Saltar ao contido

Montaña rusa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Scenic Railway en Luna Park, Melbourne, construída en 1912.
Baixada en parafuso na montaña rusa alemá Expedition GeForce.

Unha montaña rusa é unha atracción de recreo que consiste nunha construción con carrís que soben e baixan polos que pasan unha especie de coches ou carriños a moita velocidade[1]. Adoitan aparecer nos parques de atraccións e temáticos modernos, aínda que tamén poden aparecer itinerantes nas festas das vilas.

LaMarcus Adna Thompson obtivo a primeira patente sobre a construción de montañas rusas o 20 de xaneiro de 1885, que estaban feitas de madeira, pero a historia destas atraccións é considerabelmente anterior, e posibelmente creadas en Rusia (de aí o nome galego). Esencialmente consiste nunha vía férrea sostida nunha estrutura de madeira ou aceiro, pola que circula un tren. A maioría delas doitan ter unha subida inicial pola que o tren ou coche ascende grazas a unha cadea de arrastre ou transportadora que xira continuamente na rampla. Xa no bico, o tren (que carece de motor) precipítase por unha baixada pr mor da gravidade, e fai un percorrido até que é freado e chega de novo á estación. O percorrido pode ter inversións (coma os loopings) e outros elementos de diversión. A maioría das montañas rusas teñen varios vagóns onde os pasaxeiros sentan e son amarrados.[2] Dous ou máis vagóns enganchados forman o chamado tren, porén algunhas montañans rusas teñen carros ou vagóns individuais. As montañas rusas non deixan de evolucionar, e aparecen novos tipos, por exemplo a vía non ten que ser necesariamente un circuíto pechado, coma no caso das montañas rusas tipo lanzadeira, e algunhas, para acadar a velocidade arelada, susbtitúen a aceleración acadada pola caída gravitatoria por un lanzamento impulsionado (montañas aceleradoras) con base hidráulica ou magnética. Algunhas montañas rusas van para atrás e para adiante (shuttles).

En Galicia non se atopa hoxe en día ningunha montaña rusa permanente.

Les Promenades-Aeriennes en París (1817).

Seica a orixe das primeiras montañas rusas está nos outeiros de xeo construídos no que hoxe é San Petersburgo[3]. No mesmo lugar, xa no século XVII, construíuse unha montaña rusa de estrutura de madeira duns 21 ou 24 metros de altura e unha pendente de baixada de 50 graos. Algúns historiadores din que foi en tempos de Catarina II de Rusia cando se construíu a primeira montaña rusa nos xardíns de Oranienbaum en San Petersburgo no ano 1784. Outros historiadores cren que a primeira montaña rusa moderna foi construída polos franceses. De feito, a Promenades Aeriennes no Parc Baujon e Les Montagnes Russes à Belleville (As montañas rusas de Belleville) construíronse en París en 1817 e ambas as dúas tiñan vagóns de rodas enganchados ás vías e fortes.[4]

O nome de montaña rusa é o empregado pola maioría das linguas románicas. En inglés emprégase o termo roller coaster, e curiosamente en ruso chámanlles американские горки" ("amerikanskiye gorki"), que significa montañas americanas.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]
Montaña rusa en Coney Island, Nova York (1903).

O primeiro looping foi, provabelmente, construído en París nun proxecto inglés en 1846 cunha única persoa no carriño que daba unha volta de 3,96 metros de diámetro.

Switchback Railway de LaMarcus Thompson, 1884.

A primeira montaña rusa dos Estados Unidos foi construída en base aos modelos gravitacionais anteriores. Estas montañas rusas primitivas foron creadas para ofrecer divertimento polas compañías ferroviarias as fins de semana nas que o movemento era máis baixo. O percorrido completo xurdiu en 1884 e en 1885 Phillip Hinkle introduciu o concepto do “monte elevador”.

No século XIX o looping vertical estudouse máis, así en 1895 o concepto foi utilizado na montaña rusa “The FlipFlap” no parque Sea Lion de Brooklyn. Os paseos eran extremadamente perigosos polo que os loopings foron retirado tendo que agardar medio século para xurdiren de novo, agora si, máis seguros.

Sistema underfriction nunha montaña rusa.

En 1912 xurdiu a primeira montaña rusa “underfriction”, ou sexa, utilizaba un dispositivo de rodas extra baixo os raíles para manter o carriños presos ás vías en caso de movementos intensos, desenvolvida por John Miller. Despois as montañas rusas espallaríanse coma atracción polos parques de diversións de todo o mundo.

Seica a montaña rusa máis coñecida de toda a historia sexa The Cyclone, inaugurada en Coney Island, Brooklyn, en 1927. Após a Cyclone, todas as montañas rusas fixéronse por longo tempo en madeira. Moitas montañas de madeira antigas aínda están en funcionamento, sendo a máis vella en funcionamento a Leap the Dips no parque Lakemont Park, Pensilvania, sen underfriction, construída en 1902.

A Great Depression marcou a primeira era dourada das montañas rusas. Os parques temáticos en xeral perderon protagonismo nos anos 50 e 60, até que en 1972 construíuse a Racer en Kings Island, Ohio. Proxtcado por John Allen, o éxito instantáneo do Racer supuxo unha segunda era dourada das montañas rusas que continúa até os tempos actuais.

En 1959, Disneyland, nos Ánxeles, introduciu un novo deseño de montañas rusas co Matterhorn Bobsleds. Esta foi a primeira montaña rusa en usar un raíl de aceiro tubular. Ao contrario dos raís de madeira convencionais, o aceiro tubular pódese dobrar en todos os sentidos, o que permite que os deseñadores do proxecto incorporen manobras coma loopings entre a pista. A maioría das montañas rusas actuais son feitas de aceiro, aínda que se seguen a construír montañas rusas en madeira, polas sensacións diferentes que aportan.

Mecánica

[editar | editar a fonte]
O percorrido dunha montaña rusa común.

Os carros ou vagóns comúns das montañas rusas non son empurrados todo o tempo. Normalmente soben pola rampla grazas a diferentes sistemas: a máis común é a de cadeas ou cabos mecánicos, sendo liberados no cume da primeira "montaña" para adquiriren a velocidade necesaria. Entón a enerxía potencial transfórmase en enerxía cinética e permite aos carros completaren o percorrido, ou parte del, a través desta forza adquirida. A enerxía cinética é novamente transformada en enerxía potencial mentres o tren se move novamente para o seguinte pico.

Montañas rusas máis modernas funcionan por lanzamento executado por mecanismos (motores de indución lineares, motores de sincronismo lineares, lanzamento hidráulico, lanzamento comprimido do ar, acción pneumática, etc). Algunhas montañas rusas móvense a través dun tipo de locomotora: as chamadas powered coaster

Seguranza

[editar | editar a fonte]

As estatísticas amosan que as montañas rusas no século XXI son seguras. En 2001, só 134 visitantes en todo o mundo necesitaron hospitalización. O número de fatalidades relacionadas coas montañas rusas é soamente de 2 por ano. De acordo a un estudo levado a cabo polos parques de atraccións Six Flags, 319 millóns de persoas visitaron parques norteamericanos en 2001. Este estudo concluíu que cada persoa ten unha posibilidade dunha entre un millón de sufrir unha fatalidade nunha montaña rusa. De feito, conducir até un parque de diversións é máis perigoso que montar nunha atracción do parque.

Algunhas montañas rusas poden ter dous ou máis trens ao mesmo tempo. Para previr accidentes, as montañas rusas usan o método block, ou de bloque, que evita unha posíbel colisión. Neste sistema de bloqueo a pista divídese en seccións, ou bloques. Soamente un tren de cada vez é permitido por bloque.

Clases de montañas rusas

[editar | editar a fonte]

Deseñadores e fabricantes

[editar | editar a fonte]

(Ligazón e nome en galego / Ligazón e nome en inglés)

Montañas rusas pioneiras

[editar | editar a fonte]
  • Primeira montaña rusa con inversión (sen-circuíto): sen nome, Frascati Garden. 1846
  • Primeiro parque cunha montaña rusa de circuíto pechado: The Switchback, Coney Island. 1884
  • Primeira montaña rusa con arnés: Drop-The-Dips, Coney Island. 1907
  • Primeira montaña rusa cun estilo de pista mobius: The Racer, Kennywood. 1927
  • Primeira montaña rusa con aceiro tubular: Matterhorn Bobsleds, Disneyland (Estados Unidos). 1959
  • Primeira montaña rusa de máis de 100 pés (30'5m): "Montaña Rusa", La Feria Chapultepec Mágico (México D.F.). 1964
  • Primeira montaña rusa con inversións de estilo moderno: The Corkscrew, Knott's Berry Farm (EUA). 1975
  • Primeira montaña rusa de 3 inversións: The Corkscrew, Cedar Point (EUA). 1978
  • Primeira montaña rusa de 4 inversións e inversión boomerang: Orient Express en Worlds of Fun. 1980
  • Primeira montaña rusa suspensa ou pendurada: Bat, Kings Island (EUA). 1981
  • Primeira montaña rusa de 5 inversións: Viper, Darien Lake. 1982
  • Primeira montaña rusa de pé: Xapón. 1982
  • Primeira montaña rusa de 6 inversións: Vortex, Kings Island (EUA). 1987
  • Primeira montaña rusa boomerang con 3 inversións: Boomerang Six Flags México (México D.F.). 1988
  • Primeira montaña rusa de 7 inversións: Shockwave, Six Flags Great America (Gurnee, IL). 1988
  • Primeira montaña rusa de circuíto completo a máis de 200 pés (61m): Magnum XL-200, Cedar Point (EUA). 1989
  • Primeira montaña rusa invertida: Batman The Ride, Six Flags Great America (EUA). 1992
  • Primeira montaña rusa de 8 inversións: Dragon Khan, PortAventura (Cataluña-España). 1995
  • Primeira montaña rusa en usar o sistema de propulsión magnética (LIM): Outer Limits, Flight of Fear, Kings Island e Kings Dominion. 1996
  • Primeira montaña rusa sen chan: Medusa, Six Flags Great Adventure. 1997
  • Primeira montaña rusa de madeira en usar freos magnéticos: Magnus Colossus, Terra Mítica (España). 2000
  • Primeira montaña rusa de circuíto completo a máis de 300 pés (91m): Millennium Force, Cedar Point (Oh EUA). 2000
  • Primeira montaña rusa de circuíto completo a máis de 150 km/h de velocidade: Steel Dragon 2000, agashima Spa Land (Xapón). 2000
  • Primeira montaña rusa de madeira cun anel vertical (vertical loop): Son of Beast, Kings Island. 2000
  • Primeira montaña rusa sen chan en Europa: Superman la Atracción de Acero, Parque Warner de Madrid (España). 2002
  • Primeira e única montaña rusa do tipo Giant Inverted Boomerang en Europa: Stunt Fall, Parque Warner, Madrid (España). 2002
  • Primeira montaña rusa de 10 inversións: Colossus, Thorpe Park. 2002
  • Primeira montaña rusa de catro dimensións: X, Six Flags Magic Mountain. 2002
  • Primeira montaña rusa de circuíto completo a máis de 400 pés (122m): Top Thrill Dragster, Cedar Point. 2003
  • Primeira montaña rusa de circuíto completo a máis de 200 km/h de velocidade: Kingda Ka, Six Flags Great Adventure. 2005
  • Primeira montaña rusa de circuíto completo a máis de 250 km/h de velocidade: Formula Rossa, Ferrari World, Abu Dhabi, 2010
  • Primeira montaña rusa de 14 inversións: The Smiler, Alton Towers (Reino Unido). 2013
  • Primeira montaña rusa de circuíto completo a máis de 500 pés (150m): Skyscraper, Orlando (Fl. EEUU). 2017
  • Primeira montaña rusa de circuíto completo a máis de 350 pés (109 m) en Europa: Acelerador Vertical, FerrariLand (PortAventura), (Cataluña-España), 2017 (Montaña rusa máis alta de Europa)
[editar | editar a fonte]
  • Rollercoaster – filme de 1977 sobre a cantidade de montañas rusas.
  • RollerCoaster Tycoon – Xogo para PC e X-box onde o xogador administra un parque de atraccións.
  • Final Destination 3 – Filme de terror estadounidense que se desenvolve a partir dun accidente nunha montaña rusa.
  • Cadeas e dragóns- debuxos animados onde un grupo de rapaces van parar a un mundo máxico cando montan nunha montaña rusa.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para montaña. (Definición de "montaña rusa" na entrada "montaña")
  2. Roller Coaster Glossary | Roller Coasters
  3. Robert Coker (2002). Roller Coasters: A Thrill Seeker's Guide to the Ultimate Scream Machines. Nova York: Metrobooks. 14. ISBN 1-58663-172-1.
  4. David Bennett (1998). Roller Coaster: Wooden and Steel Coasters, Twisters and Corkscrews. Edison, New Jersey: Chartwell Books. 9. ISBN 0-7865-0885-X.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]