Alocasia
Alocasia | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Alocasia macrorrhiza | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
Alocasia é un xénero de plantas perennes, de follas amplas, con rizomas ou tubérculos, da familia Araceae. Hai 89 especies aceptadas, nativas de Asia tropical e subtropical e do este de Australia. Na actualidade, cultívanse en todo o mundo como plantas de interior.[2] O xénero Alocasia está estreitamente relacionado co xénero Colocasia.
Características
[editar | editar a fonte]As grandes follas cordadas (con forma de corazón) ou saxitadas (con forma de frecha) alcanzan unha lonxitude de 20 a 90 cm sobre longos pecíolos. As súas flores aráceas crecen ao final dun curto talo, pero non son conspicuas; a miúdo están ocultas detrás dos pecíolos das follas.
Os cormos dalgunhas especies poden ser procesados para facelos comestibles; non obstante, as plantas crúas conteñen cristais de ráfide ou de oxalato de calcio xunto con outros irritantes que poden adormecer e inchar a lingua e a farinxe. Isto pode causar dificultades para respirar e dor aguda na gorxa. As partes inferiores da planta conteñen as concentracións máis altas do veleno.
Cultivo
[editar | editar a fonte]As plantas de Alocasia crecen en bosques tropicais e subtropicais con terras baixas húmidas. Algunhas especies son capaces de crecer de maneira epífita sobre árbores, mentres que outras crecen de maneira epilítica sobre as rochas.
Luz
[editar | editar a fonte]As alocasias precisan de luz indirecta brillante, o que evita que as súas follas se queimen, máis a cantidade e o tipo de luz dependen da especie. Algunhas variedades grandes poden tolerar luz solar directa completa, e a cor das súas follas tende a ser máis definido.[3]
Temperatura e humidade
[editar | editar a fonte]As alocasias sofren por baixo dos 15 °C. Algunhas variedades poden morrer durante o tempo máis frío e rebrotar desde o rizoma nos meses máis cálidos. Estas plantas requiren ambientes moi húmidos e non toleran as correntes de aire frías.
Auga
[editar | editar a fonte]O solo da planta debe manterse uniformemente húmido, pero sen encharcalo. Durante os meses de inverno, cando a planta está en estado de repouso, require menos auga. É conveniente deixar secar a parte superior do substrato entre regos para evitar a podremia das raíces.
Substrato de cultivo
[editar | editar a fonte]As alocasias precisan un substrato solto e ben drenado que pode ser mesturado con perlita ou codia de piñeiro. Teñen preferencia por un solo lixeiramente ácido.
Propagación
[editar | editar a fonte]A maioría das plantas de alocasia pódense propagar mediante a división de matas ou rizomas a partir dunha planta nai saudable. Tamén se pode propagar mediante a xerminación dos cormos que produce a planta no substrato.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Foi descrito inicialmente por Heinrich Wilhelm Schott como Colocasia sect. Alocasia en Meletemata Botanica 18, en 1832, sendo na actualidade tanto un sinónimo como un basónimo. Posteriormente, foi elevado a xénero por George Don e publicado en Hortus Britannicus, ed. 3, 631, en 1839.
Usos
[editar | editar a fonte]Ademais de ser unha planta ornamental, o xénero Alocasia utilízase tradicionalmente para tratar varias enfermidades, incluíndo diarrea, doenzas estomacais e diabetes. Identificáronse varios fitoquímicos nas especies de Alocasia, como flavonoides e compostos fenólicos, que contribúen aos seus usos tradicionais[4]
Especies
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Alocasia". Royal Botanic Gardens, Kew: World Checklist of Selected Plant Families. Consultado o 12 de decembro de 2009.
- ↑ "Plants of the World Online". powo.science.kew.org (en inglés). Consultado o 29 de setembro de 2024.
- ↑ "Alocasia Care". The Spruce. Consultado o 29 de setembro de 2024.
- ↑ "Traditional Uses, Phytochemistry and Biological Activities of Alocasia Species: A Systematic Review". ncbi. Consultado o 29/09/24.
- ↑ Alocasia en PlantList