Ánxel Casal
Nome orixinal | (gl) Ánxel Casal Gosenxe |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 17 de decembro de 1895 A Coruña, España |
Morte | 19 de agosto de 1936 (40 anos) Cacheiras, España |
Causa da morte | paseo, execución por arma de fogo |
Alcalde de Santiago de Compostela | |
febreiro de 1936 – xullo de 1936 (destitución) ← Francisco Vázquez Enríquez – Manuel García Diéguez → | |
Actividade | |
Ocupación | político, editor |
Partido político | Partido Galeguista |
Familia | |
Cónxuxe | María Miramontes |
Ánxel Casal Gosenxe, nado na Coruña o 17 de decembro de 1895 e asasinado[1] en Cacheiras (Teo) o 19 de agosto de 1936, foi un editor e político galego. Para Alonso Montero[2]: sen Ánxel Casal, mesmo sen os seus criterios empresariais, non se entende o discurso político e literario galeguista como discurso público, e segundo Ramón Villares[3], Casal foi no campo da industria cultural o que Risco no da teoría nacionalista, Otero na prosa romancística ou Castelao no deseño e, desde logo, no liderado político.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Proviña dunha familia moi humilde, fillo de Manuel Casal Basteiro, de Vilantime (Arzúa), e de Filomena Gosende Arias, de Visantoña (Santiso), a súa nai era analfabeta e o seu pai autodidacta[4][5]. Dende moi novo axudou a súa familia na fonda que tiñan na praza de María Pita[6]. En 1909 emigrou a Bos Aires; alí estivo empregado en diversos oficios dous anos. Volveu á Coruña e atopou traballo no consulado de Francia. Debido á precariedade económica emigrou outra volta, desta vez a Bordeos, pero regresou aos poucos meses. De 1914 a 1917 cumpriu o servizo militar, do que sempre gardaría malas lembranzas. Uniuse á Irmandade da Fala da Coruña, colaborou no Conservatorio da Arte Galega e foi o promotor e primeiro mestre da Escola de ensino galego (galeguista e laica) 1926-1931 das Irmandades, a primeira que utilizou o galego.
En 1920 casou con María Miramontes e para sobreviviren abriron unha tenda de tecidos. En novembro de 1924, en colaboración con Leandro Carré Alvarellos, fundou a Editorial Lar. Desvencellouse desa iniciativa para fundar en 1927 a Editorial Nós. Da súa imprenta saíron A Nosa Terra e a revista Nós. En 1930 fundou o xornal republicano El Momento que, por falla de apoio, só durará 14 números e arrastra a Nós case a quebra. O 18 de maio de 1930 fundou con Fernando Osorio do Campo e Carlos Monasterio Valeiro o semanario republicano Adelante, que se mantivo até mediados de 1931.
En agosto de 1931 trasladouse para tratar de remontar a empresa a Santiago de Compostela. O matrimonio viviu entre 1933 e 1936 no hoxe número 16 –por aquel entón o número 18 do Inferniño de Arriba –agora, chamada Avenida de Raxoi. Tense dito que do taller de costura de María Miramontes saíron algúns cartos para axudar ó seu home coa editorial Nós[3].
A súa actividade como libreiro e impresor é fundamental para explicar o desenvolvemento do galeguismo entre os mozos composteláns. Coa súa imprenta traballando para os sindicatos e a esquerda republicana, gañouse o respecto dos diversos grupos que en 1935 construíron a Fronte Popular. Aló continuou a imprimir e colaborar en diversas iniciativas republicanas, galeguistas e sindicalistas. Foi o editor e impresor das revistas vangardistas Claridad (1934) e Ser (1935)[7]
Militante desde a súa creación do Partido Galeguista e pertencente á masonería[8], foi alcalde de Santiago de Compostela elixido por maioría entre os membros da Comisión xestora desde febreiro de 1936 até o 9 de xullo en que con todos os concelleiros galeguistas dimitirá dos seu cargos. Vicepresidente da deputación Coruñesa e do Comité executivo para o Estatuto de Autonomía, desenvolveu unha frenética actividade para conseguir a súa aprobación. Como alcalde impulsou tamén a iniciativa de Álvaro de las Casas para constituír a Asociación de Escritores de Galicia[9]. O 16 de xullo entregou nas cortes o texto estatutario aprobado o 28 de xuño.
Tras o golpe de Estado
[editar | editar a fonte]Ao coñecer as novas golpistas, regresou a Compostela para tratar de impedir o éxito do golpe. Reincorporado o 19, fíxose cargo da Alcaldía, tratando de organizar a resistencia. Tras o triunfo da sublevación militar do 18 de xullo escapou para a parroquia de Vilantime en Arzúa. Foi detido o 4 de agosto e levado á prisión da Falcona en Santiago de Compostela onde coincidiu con Camilo Díaz Baliño, quen o retratou a lapis ao igual que a outros presos republicanos[10]. Declarou como testemuña o 8 de agosto no proceso contra os membros do comité de defensa, e na noite do 18 ao 19 de agosto foi asasinado en Cacheiras, preto do cemiterio[4], o seu corpo apareceu xunto ao de José Devesa Areosa, marcado hoxe cun pequeno monumento.
Recoñecemento póstumo
[editar | editar a fonte]En 1940 as Mocedades Galeguistas da Arxentina crearon o selo Ediciós Ánxel Casal, que empregou en 1952 Luís Seoane para publicar o poemario Fardel de eisiliado. En 1950 o empresario Manuel Puente retomou a Editorial Nós, de Ánxel Casal, a quen Otero Pedrayo dedicou un capítulo no seu Libro dos Amigos[4]. Castelao terá dito que: “Casal fixo por Galicia máis que todos nós”[11].
Ánxel Casal está presente na novela de Manuel Rivas O lapis do carpinteiro como personaxe secundario sendo un máis dos prisioneiros do cárcere compostelán.
O Concello de Santiago, atendendo á proposta expresada polo IES Arcebispo Xelmírez I con motivo da celebración do 150º Aniversario da súa fundación, creou no ano 1996 o Premio Literario Ánxel Casal, nas modalidades de poesía, teatro e conto.[12] Ademais a capital galega declarou o ano 2005 Ano Ánxel Casal, co obxectivo de recuperar o importante legado cultural, artístico e político do intelectual galego.[13]
Foi proposto para o ano 2006 como candidato ó Día das Letras Galegas, coincidindo co Ano da Memoria Histórica, aínda que finalmente foi escollido Manuel Lugrís Freire. E de novo para o ano 2022, nunha candidatura conxunta canda Federico García Lorca, resultando finalmente escollido Florencio Delgado Gurriarán.
En marzo de 2008 foi bautizada co seu nome a Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, acabada de construír.[14]
O 19 de agosto do 2021 ás 20:00 horas celebrouse un acto institucional de lembranza a Ánxel Casal. Este acto tivo lugar na Estivada da Ribeira, en Cacheiras, preto do monólito que lembra o seu corpo. Nesta homenaxe pública participaron os Concellos de Santiago, Coruña e Arzúa e sirve tamén de recoñecemento a todas as persoas represaliadas no ano 1936[15].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Placa no edificio da rúa Real da Coruña no que se fundou a Editorial Nós.
-
Ánxel Casal fixo por Galicia máis que todos nós. Castelao.
-
Retrato feito por Camilo Díaz Baliño cando estiveron no cárcere de Santiago.
-
Tumba de Ánxel Casal no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ánxel Casal na base de datos do proxecto Nomes e voces.
- ↑ Alonso Montero, ed. (19/12/2000). "Ánxel Casal na Universidade". La Voz de Galicia. Consultado o 17/09/2021.
- ↑ 3,0 3,1 Mato, Alfonso (2007). Ánxel Casal, un editor para un país. Galicia - Século XXI. p. 10. ISBN 978-84-96530-47-8.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Biografía de Ánxel Casal". Consello da Cultura Galega. Consultado o 17/09/2021.
- ↑ "Anxel Casal Gosenje". Real Academia de la Historia. Consultado o 17/09/2021.
- ↑ Montagut, Eduardo. "Anxel Casal Gosenge". Nueva Tribuna. Consultado o 17/09/2021.
- ↑ Vázquez Souza, Ernesto (2003). A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Ed. do Castro. ISBN 84-8485-100-1.
- ↑ Mera Costas, Pilar (2014). Universidade Complutense de Madrid, ed. "Perseguidos en el limbo. La primera represión de la masonería". Revista Actual Online (33): 93–105. ISSN 1696-2060.
- ↑ Viveiro Mogo, Prudencio (2019). "Editorial Nós". Cervantes Virtual. Consultado o 17/09/2021.
- ↑ "Oitenta e dous anos do asasinato de Ánxel Casal". Nos Diario. 19/08/2018. Consultado o 17/08/2021.
- ↑ Alvarellos, Quique (29/06/2016). "Ánxel Casal, 1936". La Voz de Galicia. Consultado o 17/09/2021.
- ↑ "Premio Literario Anxel Casal". Concello de Santiago. Consultado o 17/09/2021.
- ↑ "Varios actos conmemorarán o 2005 Ano Ánxel Casal". Páxina oficial de Santiago de Compostela. Consultado o 17/09/2021.
- ↑ Portal da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
- ↑ "Homenaxe a Ánxel Casal". Concello de Teo. Consultado o 17/09/2021.
- ↑ O cemiterio de Santo Amaro. Memoria de dous séculos. Concello da Coruña, Fundación Emalcsa. 2012. ISBN 978-84-616-1077-8.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ánxel Casal |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Casal Gosenxe, Ánxel". Diccionario enciclopédico galego universal 13. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 122-123. ISBN 84-7680-429-6.
- "Casal Gosenxe, Ánxel". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 199. ISBN 978-84-7680-665-4.
- "Casal Gosenxe, Ánxel". Diciopedia do século 21 1. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 450.
- "Casal Gosenxe, Ánxel". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- "Casal Gosenxe, Ánxel". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Alonso Montero, Xesús (2006). Os escritores galegos ante a guerra civil española. Galaxia. ISBN 978-84-8288-979-5.
- Carballo, R. (1975) [1963]. "Casal Gosenje, Ángel". Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. pp. 571, 621, 635. ISBN 84-7154-227-7.
- Fernández del Riego, Francisco (1983). Ánxel Casal e o libro galego. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 978-84-7492-179-3.
- Dobarro Paz e Vázquez Souza (2003). Ánxel Casal (1895-1936). Textos e documentos. Ediciós do Castro. ISBN 978-84-8485-110-3.
- Gómez, A.; Queixas, M. (2001). Historia xeral da literatura galega. A Nosa Terra. pp. 208, 237. ISBN 84-95350-79-3.
- Mato, Alfonso (coord.) (2007). Ánxel Casal, un editor para un país. Consello da Cultura Galega. ISBN 978-84-96530-47-8.
- Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. Xerais. pp. [cómpre nº de páxina]. ISBN 978-84-9121-107-5.
- Vázquez Souza (2000). Anxel Casal: biografía no seu contexto cultural, político e empresarial (Tese). UdC. ISBN 978-84-692-8957-0.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Iglesias, Xabier: Os libros de Ánxel Casal
- Lombao, David (23/2/2016): "Ánxel Casal: 80 anos do día en que o editor do galeguismo foi alcalde", Praza.gal.
- Lombao, David (sen data) "Unha ducia de medidas do alcalde Ánxel Casal", Praza.gal.
- Ánxel Casal, o primeiro editor moderno de Galicia, no 80 aniversario do seu asasinato., AGE, 18/8/2016.
Predecesor: Francisco Vázquez Enríquez |
Alcalde de Santiago 1936 |
Sucesor: Manuel García Diéguez |