da división Buick, Charles A. Chayne, "... introducira un sistema hidráulico controlado eléctricamente nos cabriolés Buick de 1946 que permitía operar coa punta dos dedos a capota, os vidros das portas e o axuste do asento dianteiro". Estes sistemas baseáronse en importantes avances hidráulicos realizados en armas militares pouco iñantes da segunda guerra mundial.

O sistema Hydro-Electric (xanelas, axuste do asento dianteiro e teito cabriolé) converteuse nun estándar na gama de 1947. O sistema de asistencia para o asento e as ventás estivo dispoñíbel nos automóbiles pechados de GM (estándar nalgúns modelos Cadillac Serie 75 e en todos na Serie 60 Special, comunmente coñecidos como Fleetwood, a partir de 1948). O sistema completo era estándar só nos cabriolés GM de gama alta fabricados por Oldsmobile, Buick e Cadillac. Só estaba dispoñíbel como un paquete pechado, formado polo accionamiento automático dos vidros, o asento dianteiro e no seu caso da capota. Esta característica pódese identificar nos números de modelo de General Motors de 1948 e posteriores cun "X" ao final, como no sedán Cadillac Sixty Special de 1951, modelo 6019X. O sistema de bomba hidráulica operado eléctricamente foi compartido por Hudson e Packard para os seus modelos de 1948 a 1950. A porta do condutor contiña catro botóns, ademais dos das xanelas individuais restantes.

Ford tamén tiña un sistema electrohidráulico similar nos cabriolés de gama alta. Os cabriolés Mercury e Ford Sportsman (con molduras de madeira) estiveron equipados con catro xanelas motorizadas dende 1946 até 1948, e os Mercury e Lincoln en 1951.[8] Estes sistemas foron utilizados por outros modelos de automóbiles de luxo (Imperial e Packard) ata que Chrysler introduciu a operación eléctrica no Imperial de 1951. A dispoñibilidade de alzavidros eléctricos aumentou co uso de motores eléctricos pequenos de alto par.[8] General Motors tamén introduciu a operación totalmente eléctrica en 1954. Isto incluíu asentos de catro posicións e logo de seis posicións, que se introduciron en 1956. Chevrolet introduciu a rareza das xanelas dianteiras eléctricas (só) no modelo de 1954. Ford tamén introduciu os alzavidros eléctricos das catro portas nos sedáns en 1954. Os modelos Nash "Airflyte" de tamaño completo do ano 1955 presentaban alzavidros eléctricos opcionais.[9]

As xanelas de ventilación operadas electricamente xa estaban dispoñíbeis en 1956 no Lincoln Continental Mark II. O Cadillac Fleetwood da década de 1960 viña de serie con xanelas eléctricas de ventilación dianteiras e traseiras, ademais de xanelas laterais eléctricas estándar, para un total de oito controis de fiestras eléctricas no panel da porta do condutor.

Os camións de estrada modernos de servizo pesado con frecuencia teñen unha opción para os controis das xanelas eléctricas; porén, estes son xeralmente o que se coñece como de "ar puro", é dicir, o sistema de ar comprimido que se usa para os freos de ar tamén se usa para as xanelas. Estes tipos de camións utilizaron durante moito tempo cilindros de ar comprimido para axustar a altura do asento. De maneira similar ao sistema electrohidráulico, o ar comprimido simplemente céibase para baixar a xanela e/ou o asento. Deseguido, admítese o ar comprimido no cilindro respectivo para levantar o vidro ou o asento.

Nunha instalación típica de automóbil/camión lixeiro, disponse dun interruptor individual en cada xanela e un conxunto de interruptores na porta do condutor, para que este poida operar todas as xanelas. Estes interruptores adquiriron moitas aparencias diferentes, dende unha placa de cromo até un plástico máis económico.

Porén, algúns modelos como Saab, AB Volvo, Mazda e Holden utilizaron interruptores situados na consola central, onde son accesíbeis para todos os ocupantes. Neste caso, pódense omitir os interruptores montados nas portas. Isto tamén elimina a necesidade de producir compoñentes de porta e cableado separados para as variantes de volante á esquerda e á dereita.

Na industria automobilística

[editar | editar a fonte]
Unha sinxela tecnoloxía contribuíu ao éxito do Citroën 2CV.

As primeiras xanelas na industria do automóbil eran fixas ou desmontábeis, inicialmente só na parte frontal e máis tarde nos laterais. Máis tarde chegaron as xanelas frontais que se podían tombar coa axuda de gonzos. O último avance iñantes da solución moderna foron as xanelas laterais encartábeis. Un exemplo de uso de vidros encartábeis pode observarse no Citroën 2CV. Tamén as xanelas deslizábeis, como no Renault 4 eran frecuentes. As xanelas deslizábeis ou encartábeis teñen dúas vantaxes: son máis económicas e impermeábeis. Os illamentos dos alzavidros non poden asegurar unha impermeabilidade total. Por iso a parte inferior das portas dispón dunha canle para desviar a auga. Se se atascan ou o vehículo non está en posición vertical, entón acumúlase a auga e pode provocar corrosión na porta.

Alzavidros de manivela

[editar | editar a fonte]

O empresario Max Brose foi o primeiro en crear en 1928 os alzavidros mecánicos convencionais por xiro da manivela.[10] Grazas ao freo de resorte antirolo posibilitouse por primeira vez que a xanela permanecese en calquera posición. Esta tecnoloxía comercializouse baixo a marca "Atlas" para fabricantes de automóbiles como Daimler-Benz, Volkswagen así como Borgward e Lloyd.

Alzavidros eléctricos

[editar | editar a fonte]
Botóns para o control do alzavidros no Saab 9-5 (2005).

En 1938 foi presentado nos Estados Unidos o prototipo Buick Y-Job, que foi o primeiro coche equipado con alzavidros eléctricos.[10] Poucos anos despois introducíronse os alzavidros eléctricos nos coches Lincoln (hoxe parte do Grupo Ford) en 1941.

O primeiro vehículo europeo con alzavidros eléctricos foi o BMW 503 dos anos 1950.[10]

Na actualidade a variante eléctrica é o estándar, cun botón para accionar cada vidro na porta do mesmo. Igualmente, o condutor dispón da posibilidade de accionar os 4 alzavidros, na súa porta ou na consola central.

Funcionamento

[editar | editar a fonte]
Funcionamento dun alzavidros eléctrico. Na imaxe, deslízase cara a arriba.

No caso de alzavidros eléctricos que funcionan con cordóns tirantes, un motor eléctrico impulsa un tambor co cordón coa axuda dun parafuso sen fin. No tambor os dous extremos do cordón de aceiro están deseñados para que co xiro un extremo se enrole e o outro se desenrole.

Sistema de seguranza

[editar | editar a fonte]

O antipinzamento é un sistema de seguranza que evita danos en obxectos ou persoas se estes son atrapados cando se pecha a xanela.

Os sistemas máis sinxelos implementan o antipinzamento en parte de xeito mecánico por medio de limitadores de par. Os alzavidros eléctricos máis complexos e confortábeis con función de peche automático requiren un sistema antipinzamento: axiña que como o intre de propulsión para pechar elevando o vidro supera un valor límite dependente da posición do vidro, entón invértese a dirección de movemento do vidro para ceibar o obxecto pinzado. O sistema de antipinzamento debe de diferenciar con axuda da posición da xanela se se trata dun obxecto externo ou se se acadou o límite no que se atopa o illamento de goma.

Normalmente impleméntase a función antipinzamento con electrónica do motor, dado que se pode pescudar a posición do vidro no eixe do motor de forma sinxela coa axuda de sensores Hall.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para alzavidros.
  2. ÁGUEDA CASADO, EDUARDO, GARCÍA JIMÉNEZ, JOSÉ LUIS, GÓMEZ MORALES, TOMÁS, JOAQUÍN GONZALO GRACIA, MARTÍN NAVARRO, JOSÉ (2014). Amovibles. Ediciones Paraninfo, S.A. pp. 72 de 168. ISBN 9788428335829. 
  3. Notsitze und Fensterheber. In: Allgemeine Automobil-Zeitung, 29. November 1908, S. 45 (online bei ANNO).
  4. Peter Hertenstein (2019). Multinationals, Global Value Chains and Governance: The Mechanics of Power in Inter-firm Relations. Routledge. p. 172. ISBN 9780429748929. 
  5. Ward, James Arthur (1995). The Fall of Packard Motor Car Company. Stanford University Press. ISBN 978-0-8047-2457-9. 
  6. 1941 Packard Super 8 series 180 Sales Brochure, páxina 2.
  7. Donelly, Jim (Agosto de 2008). "Needing a Lift, (Maybe) Finding It". Hemmings Classic Car. 
  8. 8,0 8,1 Donnelly, Jim (January 2009). "A Cut Above". Hemmings Classic Car. 
  9. "Nash steals march in 'dream cars'". Life 38 (16): 93. 1955-04-18. 
  10. 10,0 10,1 10,2 Sin estos 7 inventos, conducir sería una auténtica tortura (05-02-2017). Motor.elpais.com.