Saltar ao contido

Adoración dos magos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Selo de Letonia de 1992 coa Adoración dos Magos

A Adoración dos Reis Magos é un episodio da vida de Xesús de Nazaret, quen recibiu a visita dos Reis Magos polo seu nacemento. Está narrado no Evanxeo segundo Mateu (2, 1-12) e converteuse nun tema iconográfico popular na arte cristiá. Na tradición católica, esta escena conmemórase na Epifanía, mentres a Igrexa Ortodoxa sitúao no 25 de decembro.

Fontes literarias

[editar | editar a fonte]
Tímpano de Santa María a Maior de Iria Flavia coa Adoración dos Magos.

Segundo Mateu, os magos (astrónomos) aparecen ante Herodes, en Xudea, na procura dun neno recentemente nado cuxo nacemento fora sinalado por unha estrela. Herodes envíaos en busca do neno, con recado de avisalo cando o atopen. Mais os Reis Magos, alertados nun sono dos celos de Herodes, non o farán. Seguindo a estrela, os Reis Magos achéganse a Xesús a quen adoran e a quen ofrecen ouro, incenso e mirra. Este é o momento máis representado na arte.

A narración, que non está presente nos outros evanxeos canónicos, fai referencia a unha pasaxe do salmo 72 que canta os bens da era mesiánica.[1] Deste xeito, resáltase a natureza de Xesús como mesías destacando que era adorado tanto por xente do común (pastores) como polos reis.[2]

O evanxelista non especifica o número de Reis Magos e moitos detalles, logo incorporados á tradición, foron tirados dos evanxeos apócrifos.[3] Parece que foi Oríxenes (185-224) quen fixou o número en tres segundo información recollida por Máximo de Turín e León o Grande. Tertuliano fainos reis a partir de profecías tirada dos salmos de David (67, 30). Finalmente, dende, polo menos, século IX son nomeados como Gaspar, Melchor e Baltasar, tal e como aparecen no Liber Pontificalis de Rávena.[4]

Pasaxe bíblica

[editar | editar a fonte]
Ilustración da adoración dos magos nun evanxeo armenio (segunda metade do século XIII)

O Evanxeo de Mateu no capítulo 2, versículos 1-12, relata o episodio deste xeito:[5]

Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando: "Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle rendermos homenaxe".

Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon: "En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta: 'E ti Belén, terra de Xudea, de ningún xeito es a máis pequena, entre as vilas de Xudea, que de ti ha saír o guía que será o pastor do meu pobo Israel'". Entón Herodes, ás agachadas, chamou ós magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles: "Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe". Eles, despois de oíren ó rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ó veren saír de novo a estrela.

E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle coma regalo ouro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño.

Motivo artístico

[editar | editar a fonte]
Panel central, coa Adoración dos Magos, do tríptico da Epifanía de Hieronymus Bosch

Trátase dun dos temas máis populares da iconografía cristiá e, aínda que foron variando o longo do tempo, os elementos que definen esta escena son os seguintes:

  • Presenza dos membros da Sagrada Familia: Xesús, a Virxe María e máis tarde Xosé.
  • Presenza dos tres Reis Magos, coa súa súa propia simboloxía e os seus dons: mirra, ouro e incenso.
  • Dende o Renacemento, o espazo é o lugar mesmo do Nacemento polo que no seu contorno distínguese o presebe, os animais (o boi e o burro) e a paisaxe circundante, o campo ou a cidade, ou mesmo ruínas antigas.

As primeiras representacións retrotráense ás catacumbas e nelas aparecen o neno Xesús, María, a estrela e os portadores dos agasallos canda os animais que lles servían de montura, primeiro camelos, logo cabalos. Cristo acepta os presentes ou bendí ao mago que se inclina ante el. Os outros dous magos observan a escena ou observan a estrela.

Tamén é un tema recorrente na iluminación dos manuscritos medievais como os libros de horas e misais. A partir do século XIV as representacións pintadas, frescos ou lenzos, gaña presenza nas igrexas, pois foi popularizada pola posta en escena dos misterios. Pouco a pouco, a escena vai facéndose máis conmovedora, insistindo no contraste entre a miseria de María e Xosé e a riqueza dos traxes dos Reis Magos, así como na inversión da escena de homenaxe que se lles rende habitualmente aos reis: aquí os reis próstranse ante o acabado de nacer. Os tres homes representan moi cedo as tres idades da vida que, co Meniño, completan a serie das idades. É o rei ou o mago máis vello quen se axeonlla diante do cativo, formando con el unha parella simbólica, a articulación do pasado e do futuro.

Segundo outra interpretación, os tres reis representan as tres partes do mundo entón coñecidas: Europa, Asia e África, de aí a presenza dun rei africano.

O transfondo da pasaxe tivo varios significados, se ben nun primeiro momento era un exemplo da conversión e salvación (uns magos estranxeiros adoran a Cristo), dende a Idade Media gaña peso como un símbolo de Xesús como Rei de reis, por ser adorado por uns monarcas.[3]

O Meniño adoita estar sentado no colo de María, mentres que Xosé adopta unha posición postergada. Ás veces inclúese un anxo á escena e adoitan presentarse moitos detalles anecdóticos, mesmo esotéricos no caso de Hieronymus Bosch.

É un motivo que inspirou a decoración escultórica dos tímpanos de igrexas románicas e góticas de Galicia. Destacan, por citar algúns exemplos, os da Catedral de Santiago de Compostela, presente tanto no tímpano das Pratarías como da Corticela, o tímpano da fachada occidental da Catedral de Tui, que inclúe a Herodes, e San Fiz de Solovio.

Obras destacadas

[editar | editar a fonte]

Século XIV

[editar | editar a fonte]

Século XV

[editar | editar a fonte]
Tondo de Fra Angelico ou Fra Filippo Lippi
Retablo de Monforte.

Século XVI 

[editar | editar a fonte]

Século XVII

[editar | editar a fonte]
  1. "Capítulos 71-75 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2022-02-20. 
  2. Laurentin, René (1982). Les évangiles de l'enfance du Christ. Desclée de Brouwer. p. 431. 
  3. 3,0 3,1 Fernández, María Novoa (2021-01-01). "La Epifanía en la Galicia medieval: configuración de una iconografía.". Medievalista. Online (en francés) (29): 387–400. ISSN 1646-740X. 
  4. Duchet-Suchaux, Gaston (1994). La Bible et les saints, guide iconographique. Flammarion. ISBN 2-08-012256-8. 
  5. "Capítulos 1-5 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2022-02-20.