Televisión
A televisión é un sistema de telecomunicación para a transmisión de imaxes en movemento, habitualmente acompañadas de son, así como tamén o medio de radiodifusión desa imaxe e son a través de ondas electromagnéticas, funciona a partir da análise e conversión da luz e do son en ondas electromagnéticas e da súa reconversión nun aparello que recibe o mesmo nome do sistema ou pode tamén chamarse televisor ou aparello de televisión. O aparello de televisión capta as ondas electromagnéticas e a través dos seus compoñentes internos convérteas novamente en imaxe e son. A televisión empezou a comercializarse a finais da década de 1920 en forma de experimentos rudimentario, pero só despois de varios anos de desenvolvemento comercializouse entre os consumidores. Tras a segunda guerra mundial, popularizouse no Reino Unido e nos Estados Unidos unha forma mellorada de televisión en branco e negro, e os televisores convertéronse en algo habitual nos fogares, empresas e institucións, particularmente como fonte de entretemento e información, xerando unha potente industria ao seu redor. Durante a década de 1950, a televisión foi o principal medio para influír na opinión pública[1][1][1]. A mediados da década de 1960, introducíronse as emisións en cor nos Estados Unidos e na maioría dos demais países desenvolvidos.
A dispoñibilidade de varios tipos de medios de almacenamento de arquivos, como cintas Betamax e VHS, Laserdiscs, unidades de disco duro de alta capacidade, CDs, DVDs, unidades flash, HD DVDs e Blu-ray Discs de alta definición, e gravadoras de vídeo dixital na nube permitiu aos espectadores ver material pregrabado -como películas- na casa segundo o seu propio horario. Por moitas razóns, especialmente a comodidade da recuperación a distancia, o almacenamento da programación de televisión e vídeo agora tamén se produce na nube (como o servizo de vídeo á carta de Netflix). A finais da primeira década do 2000, as transmisións de televisión dixital aumentaron enormemente a súa popularidade. Outro avance foi o paso da televisión de definición estándar (SDTV) (576i, con 576 liñas de resolución entrelazadas e 480i) á televisión de alta definición (HDTV), que proporciona unha resolución substancialmente maior. A televisión de alta definición pode transmitirse en distintos formatos: 1080p, 1080i e 720p. Desde 2010, coa invención da televisión intelixente, a televisión por Internet aumentou a dispoñibilidade de programas de televisión e películas a través de Internet mediante servizos de vídeo baixo demanda como Netflix, Amazon Prime Video, BBC iPlayer e Hulu.
En 2013, o 79% dos fogares do mundo posuían un televisor.[2] A substitución das anteriores pantallas de tubo de raios catódicos (CRT) por tecnoloxías alternativas de pantalla plana, compactas e de baixo consumo, como as LCD (tanto fluorescentes retroiluminadas como LED), as pantallas OLED e as pantallas de plasma foi unha revolución do hardware que comezou cos monitores de computador a finais da década de 1990. A maioría dos televisores vendidos na década de 2000 eran de pantalla plana, principalmente LED. Os principais fabricantes anunciaron o abandono das pantallas CRT, Digital Light Processing (DLP), de plasma e mesmo das LCD retroiluminadas por fluorescencia a mediados da década de 2010.[3][4] Nun futuro próximo, espérase que os LED sexan substituídos gradualmente polos OLED.[5] Ademais, os principais fabricantes anunciaron que producirán cada vez máis televisores intelixentes a mediados de 2010.[6][7][8] Os televisores intelixentes con funcións integradas da internet e Web 2.0 convertéronse na forma dominante de televisión a finais da década de 2010.[9]
Inicialmente os sinais de televisión distribuíronse só como televisión terrestre utilizando transmisores de televisión de radiofrecuencia de alta potencia para transmitir o sinal a receptores de televisión individuais. Alternativamente, os sinais de televisión distribúense por cable coaxial ou fibra óptica, satélite e, desde a década de 2000, por Internet. Ata principios da década de 2000, transmitíanse como sinais analóxicas, pero esperábase que a transición á televisión dixital se completase en todo o mundo a finais da década de 2010. Un televisor estándar consta de varios circuítos electrónicos internos, incluído un sintonizador para recibir e descodificar os sinais de emisión. Un dispositivo de visualización que carece de sintonizador denomínase correctamente monitor de vídeo e non televisor.
Ademais do seu uso como emisión para o público a televisión úsase como circuíto pechado de televisión e para a televisión afeccionada. A televisión é un medio masivo de entretemento, noticias deportes e publicidade.
Historia
Boris Rosing patentou en 1907 un sistema de televisión que utilizaba como receptor un moi primitivo tubo de raios catódicos, un dos seus alumnos, Vladimir Zworykin solicitou a patente en 1923 dun sistema de televisión utilizando tanto como transmisor como receptor tubos de raios catódicos pero os seus experimentos prácticos non deron resultado[10]. O primeiro sistema semimecánico de televisión analóxica demostrouse en febreiro de 1924 en Londres por John Logie Baird cunha imaxe do deseño animado Felix the Cat e, posteriormente, imaxes en movemento en 30 de outubro de 1925, realizando a primeira demostración pública o 26 de xaneiro de 1926. O primeiro servizo regular de televisión, en analóxico, foi a W2XB, popularmente coñecida como WGY en Schenectady, Nova York, inaugurado en 11 de maio de 1928.
Os primeiros aparellos de televisión eran radios cun dispositivo que consistía nun tubo de neon cun disco xiratorio mecánico (disco de Nipkow) que producía unha imaxe vermella do tamaño dun selo postal. Entre 1928 e 1929 Philo Farnsworth e Zworykin presentaron receptores electrónicos semellantes e envolvéronse nunha lea xudicial durante varios anos. En 1931 Zworykin elaborou o primeiro iconoscopio funcional [11]. O primeiro servizo de alta definición apareceu na Alemaña en marzo de 1935, mais estaba dispoñíbel apenas en 22 salas públicas. Unha das primeiras grandes transmisións foi a dos Xogos Olímpicos de 1936, en Berlín. O uso da televisión aumentou nos Estados Unidos enormemente despois da segunda guerra mundial debido aos avances tecnolóxicos xurdidos coa guerra e á renda adicional dispoñíbel (aparellos de TV nos anos 30 custaban o equivalente a US$ 7000 actuais (2001) e había pouca programación dispoñíbel), e se en 1950 había 100.000 televisores un ano despois o seu número aumentou ao millón, chegando en 1959 ao 88% dos fogares[12], e xa para 1960 nese país a televisión desprazou ao cine como principal medio de entretemento[13], ao tempo que os principais estudios comezaban a distribuír os seus arquivos cinematrográficos na televisión[14]. No Reino Unido a Coroación da raíña Isabel II en 1953 significou o comezo do desprazamento da radio pola televisión[15]. En moitos países a televisión foi unha prerrogativa exclusiva do Estado que constituía un servizo público[16], en especial en Europa, pero sobre todo a partir das décadas de 1980 e 1990[17] comezou a permitirse en case todos os países a creación de cadeas privadas ou mesmo privatizáronse canles públicas, porén aínda quedan uns poucos réximes onde aínda a televisión queda totalmente baixo o control do Estado[18]. A televisión mudou a forma de concibir o mundo, mudou a forma de facer política e das campañas electorais [19], a transformación da Guerra de Vietnam en guerra televisada fixo modificar a percepción da propia guerra polo público estadounidense[20], converténdose no medio máis influente.
A televisión en cores xurdiu en 1954, na rede americana NBC. Un ano antes o goberno americano aprobou o sistema de transmisión en cores proposto pola CBS, mais cando a RCA presentou un novo sistema que non esixía alteracións nos aparellos antigos en negro e branco, a CBS abandonou a súa proposta en favor da nova. A aparición da gravación en cintas de vídeo en 1956 supuxo unha mudanza no sistema de produción, ata entón só se podían ver emisións en directo ou gravadas en filmes a través dun monitor de vídeo, sistema coñecido como kinescopio, que resultaba complexo xa que había que procesalo para adaptalo ás pantallas do televisor e á hora de editalo, as cintas de vídeo permitían a gravación dun xeito sinxelo e a distribución inmediata dos programas e series, aínda que as primeiras que saíron ao mercado non se podían editar.
A maior parte da produción que se emite no mundo son programas e series locais ou do propio país, en 1992 calculábase que o gasto en produción local e nacional superaba en 29 veces ao gasto en intercambio internacional de producións audiovisuais[21].
As novas tecnoloxías e a aparición de internet mudou á propia televisión, o telespectador ten acceso a moitos programas e series, de xeito gratuíto ou por pagamento, nas webs das canles ou en páxinas de video streaming ou descargas ou so demanda nos operadores de televisión por cable ou satélite ao mesmo tempo que os programas e series poden esténderse con complementos en internet, que poden incluír episodios tanxenciais feitos especialmente para internet ou para móbiles ou valos nas redes sociais ademais das tradicionais: xogos, camisetas, DVD[22].
Hai varios tipos de monitores de vídeo usados en equipamentos de Televisión. Ata a década de 2000 os máis comúns eran os CRTs (ou televisores de Tubo) chegando ás 40 polgadas diagonais.
Durante finais da década de 2000 e ata mediados da década de 2010, aproximadamente, empregáronse os televisores LCD (cristal líquido) e circuítos integrados (chips ) de imaxe reflectida
Dende finais de 2010 a maior parte das TVs utilizan tecnoloxía LED e tamén de Plasma (Displays de plasma).
As Pantallas grandes, 80 polgadas ou máis, usan Tecnoloxía de Proxección, que basicamente consiste nun proxector que se reflicte indirectamente nun reflector, o cal dirixe a imaxe a pantalla. aínda que cada vez as pantallas LED ou as de Plasma están a incrementar continuamente os seus tamaños.
Os Televisores non fixeron máis que crecer de tamaño ao ancho e alto, a díagonal, pero adelgazaron en canto a súa profundidade, sendo cada vez máis planos, con apenas unhas polgadas de grosor, podendo pendurarse na parede como un cadro, o que economiza espazo e poden converterse nun elemento decorativo, simulando ser un cadro activo, amosando diferentes imaxes ou vídeos.
Outro avance significativo son os seus sistemas de Conexión, que permiten acceder á Internet e conectar (vincular) dispositivos sen fíos como móbiles intelixentes ou dispositivos de reprodución.
Sistemas de televisión
Ao inicio das transmisións regulares de televisión a falta de estándares internacionais levou a que se desenvolveran tres sistemas de televisión analóxicos independentes para a televisión en branco e negro, o americano de 525 liñas, o europeo 625 liñas e o francés de 819 liñas. O sistema británico de 405 liñas mantívose en uso ata 1985 pero boa parte da programación británica xa se facía en 625 liñas desde a década de 1960. Na televisión analóxica en cor existen tres estándares independentes o PAL europeo, o SECAM francés e o NTSC americano.
- Sistemas de transmisión do son
- NICAM, MTS.
- Vía satélite usando sinal dixital.
- Televisión por cable
- hai tanto sistema por cable analóxico canto dixital.
- Televisión dixital (DTV): Sistema de Normas e Protocolos para a Emisión da Televisión en Formato Dixital.
- Televisión Dixital Terrestre (TDT): Sistema de Normas e Protocolos para a Emisión da Televisión en Formato Dixital a través de Emisoras e Antenas terrestres, coma por exemplo as dos fogares.
- TV de Alta Definición (HDTV): Diferénciase da televisión de Definición Estándar en que conta con maior Resolución. Ao funcionar dixitalmente referímonos a Resolución por Píxeles ou MegaPíxeles (Millóns de Píxeles), como nas cámaras fotográficas dixitais, en vez do número de liñas da pantalla dos modelos analóxicos.
- Pay-per-view: Programación Baixo Encomenda.
- Web TV: Emisión e Visualización de televisión a través de páxinas web, pode ser de pago ou gratuíto.
Programación é a transmisión nas estacións de televisión (por veces chamada de canais) que son frecuentemente dirixidos a unha determinada audiencia, porén existen moitas canles especializadas en noticias que teñen unha audiencia mundial, outras cadeas especializadas en deportes, filmes ou música teñen canles que abranguen boa parte do mundo. Alén diso, internet permite que calquera canle poida ter unha audiencia mundial.
Nos EUA, as redes de televisión producen programas primetime (horario nobre) para as súas emisoras afiliadas. Fóra do horario de máxima audiencia, a maior parte das emisoras teñen a súa programación de produción propia.
Día Mundial da Televisión
O 17 de decembro de 1996, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 21 de novembro como o Día Mundial da Televisión, como conmemoración do día en que se celebrou, en 1996, o primeiro Foro Mundial de Televisión das Nacións unidas [1].
Notas
- ↑ 1,0 1,1 Diggs-Brown, Barbara (2011) Strategic Public Relations: Audience Focused Practice p. 48
- ↑ "TVTechnology: The State of Television, Worldwide". Arquivado dende o orixinal o 28 de abril de 2015. Consultado o 23 de agosto do 2023.
- ↑ Julie Jacobson (1 de decembro de 2012). "Mitsubishi Drops DLP Displays: Goodbye RPTVs Forever". Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2015. Consultado o 23 de agosto do 2023.
- ↑ Marshall Honorof (28 de outubro de 2014). "LG's Exit May Herald End of Plasma TVs". Tom's Guide. Consultado o 23 de agosto do 2023.
- ↑ "LG Electronics expects the OLED TV market to gradually replace the LED TV market". Consultado o 23 de agosto do 2023.
- ↑ "All of Sony's new Smart TVs run on Android TV". The Verge. 5 de xaneiro de 2015. Consultado o 23 de agosto do 2023.
- ↑ "CES 2015: New Samsung Smart TVs Will Be Powered by Tizen OS". Tech Times. 3 de xaneiro de 2015. Consultado o 23 de agosto do 2023.
- ↑ "LG to show off webOS 2.0 smart TV at CES 2015". CNET. Consultado o 23 de agosto do 2023.
- ↑ "Internet TV and The Death of Cable TV, really". Techcrunch.com. 24 de outubro de 2010. Consultado o 23 de agosto do 2023.
- ↑ Paul Schatzkin "The Boy Who Invented Television", pp. 111-8.
- ↑ Dicky Howett Television Innovations: 50 Technological Developments, p. 15
- ↑ Susan B. Neuman Literacy in the television age: the myth of the TV effect, p. 1
- ↑ Jeremy G. Butler "Television: critical methods and applications", páxina 12
- ↑ Derek Kompare Rerun nation: how repeats invented American television, p.45
- ↑ Bob Mullan Consuming television: television and its audience, p.5
- ↑ Jan Wieten, Graham Murdock, Peter Dahlgren Television across Europe, p. 8
- ↑ Barbara J. Selznick Global television: co-producing culture, p.3
- ↑ Robert Clyde Allen, Annette Hill "The Television Studies Reader, p. 2
- ↑ Gary Donaldson The first modern campaign: Kennedy, Nixon, and the election of 1960, p. 46
- ↑ Bruce Cumings War and television, p. 1
- ↑ O'Regan The international, the regional and the local: Hollywood's new and declining audiences en E. Jacka Continental Shift: Globalization and Culture, p. 87
- ↑ Shawn Shimpach Television in Transition: The Life and Afterlife of the Narrative Action, p. 14 e seg.
Véxase tamén
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Televisión |
Bibliografía
- Erik Barnouw: Tube of Plenty: The Evolution of American Television, Oxford University Press 1992.
- Guy Debord: The Society of the Spectacle
- Jerry Mander: Four Arguments for the Elimination of Television, Perennial 1978