Geri e Freki
Geri e Freki son na mitoloxía nórdica os dous lobos que acompañan ao deus Odín e figuran na Edda poética, na Edda prosaica —ámbalas dúas escritas e compiladas no século xiii por Snorri Sturluson—, así como na poesía escáldica.[1] Ámbolos dous personaxes foron comparados con outras figuras da mitoloxía grega, romana e védica; tamén foron asociados coas crenzas en torno ao mito xermánico dos «lobos guerreiros» ou Úlfheðinn, tamén coñecidos como berserker.[2]
Etimoloxía
De forma xeral, o significado dos nomes Geri e Freki en nórdico antigo, interpretouse como «voraz» ou «codicioso».[3] O nome Geri pode ter a súa orixe no adxectivo protoxermánico geraz, relacionado co burgundio girs, o nórdico antigo gerr e o alto alemán antigo ger ou giri; en todos estes idiomas o significado é o de «codicioso».[4] Para Bruce Lincoln, a orixe do nome atópase na raíz protoindoeuropea gher-, cuxa orixe é similar ao de Garm, nome do can que custodia o reino de Hela e que está intimamente relacionado cos eventos do Ragnarök.[5] Freki pode remontarse ao adxectivo protoxermánico frekaz, ligado co gótico faihu-friks, o frec anglosaxón e o alto alemán antigo freh; o significado de todos pode ser «ambicioso», «avarento», «desexoso», «cobizoso», «larpeiro» e «audaz». John Lindow interpretou os dous nomes como adxectivos nominalizados do nórdico antigo.[6]
Referencias
No poema Grímnismál da Edda Poética, Odín —disfrazado de Grímnir—proporciónalle ao mozo Agnarr Geirröðsson os mundos nórdicos, sobre Yggdrasil e sobre os compañeiros do propio. Nunha sección, Agnarr di que Odín alimenta a Geri e Freki cando o deus consome un tipo de viño específico.
Orixinal | Tradución de Benjamin Thorpe | Tradución de Henry Adams Bellows | Tradución en galego |
Gera ok Freka seðr gunntamiðr hróðigr Herjaföður; en við vín eitt vápngöfugr Óðinn æ lifir.[7] |
Geri and Freki the war-wont sates, the triumphant sire of hosts; but on wine only the famed in arms, Odin, ever lives[8] |
Freki and Geri does Heerfather feed, The far-famed fighter of old: But on wine alone does the weapon-decked god, Othin, forever live.[9] |
O señor das hostes, glorioso e belicoso, sacia a Geri e Freki; Mais só de viño, fero na súa armadura, Odín vive. |
Alúdese tamén aos lobos a través do kenning Os cans de Vinðrir, no verso 13 da Helgakviða Hundingsbana I,[10] onde se informa que eles andan no campo "ávidos dos corpos daqueles que caeran no campo de batalla"
Orixinal | Tradución de Benjamin Thorpe | Tradución de Henry Adams Bellows | Tradución en galego |
Fara hildingar hiorstefno til þeirrar er la/gdo at Logafiollom; sleit Froþa friþ fianda a milli, fara Viþriss grey valgiorn vm ey[11] |
The warriors went to the trysting place of swords, which they had appointed at Logafiöll. Broken was Frodi's peace between the foes: Vidrir’s hounds went about the isle slaughter-greedy[12] |
The warriors forth to the battle went, The field they chose at Logafjoll; Frothi's peace midst foes they broke, Through the isle went hungrily Vithrir's hounds.[13] |
Os guerreiros marcharon ao campo de batalla que escolleran en Logafiöll. A paz de Frodi entre os rivais foi quebrada: os cans de Vidri chegaran á illa ávidos de sangue |
No capítulo 38 do libro Gylfaginning da Edda prosaica, a figura exaltada de Hár explica que Odín entrega, aos seus lobos, toda a comida da mesa. Para o deus, o viño substitúe a bebida e a comida, polo que non a necesita. No capítulo 75 do libro Skáldskaparmál hai unha lista de nomes de huargos e lobos, onde aparecen Geri e Freki.[14]
Na poesía escáldica, Geri e Freki úsanse como nomes comúns para «lobo», especificamente no capítulo 58 do Skáldskaparmál —citados nalgúns traballos de Þjóðólfur úr Hvini e Egill Skallagrímsson—. Geri utilízase como sinónimo de lobo no capítulo 64 do Hattatal.[15][16] No capítulo 58 do Skáldskaparmál, Geri é empregado en kennings para «sangue», e para «prea» no capítulo 60 dese texto. Esas acepcións aparecen nas obras As cervexas de Geri e Pedazo de Geri, escritas polos escaldos Þórðr Sjáreksson e Einarr Skúlason respectivamente.[17] Freki forma parte dun kenning para «prea» no capítulo 58 do Skáldskaparmál.[18]
Teorías
O nome Freki tamén se aplica ao lobo Fenrir no poema Völuspá, dentro da Edda poética. O folclorista John Lindow viu isto como unha ironía, xa que segundo a mitoloxía nórdica Fenrir mataría e devoraría a Odín durante o Ragnarok.[19] O historiador Michael Spiedel relacionou a Geri e Freki con restos arqueolóxicos que representan figuras vestidas con peles de lobos, e frecuentemente atopados xunto a nomes relacionados con «lobo» entre os pobos xermánicos, incluíndo: Wulfhroc, Wolfhetan, Isangrim, Scrutolf, Wolfgang, Wolfdregil e Vulfolaic. Tamén poden estar ligados aos mitos sobre guerreiros-lobos da mitoloxía nórdica, como os berserker. Spiedel cre que isto apunta ao culto pan-xermánico dos guerreiros lobos, relacionado con Odín, e que diminuíu logo da cristianización.[20]
Crese, tamén, que os lobos poderían ser deidades das relixións protoindoeuropeas. O especialista Jacob Grimm atopou unha suposta conexión entre Odin e o deus grego Apolo, para quen os lobos e os corvos eran sagrados.[21] O filólogo Maurice Bloomfield relacionou a Geri e Freki cos dous cans de Iama pertencentes á mitoloxía védica temperá, que se interpretearon como unha adaptación xermánica do grego Cerberus.[22] Michael Spiedel comentou a conexión entre os lobos e as figuras dun gran poderío: "Por iso Geri e Freki, os lobos que están ao lado de Odin, tamén estaban a carón dos tronos dos reis anglosaxóns. Os lobos guerreiros como Geri e Freki non eran simples animais, senón seres míticos; como compañeiros de Odin, eles forman parte do seu poder, e el fíxoos lobos guerreiros".[23]
Galería
-
Odin montando a Sleipnir, mentres os seus corvos Hugin e Munin, e os seus lobos Geri e Freki aparecen ao seu arredor. Ilustración de 1895 do ilustrador danés Lorenz Frølich, publicada en Den ældre Eddas Gudesange).
-
Odin acompañado polos seus lobos durante un banquete no Valhalla. Ilustración no libro de Emil Doepler, Walhall, die Götterwelt der Germanen (1905)
-
Odin, cos seus corvos (Hugin eMunin) e os seus lobos (Geri eFreki). Ilustración no libro "Walhall" de Felix e Therese Dahn (1888).
Notas
- ↑ Simek (2007), pp. 90-106
- ↑ San José Beltrán ( 2015), p. 328
- ↑ Lindow (2001), pp. 120, 139
- ↑ Orel (2003), p. 132
- ↑ Lincoln (1991), p. 99
- ↑ Lindow (2001) pp. 120, 139
- ↑ "Grimnismal 16-20". voluspa.org (en inglés e nórdico antigo). 2008. Consultado o 21-8-2020.
- ↑ Thorpe (1907), p. 21
- ↑ Bellows (1923), p. 92
- ↑ Lincoln ve esa actividade como a razón que explica os adxectivos "voraces" ou "gulosos". Ver Lincoln (1991), p. 99.
- ↑ "Helgakviða Hundingsbana hin fyrri". etext.old.no (en nórdico antigo). (nº 13). Consultado o 21-8-2020.
- ↑ Thorpe (1907), p. 138
- ↑ Bellows (1936), pp. 295-296
- ↑ Sturluson-Faulkes (1995), p. 64
- ↑ Sturluson-Faulkes (1995), p. 135
- ↑ Sturluson-Faulkes (1995), p. 204
- ↑ Sturluson-Faulkes (1995), pp. 136, 138
- ↑ Sturluson-Faulkes (1995), p. 136
- ↑ Lindow (2001), p. 120
- ↑ Spiedel (2004), p. 24-28
- ↑ Grimm (1882), p. 147
- ↑ Bloomfield menciona, tamén, outra parella nórdica nesa conexión: Geri "Greedy" e Gifr "Violent" son dous cans que custodian á xovenca Menglöð no Fjölsvinnsmál. Véxase Bloomfeld (1908), pp. (316–318)
- ↑ Spiedel (2004), pp. 24-28
Véxase tamén
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Geri e Freki |
Bibliografía
- Bellows, Henry Adams (1923). The Poetic Edda (en inglés). American-Scandinavian Foundation.
- Bellows, Henry Adams (1936). The Poetic Edda (en inglés). Princeton: Princeton University Press.
- Grimm, Jacob (1882). Teutonic Mythology (en inglés) I. tradución da cuarta edición por James Steven Stallybrass. Londres: George Bell & Sons.
- Lincoln, Bruce (1991). Death, War, and Sacrifice: Studies in Ideology and Practice (en inglés). Chicago: University of Chicago Press. ISBN 0-226-48199-9.
- Lindow, John (2001). Norse Mythology: A Guide to the Gods, Heroes, Rituals, and Beliefs (en inglés). Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-515382-0.
- Orel, Vladimir (2003). A Handbook of Germanic Etymology (en inglés). Leiden: Brill. ISBN 90-04-12875-1.
- San José Beltrán, Laia (2015). Quienes fueron realmente los vikingos (en castelán). Quarentena. ISBN 978-84-16229-16-1.
- Simek, Rudolf (2007). Dictionary of Northern Mythology (en inglés). (tradución de Angela Hall). Woodbridge, Suffolk, (Gran Bretaña): D.S. Brewer. ISBN 0-85991-513-1.
- Spiedel, Michael (2004). Ancient Germanic Warriors: Warrior Styles from Trajan's Column to Icelandic Sagas. Londres: Routledge. ISBN 0-415-31199-3.
- Sturluson, Snorri (1995). Faulkes, Anthony, ed. Edda (en inglés). Londres: Everyman Paperbacks. ISBN 978-0460876162.