Saltar ao contido

Alessandro Alessandroni

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAlessandro Alessandroni

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento16 de marzo de 1925 Editar o valor en Wikidata
Soriano nel Cimino, Italia Editar o valor en Wikidata
Morte26 de marzo de 2017 Editar o valor en Wikidata (92 anos)
Swakopmund, Namibia Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióncompositor, compositor de bandas sonoras, Músico de sesión Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1936 Editar o valor en Wikidata -
Familia
CónxuxeGiulia De Mutiis Editar o valor en Wikidata

Sitio webalessandroni.com Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0018145 Facebook: alessandroalessandroniofficial BNE: XX1601042 Musicbrainz: 19fc62c0-3241-499d-bc75-739e50cab1c1 Discogs: 130243 Allmusic: mn0000623589 Editar o valor en Wikidata

Alessandro Alessandroni, nado en Soriano nel Cimino (provincia de Viterbo) o 16 de marzo de 1925 e finado en Swakopmund (Namibia) o 26 de marzo de 2017 foi un compositor, arranxador, director de orquestra e multi-instrumentista italiano de sona internacional asociado a bandas sonoras en cine e documentais, especialmente polo seu traballo para a triloxía de westerns "Dollars" de Sergio Leone durante a década de 1960: Por un puñado de dólares, O bo, o feo e o malo e Per qualche dollaro in più. Foi o compositor da música de máis de 40 filmes.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Alessandroni comezou como músico popular de adolescente nas tendas da súa vila natal tocando a mandolina e a guitarra. Como músico novo, interesouse pola música folk da súa terra natal, a rexión do Lazio. Sen formación de conservatorio, despois da guerra comezou moi novo a frecuentar músicos profesionais e a ser contratado en restaurantes e discotecas. Segundo Francesco Bracci, esta capacidade para tocar en multitude de ambientes foi o que o preparou para ter unha boa habilidade escollendo a atmosfera musical precisa en casa escena de cinema na súa posterior carreira fílmica.[1] Viaxou por Europa, tocando o piano e cantando en diversos clubs. De volta en Italia, Alessandroni fundou o cuarteto de canto Le 4 caravelle e apareceu no popular programa de televisión Canzonissima.

Na década de 1950 a súa actividade principal foi a de instrumentista a quendas, ademais de músico de cabaret. Na década de 1960 a súa actividade como músico de sesión descendeu drasticamente e enfócase na composición mais no ano 1964 o seu amigo da infancia Ennio Morricone , invitouno a colaborar con I Cantori Moderni na banda sonora que estaba a compoñer para Per un Pugno di Dollari (Por un puñado de dólares, 1964), o spaghetti western de Sergio Leone.

No filme Alessandroni é o intérprete do icónico “asubío” da trilla sonora instrumental, que posteriormente se inmortalizaría nas seguintes películas da “triloxía do home sen nome” e que se convertería nunha marca rexistrada de todo o xénero. Alessandroni e o seu grupo, xa cunha fama crecente, impoñerían segundo a crítica un son característico, unha combinación de instrumentos, asubíos e coros, que os westerns italianos replicarían durante toda a década.[2] Así se escoitarían a súa fórmula vocal co recurso dos asubíos en C'era una Volta il West (Ata que chegou a súa hora, 1968), tamén de Leone, e con música de Morricone, banda sonora que se converteu nunha icona do western italiano, e no que tamén participou a voz de Edda Dell'Orso.

O propio Nino Rota, que descubriu a Alessandroni nos estudos Cinecittá, propúxolle incorporarse á súa orquestra, e en 1968 foi Piero Umiliani quen lle ofreceu participar na música do documental de filme mondo Svezia, Inferno e Paradiso (Suecia: ceo e inferno). Alí Umiliani compuxera a canción "Mah Ná, Mah Ná", que imaxinara ao estilo do grupo de Alessandroni de 16 vocalistas I Cantori Moderni. Alessandroni aceptou, e a interpretación única fíxose famosa en Europa, chegou a ser usada en varios sketchs de programas de televisión como Barrio Sésamo (1969), The Muppet Show (1976) e The Benny Hill Show (1969).

A partir da década de 1970 adentrouse no xénero erótico en películas como Eva Man: Due sessi in uno (1980), protagonizada pola entón famosa actriz trans Eva Coatti, coñecida como Eva Robin's; Incontri Molto Ravvicinati del Quarto Tipo (1978) e KZ9-Lager di Sterminio (1977).

Como músico de sitar decidiu empregalo para a comedia Tenderly (The Girl who Couldn't Say No, 1968) con Virna Lisi e George Segal. Proseguiu compoñendo varias cancións para diferentes películas, ademais de bandas sonoras completas. como Vado… L'ammazzo e torno (1967); La Figlia di Frankenstein (Lady Frankenstein, 1971); La Plus Longue Nuit du Diable (1971); Lo Strangolatore di Vienna (1971). Tamén Sette ore di Violenza per una Soluzione Imprevista (1973); Elena si…ma di Troia? (1973); Signora Gioca Bene a Scopa? (1974); La Spacconata (1975); Sangue di Sbirro (1976); L'adolescente (1976); La Professoressa di Scienze Naturali (1976); Suor Omicidi (1978); L'immbranato (1979); e Trinity Goes East (1998).

Alessandroni deu concertos por toda Europa ata ben entrada a súa vellez. Aparece co seu coro no álbum Rome de Danger Mouse e Daniele Luppi, publicado en 2011.

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Trala morte da súa primeira esposa en 1984, Alessandro Alessandroni casou coa fotógrafa Margaret Courtney-Clarke e mudouse a Namibia, país da familia política atraído pola paisaxe do deserto e a potencialidade para seguir compoñendo en calma. Faleceu en 2017 de cancro aos 92 anos.[3]

Álbums de estudio

[editar | editar a fonte]
  • Baroque jazz (con Carlo Pes e Franco Tamponi, 1969)
  • Ritmo dell'industria n°2 (1970)
  • Underground (con Oronzo De Filippi e baixo o alcume de The Braen's Machine, 1971)
  • Open Air Parade (SR Records, SR ST 36, 1972; con Giovanni Tommaso)
  • Mostra collettiva (con Rino De Filippi, 1972)
  • Prisma Sonoro (1974)
  • Inchiesta (1976)
  • Listen to my harmonica (con Franco De Gemini, 1978)
  • Alessandroni+Paul+Honesty (2004)
  • I Cantori Moderni di Alessandro Alessandroni (2007)
  • Forever (2018; composto no ano do seu falecemento e publicado un ano máis tarde)
  1. "FISCHIO DA LEONE. IN LIBRERIA LA PRIMA BIOGRAFIA DI ALESSANDRONI". Cinemonitor (en italiano). Consultado o 2024-04-12. 
  2. "The Spaghetti Western Whistler". Cinemonitor (en inglés). Consultado o 2024-04-12. 
  3. "Maestro Alessandroni passes away at Swakop". The Namibian (en inglés). Consultado o 2024-04-12. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]