Saltar ao contido

Aérospatiale Gazelle

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aérospatiale Gazelle
Tipohelicóptero lixeiro
FabricanteSud Aviation, Aérospatiale/Westland Aircraft
Primeiro voo7 de abril de 1967
Introducido1973
Produción1967-1996
Unidades construídas1 775

O Aérospatiale Gazelle (designacións da compañía SA 340, SA 341 e SA 342) é un helicóptero francés de cinco asentos comunmente usado para tarefas de transporte lixeiro, exploración e ataque. Está impulsado por un motor de turbina Turbomeca Astazou e foi o primeiro helicóptero en contar cunha cola fenestron no lugar dun rotor de cola convencional. Foi deseñado por Sud Aviation, posteriormente Aérospatiale, e fabricado en Francia e no Reino Unido a través dun acordo de produción conxunta con Westland Aircraft. Tamén se fabricou baixo licenza en Iugoslavia por SOKO e en Exipto por Arab British Helicopter Company (ABHCO).

Dende que comezou a operar en 1973 o Gazelle foi mercado e operado por un bo número de clientes de exportación. Tamén participou e numerosos conflitos en todo o mundo, como na guerra do Líbano de 1982, na guerra civil ruandesa ou na guerra do Golfo. No servizo francés o Gazelle foi complementado como helicóptero de ataque polo Eurocopter Tiger, pero aínda segue en uso principalmente como aparello de exploración.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

O Gazelle orixinouse nun requirimento do Exército francés para un helicóptero de observación lixeiro que substituíse aoAérospatiale Alouette III; a principios do seu desenvolvemento tomouse a decisión de alongar o helicóptero para permitirlle maior versatilidade e facelo máis atractivo para o mercado de exportación.[1] En 1966 Sud Aviation comezou a traballar nun helicóptero lixeiro de observación para substituír o Alouette II cunha capacidade para cinco persoas.[2] O primeiro prototipo SA 340 realizou o seu voo de estrea a 7 de abril de 1967, e inicialmente voou cun rotor de cola convencional do Alouette II. A cola foi substituída a principio de 1968 por un dispositivo fenestron no segundo prototipo.[2][3] Construíronse catro prototipos SA 341, incluído un para a firma británica Westland Helicopters. O 6 de agosto de 1971 o primeiro Gazelle de produción realizou o seu voo de estrea.[3] O 13 de maio de 1967 un Gazelle demostrou as súas capacidades de volocidade cando bateu dous récords nun circuíto pechado, chegando aos 307 km/h en 3 quilómetros e aos 292 km/h e 100 quilómetros.[4]

Gazelle do Exército francés

Dende o principio o Gazelle atraeu o interese británico, o que culminaría coa sinatura dun importante acordo de desenvolvemento e produción entre Aérospatiale e Westland. O acordo, asinado en febreiro de 1967, permitía a fabricación no Reino Unido de 292 Gazelle e 48 Aérospatiale Puma pedidos polas forzas armadas británicas; a cambio Aérospatiale recibiu unha cota no traballo de fabricación dos 40 Westland Lynx navais para a Armada francesa. Ademais, Westland tería un 65% de participación no traballo de fabricación, e sería un socio de Aérospatiale en futuras melloras do Gazelle. Westland produciría un total de 262 Gazelle de varios modelos, principalmente para varias ramas das forzas armadas británicas, e tamén para o mercado civil.[5][6]

En servizo co Exército Francés de Aviación Lixeira (ALAT), o Gazelle é usado principalmente como helicóptero anti-carro (SA 342M) armado con mísiles Euromissile HOT. Unha versión de apoio lixeiro (SA 341F) equipada cun canón de 20 mm é tamén usada como variante de combate aéreo co mísil aire-aire Mistral (Gazelle Celtic baseado no SA 341F, Gazelle Mistral baseado no SA 342M). As últimas versións anti-carro e de recoñecemento levan o sistema de imaxe termal Viviane e son chamados Gazelle Viviane. O Gazelle está sendo substituído en tarefas de primeira liña polo Eurocopter Tiger, pero continuará sendo usado nos roles de transporte lixeiro e enlace.

Tamén serviu en todas as ramas das forzas armadas británicas en distintos roles. Os británicos usaron catro variantes do Gazelle. O SA 341D foi designado Gazelle HT.3 na Royal Air Force e serviu como helicóptero de adestramento. O SA 341E foi usado pola RAF oara tarefas de comunicación e transporte VIP como o Gazelle HCC.4. O SA 341C foi designado Gazelle HT.2 e usado para adestrar pilotos polo Royal Navy. O SA 341B foi usado polo Corpo Aéreo do Exército como o Gazelle AH.1.

O Gazelle demostrou ser un éxito comercial que levou a Aérospatiale a desenvolver rapidamente a serie SA 342 Gazelle, que estaba equipada con motores actualizados. A fabricación baixo licenza do modelo non só se realizou no Reino Unido, sendo producido tamén pola firma exipcia ABHCO e a iugoslava SOKO, que fabricou 132 Gazelle.[5] A medida que o helicóptero se volvía vello comezaron a mercarse novos aparellos para o rol anti-carro; así os Gazelle anteriormente configurados como helicópteros de ataque comezaron a utilizarse en tarefas secundarias de apoio, como posto de observación aérea para dirixir o fogo de artillaría, control aéreo avanzado para dirixir aeronaves de ataque ao chan, evacuación de baixas, enlace e comunicacións.[7]

  1. Air International decembro de 1977, pp. 277-278
  2. 2,0 2,1 Giorgio 1984, p. 98
  3. 3,0 3,1 McGowen 2005, p. 124
  4. "1967: SA340 Gazelle". Eurocopter. Archived from the original on 19 de febreiro de 2013. Consultado o 13 de novembro de 2018. 
  5. 5,0 5,1 McGowen 2005, p. 125
  6. Field 1973, p. 585
  7. Crawford 2003, p. 35

Bibliografía

[editar | editar a fonte]